• Nova

Albada pide ano e medio de prisión e unha fianza de 400.000€ aos membros do Comité pola folga de 2013

A CIG denuncia este novo intento de criminalizar a resposta sindical e limitar o dereito á folga
A Coruña - 06 Xun 2016
Esta mañá, os/as membros do Comité da folga que durante 108 días se desenvolveu na planta de tratamento de residuos de Nostián, acudían aos xulgados da Coruña con motivo da apertura de xuízo oral pola demanda presentada contra deles pola UTE Albada (encabezada por Urbaser). Para a CIG, estamos ante un novo intento da patronal de criminalizar a resposta sindical e limitar o dereito á folga.

A apertura de xuízo oral prodúcese tres anos despois do desenvolvemento da folga, convocada en demanda dun convenio digno e pola readmisión de varios compañeiros/as despedidos/as pola empresa no medio das negociacións, nunha manobra para presionar o Comité e abrir varias frontes na batalla polo convenio.

Ante este novo intento de criminalizar a resposta da clase traballadora (tan común, na práctica antisindical de Urbaser), CIG, CCOO e UGT realizaron unha concentración  ás portas do xulgado en solidariedade coas persoas acusadas e na defensa do exercicio pleno do dereito á folga.

Dende esta perspectiva, non se pode menos que afirmar que Urbaser (do grupo ACS de Florentino Pérez) gusta de moverse no conflito permanente. A día de hoxe enfrontada ao Concello da Coruña e ao Consorcio das Mariñas en varios preitos, levando a planta á ruína coa súa actitude irresponsábel. Alén de pór en permanente risco os postos de traballo e incluso pretendendo que sexan os traballadores/as quen asuman as consecuencias das súas accións.    

Intentos de desactivar a loita sindical pola vía xudicial

Non cómpre perder de vista as prácticas habituais ás que recorre a empresa ante calquera conflito laboral nos seus centros de traballo, manobrando para tentar xudicializar a loita sindical, convertela nun acto criminal e rebentar por todos os medios ao seu alcance a unidade das traballadoras e traballadores. Basta lembrar que, previamente ao inicio da folga de 2013, Albada  presentara unha querela criminal contra os cinco membros do Comité da CIG, acusándoos de inxurias, logo destes denunciar vertidos de lixiviados directamente ao mar. A querela contra os membros do Comité non prosperou.

Xa coa folga en marcha, a empresa busca desactivala non pola vía da negociación e a mediación (que rexeita en numerosas ocasións), senón cunha demanda para que se declare a folga ilegal. Exactamente a mesma actuación á que Urbaser recorreu -un ano despois- para tentar dinamitar a folga convocada na recollida de lixo en Lugo.

Porén, en abril de 2014, Albada recibía un novo revés, ao confirmar a xustiza a legalidade da folga (ao igual que aconteceu no conflito do lixo de Lugo), e tal e como defendeu sempre a representación social. Máis á contra, nas sentenzas afírmase que é a propia empresa quen vulnera os dereitos fundamentais do seu persoal, actuando de mala fe e levando a cabo prácticas quebrafolgas.

Neste contexto é no que a empresa emprende accións legais contra o conxunto do cadro de persoal de Albada por coaccións e un delito contra os dereitos dos traballadores/as. Desa demanda derívase a apertura de xuízo oral, mais limitando xa o número de persoas acusadas aos membros que integraban o Comité de Folga. 

Toda unha carreira polos xulgados co obxectivo claro de equiparar calquera acción sindical cunha actuación criminal, ilícita e ilegal, tentado converter os/as traballadores/as que se mobilizan en delincuentes e á empresa nunha vítima das súas actuacións. Unha carreira que non consegue ocultar o vello desexo da patronal á que representa Urbaser: recortar ao máximo o dereito á folga e eliminar a capacidade da resposta sindical.

Empresa e Fiscalía coinciden nas súas acusacións

Nesta ocasión, a Fiscalía, asumindo todo o relatorio da demanda da empresa, acusa aos membros do Comité de Folga dun delito de coaccións e dun delito contra os dereitos dos traballadores e traballadoras; pedindo penas de prisión de ano e medio e o depósito dunha fianza conxunta e solidaria de 400.000€ no prazo dunha audiencia. En caso de non reunir esta cantidade de diñeiro, o xulgado procederá ao embargo inmediato dos seus bens.

Acusación particular e Fiscalía van en todo momento da man: acusan aos membros do Comité de Folga de dar “instrucións” ao conxunto do persoal “tendentes a impedir o acceso á planta durante as 24 horas do día para realizar o seu traballo diario”; así como de impedir a entrada ás instalacións tanto dos vehículos particulares e dos vehículos de empresa, como do persoal alleo á mesma. O escrito da acusación chega ao paroxismo de denunciar a organización de piquetes diante da entrada da planta.

Pero a denuncia vai máis alá e culpabiliza ao integrantes do Comité de Folga de seren os causantes do lanzamento de pedras contra camións do lixo, dos pinchazos de rodas, da queima de contedores pola cidade e mesmo do incendio orixinado no interior das instalacións. Feitos cuxa culpabilidade fan recaer sobre o Comité, aínda recoñecendo que se ignora a identidade das persoas que os levaron a cabo. É dicir, a amplitude da acusación abarca todo tipo de sucesos acontecidos durante o tempo da folga, e nos que non existe certeza da participación das persoas denunciadas.

Na demanda pídese tamén que por estes feitos os membros do Comité deberán pagar unha indemnización conxunta e solidariamente á empresa, aos representantes da empresa, ás compañías que traballan na planta, ao Ministerio e ao Concello da Coruña.