Alcoa péchase a calquera alternativa á parada das cubas e os gobernos néganse a achegar as solucións necesarias

A última reunión da mesa rematou sen acordo

Cervo -

Alcoa pechou a negociación sen ceder nada na súa teima de parar de forma inmediata o 100% das cubas de electrólise. O comité ofreceu primeiro deixar paradas o 50% das cubas, reducíndoa despois ao 35%, mais Alcoa rexeitou as dúas propostas sen dar outra alternativa que o paro total como fixo na negociación do ERE.

Polo demais, a sección sindical da CIG denuncia que a negociación do mércores foi totalmente improdutiva no referente a calquera outro achegamento á proposta realizada polo comité: ampliación das garantías de rearranque, investimentos, garantía de non execución de ERE para as auxiliares, solución para as ETT, investimento para a DBR, convenio etc.

A CIG resposabiliza deste fracaso tanto á propia Alcoa, polo seu cerramento, como á Xunta de Galiza e ao Goberno español xa que “durante toda a reunión ficaron como convidados de pedra, con boas palabras pero negándose a achegar as solucións  necesarias”. Solucións que teñen que pasar pola intervención pública da factoría, tal e como os traballadores e as traballadoras levan demandando dende hai máis de ano e medio.

Pero as administracións non só non actúan, senón que incluso pretenden facer responsábeis ao persoal afectado (tanto da principal como das auxiliares) “da decisión de aceptar a parada das series coas condicións de Alcoa ou a seguir a loita”.

Volver