Alcanzado un preacordo para a sinatura do primeiro convenio de TUSSA

Debaterase esta noite en asemblea e de ser aprobado significará a desconvocatoria da folga

Santiago -

Tras varias reunións nos últimos días cos responsábeis de TUSSA e con representantes municipais conseguiuse alcanzar un acordo que o comité de empresa considera satisfactorio e que, polo tanto, se someterá ao debate e votación na asemblea de traballadores e traballadoras. No preacordo están recollidas as ferramentas para igualar, durante a vixencia do convenio, as condicións económicas e sociais de todo o cadro de persoal.

Tras semanas de bloqueo da negociación chegouse a un acordo sobre a antigüidade, o plus de xornada partida, o de domingos e festivos e máis a suba anual pendente de 2020. Este preacordo súmase ao resto de pactos xa alcanzados até febreiro de 2020, cando boa parte do articulado xa estaba consensuado e foi nese momento no que se bloquearon as negociacións. Desta maneira conseguise un acordo nun texto que se asinou na tarde de onte e que será o que se someta á decisión dos traballadores e traballadoras de TUSSA no día de hoxe.

De ser aprobado, significará automaticamente a desconvocatoria da folga prevista para os días 24 e 25 de xullo nos servizos de aparcadoiros, estación de autobuses, ORA, guindastre e depósito de vehículos.

No mesmo preacordo queda asinado tamén "que queda pendente a redacción final de parte do articulado para o rexistro do convenio, pero que a parte económica e de dereitos sociais enténdense pechada ao asumir os acordos até febreiro de 2020".

Volver