Alcor Seguridad, excluída do concurso de vixilancia dos edificios de Política Social ao non ter plan de igualdade

A CIG-Servizos presentou alegacións diante da mesa de contratación solicitando que non se lle adxudicara o contrato a esta empresa
Nacional - 18 Xan 2023

A federación de Servizos da CIG logrou excluír a Alcor Seguridad do concurso público de vixilancia dos edificios e instalacións de servizos sociais dependentes da Consellaría de Política Social. A central sindical presentou alegacións diante da mesa de contratación ao entender que a empresa presentara unha oferta de baixa temeraria e ao non ter constancia da existencia do plan de igualdade, que foron atendidas e que supuxeron que a compañía quedase fóra do proceso.

O responsábel de Seguridade da CIG-Servizos, Pedro Pérez, considera “cando menos sorprendente” que a Consellaría volvese adxudicar provisionalmente o servizo o pasado 12 de decembro a Alcor Seguridad, empresa que xa xestionara este contrato con anterioridade, acumulando problemas laborais por irregularidades en materia salarial. Pérez lembra que daquela esta compañía fora sucedida por Mersant, “á que tiveron que rescindirlle o contrato por impago de soldos, sendo substituída por Sasegur”. 

A oferta de Alcor non daba sequera para cubrir os gastos de persoal

Mais o pasado 12 de decembro a mesa de contratación valorou especialmente a oferta económica de Alcor, moi por debaixo das demais compañías, cunha diferenza de arredor de 350.000 euros. Isto fixo que a CIG presentase alegacións diante da mesa de contratación ao entender que se trataba dunha oferta de baixa temeraria que dificilmente podería cubrir sequera os gastos de persoal.

Ademais, neste prezo non se tiña en conta o custe por hora fixado no convenio colectivo sectorial. “Este feito sería xa motivo de exclusión do concurso por non garantir os salarios e o resto de deberes económicos previstos na normativa europea”, sinala o responsábel de Seguridade da CIG-Servizos.

Ao mesmo tempo, nas alegacións presentadas pola central sindical alertábase da inexistencia do plan de igualdade, “polo que solicitamos que a mesa verificase se estaba aprobado e rexistrado, axustándose á legalidade para os concursos públicos e garantíndose así o cumprimento normativo en materia de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes”.

Finalmente, o pasado 16 de xaneiro a mesa de contratación levantou acta excluíndo a Alcor por non ter acreditado que o último día de prazo de presentación de ofertas tivese aprobado e inscrito un plan de igualdade, polo que quedaría incapacitada para presentarse ao concurso. A mesa acordou propoñer ao segundo clasificado (Sasegur), requiríndolle a a documentación acreditativa do plan de igualdade.