Alcaldes da Costa da Morte comprométense a iniciar xestións coa Xunta para que faga valer as cláusulas concesionais

Representantes do persoal e dos Concellos abordaron a situación das fábricas de Ferroatlántica

Cee -

A Sección Sindical da CIG en Ferroatlántica amosa a súa satisfacción polo compromiso adquirido por parte  dos alcaldes da Costa da Morte de solicitar unha reunión co presidente da Xunta para que inste a empresa a pór en marcha os fornos, atendendo ás condicións concesionais das centrais hidroeléctricas. A Xunta ten que facer valer as cláusulas das concesións para obrigar a empresa a deixar sen efecto este fraudulento ERTE, especialmente tendo en conta que Ferroatlántica decidiu non aplicar o expediente na planta de Santander apenas un día despois de asinarse o acordo.

"Un compromiso necesario", valora a sección sindical, desde que a principios de ano a empresa comunicou a súa decisión de parar dous fornos e deslocalizar a produción de manganesos a outras fábricas do grupo. Por parte dos rexedores locais, do mesmo xeito que a CIG vén reclamando, subliñouse que só desde a unidade de acción sindical e política se poderán acadar resultados positivos e frear as pretensións de Ferroatlántica.

Neste senso, dende a sección sindical da CIG recalcouse que "non imos cesar na reivindicación e na loita polo mantemento das fábricas e dos postos de traballo", polo que fan un chamado á seguir coa axenda de negociación, mobilización e de denuncia para conseguir "que o ERTE non teña consecuencias máis negativas que as negociadas en Madrid (e que non se repita o que aconteceu co acordo marco)" e ao tempo presionar a Xunta de Galiza "para que faga valer a vinculación entre a produción eléctrica e a industrial e para que o conselleiro de Industria atenda a solicitude de reunión que lle temos pedida".

Mais tamén chaman a continuar presionando o Goberno español para que aprobe, na maior brevidade posíbel, a regulación completa dun marco enerxético estábel para a industria electrointensiva. A este respecto, a sección sindical da CIG, xunto con compañeiros/as de Ferroatlántica Sabón e doutras empresas con elevados consumos enerxéticos, levou a reivindicación dunha tarifa estábel, predicíbel e que recoñeza o estatuto específico da industria electrointensiva á manifestación que a central sindical realizou na Coruña o pasado domingo, 10 de Marzo, con motivo do Día da Clase Obreira Galega.

A sección sindical tamén portou nesta manifestación unha pancarta rexeitando o peche dos fornos e contra a deslocalización da produción a outras plantas do grupo.

Volver