Alemaña: A pensión por puntos aumentou a pobreza das persoas de idade

Romaric Godin -

En Alemaña, a cuestión da pobreza das persoas pensionistas está no centro do debate político e deu lugar á corrección dun sistema de pensións por puntos que, xunto coas reformas neoliberais do mercado de traballo, é a orixe do fenómeno. Unha lección para Francia.

 Esta viraxe do ano 2020 tamén estivo marcado en Alemaña por un animado debate en torno á cuestión das pensións. Pero a natureza deste debate é significativamente diferente do que abala Francia. A cuestión é en efecto a da loita contra o fenómeno que máis preocupa á poboación alemá: a pobreza das persoas maiores. Tras intensos debates, os membros da gran coalición que reagrupa a CDU demócrata-cristiá, a CSU de Baviera e o Partido Socialdemócrata (SPD) lograron chegar a un acordo a mediados de decembro sobre unha “pensión básica” (Grundrente) para reducir o risco de pobreza das persoas maiores e que será financiada por un imposto sobre as transaccións financeiras. Este compromiso está lonxe de ser ideal e as novas medidas, previstas para 2021, non están aínda plenamente definidas. Porén, o intenso debate que se prolongou durante todo o ano 2019, e a insistencia no tema dun SPD asediado electoralmente, deberían conducir a moitas reflexións sobre as consecuencias da proposta de reforma dese lado do Rin.

 En Alemaña, o sistema de xubilación obrigatoria (GRV) abrangue todos aqueles que contribuíron polo menos cinco anos. Trátase dun sistema de puntos baseado nun referente que é o salario medio: outórgase un punto por un ano de traballo pago ao salario medio. Se se cobra máis, gáñanse máis puntos e se se cobra por baixo atribúese unha fracción de punto. Os puntos concédense por fillo criado por un dos membros da parella. Do mesmo xeito que no sistema proposto polo goberno francés, o “valor do punto” baséase no crecemento medio dos salarios. Pero verase como o exemplo alemán mostra os límites desta garantía.

 Para converter estes puntos en pensión ponse en práctica un dobre cálculo. Se a xubilación ten lugar á idade legal, aplícase un coeficiente 1 ao número de puntos. Pero se se produce antes, aplícase un coeficiente redutor que aumenta cada seis meses e que pode alcanzar ata un 14% para unha xubilación anticipada en catro anos sobre a idade legal. Esta idade baséase no ano de nacemento e é de 63 anos para as persoas nadas antes de 1953 e que teñan corenta e cinco anos de cotización, ata os 67 anos para as nadas logo de 1963 con menos de corenta e cinco anos de cotización. Unha vez asignado este multiplicador eses puntos convértense en euros. O valor de conversión é de 31,89 euros para os alemáns residentes na antiga RDA e de 33.09 euros para os residentes nos “antigos Länder”.

 Un sistema tal aseguraría en 2018 unha “taxa de reemprazo” media bastante baixa, do 48,2%, segundo o GRV. O que, en teoría, permitiría a un ou unha traballador ou traballadora do Oeste pagado ao salario medio durante corenta e cinco anos e que se xubilase á idade legal ter unha pensión bruta de 1.487 euros ao mes ou 1.327 euros netos. Con todo, a realidade é moi diferente. O importe medio das pensións mensuais aboadas ás e aos xubilados do Oeste é de 864 euros, cunha enorme diferenza entre os homes (1.130 euros) e as mulleres (647 euros). O que é peor, as e os novos pensionistas perciben pensións aínda máis baixas. En 2018, e de novo segundo os datos da entidade xestora da pensión obrigatoria, accedíase á xubilación nos antigos Länder cunha pensión media de 750 euros, 928 euros para os homes e 675 para as mulleres.

 Nun país onde os alugueiros subiron fortemente desde hai varios anos, a situación é preocupante, por suposto. Segundo Eurostat , en 2018, o 19% dos alemáns de máis de 65 anos de idade están en risco de pobreza, o que supera a media da zona do euro, que é do 17,4%. Sobre todo, son tres puntos máis que en 2009. En comparanza, en Francia, a taxa de persoas en risco de pobreza entre os maiores de 65 anos é do 9,9%, mentres que era do 13,4% en 2009. Francia e Alemaña, xa que logo, tiveron evolucións opostas. Por outra banda, só un país da UE, Dinamarca, ten un risco de taxa de pobreza dos de máis de 65 anos inferior á de Francia, co 9,6%. Hai pois un modelo francés nesta materia, que se opón claramente ao modelo alemán.

 Esta situación acompáñase dun fenómeno particularmente preocupante: o aumento da débeda das persoas de máis idade. En novembro pasado, o Instituto Creditreform, que mide o endebedamento da poboación nun “atlas” anual, decidiu facer fincapé neste punto. Desde 2013, o número dos maiores de 70 anos nunha situación de sobreendebedamento aumentou un 24,3% e un 45% só no ano 2019. Progresivamente, a situación económica dunha parte das persoas maiores estase convertendo en desesperada.

 Agora ben, como se viu coa diminución das pensións entrantes, a situación ameaza con se deteriorar aínda máis perigosamente. Un estudo da Fundación Bertelsmann e do Instituto económico DIW de Berlín confirma esta caída, que leva auga ao muíño dos que temen un verdadeiro “choque da pobreza das persoas maiores” nos próximos anos en Alemaña. Obviamente, estes cálculos están aínda suxeitos á validez dos modelos macroeconómicos e dos métodos estatísticos de medición da pobreza, pero permiten sinalar un risco que xa está presente dentro da sociedade alemá. O estudo é inequívoco: “A pobreza das persoas maiores aumentará nos próximos anos”, di, calquera que sexa o escenario. No esquema considerado máis probábel o risco de pobreza podería afectar a case o 22% dos e as alemáns pensionistas a finais da década de 2030.

 O estudo precisa cal vai ser a poboación máis afectada: a que accederá á xubilación na década de 2020, e no seu interior, particularmente os homes de baixa cualificación, os solteiros de ambos os sexos, as persoas de orixe inmigrante. Noutras palabras, as máis fráxiles. O maior risco de pobreza irá acompañado dun aumento da desigualdade. O sistema alemán de pensións é unha bomba social de reloxaría que se manifesta na ansiedade da poboación respecto ao avellentamento. Como proba diso, a Sociedade para a lingua alemá decidiu facer da palabra "Respektrente" (“xubilación digna”) a “palabra do ano” 2019 , que revela as preocupacións da poboación alemá (en 2018, a palabra do ano foi “Heißzeit” ou “tempo quente”). Un estudo realizado polo Deutsche Bank revela que a metade das e os alemáns estarían “preocupados” polo nivel da súa xubilación e só o 17% delas e eles están seguros de ter suficientes recursos para vivir.

As causas da desfeita

 Como se chegou a esta situación? O caso alemán aseméllase a un resumo dos efectos negativos do paquete de reformas que tanto gaban os defensores do goberno francés actual. Mediante a combinación da extrema flexibilidade das medidas de mercado de traballo, a moderación salarial e as medidas de recorte no sistema de pensións, os gobernos alemáns fixeron do sistema de puntos unha máquina de creación dunha pobreza masiva.

 Primeiro elemento: a obsesión polo equilibrio das contas. Alemaña é un dos países occidentais máis afectados polo tema das pensións, dada a súa situación demográfica. O país ten desde 1973 un incremento natural negativo (os nacementos son menos numerosos que as mortes) e a chegada de inmigrantes a partir de 2015 non resolveu o problema para o futuro. Nas súas previsións de poboación publicadas máis recentes, Destatis sinalou que a participación dos maiores de máis de 67 anos entre 2020 e 2040 incrementarase desde o 16.2% ao 21.2%, mentres que a do tramo de 20-67 anos aumentará do 51,8% ao 47,3% no mellor dos casos (44,8% no peor), polo que haberá un pouco máis de dúas persoas activas para financiar a unha xubilada en vinte anos.

 Fronte a este risco, Alemaña optou pola austeridade no seu sistema de pensións para acumular excedentes e reservas. Esta elección foi adoptada en función de certas prioridades políticas, especialmente os superávits das contas sociais para equilibrar o orzamento do Estado. Neste sentido, o sistema de puntos alemán era un instrumento ideal para alcanzar esa prioridade. Estas son as virtudes deste sistema de “cotizacións definidas” que pode xogar sobre a taxa de conversión de puntos para reducir a taxa de reemprazo do último salario. De feito, segundo as estatísticas da GRV, esta taxa, que foi do 55,2% en 1970, pasou ao 52,9% en 2005, ao 51,6% en 2010 e ao 47,7% en 2015.

 Todo isto sen tocar o “valor de adquisición do punto”, que seguiu á evolución media dos salarios, conforme á norma antes descrita. Pero a conversión destes puntos foise moi comprimida, facendo máis débil o valor das pensións. No proxecto proposto polo goberno francés, a garantía é a mesma: a de vincular o valor de adquisición do punto co salario medio sen dar ningunha certeza acerca sobre a futura taxa de reemprazo.

 Porén, o empobrecemento das e os maiores alemáns non se explica soamente polo funcionamento do sistema de pensións. É tamén e sobre todo o resultado da política de competitividade impulsada desde mediados de 1990. Esta política levou a rexeitar calquera aumento das cotizacións. Aínda máis, reduciunas desde o ano 2000 desde o 25,6% ao 24,7%, a fin de reducir o custo do traballo e de convidar os sindicatos a aceptaren a moderación salarial. Polo tanto, as únicas dúas posíbeis medidas de axuste eran a prolongación do tempo de traballo, decidida en 2005 pero a longo prazo, xa que será preciso esperar ata 2030 que a idade legal fíxese en 67 anos, e o nivel de vida dos pensionistas. E é sobre este último elemento sobre o que se xogou sobre todo, o que conduce a un empobrecemento de gran parte dos pensionistas. Unha vez máis, percibimos os efectos perversos dun sistema de cotizacións definidas.

 Máis aló do sistema de pensións, as reformas do mercado de traballo tiveron un efecto desastroso sobre a pobreza das persoas maiores. Porque como “vende” regularmente o goberno francés, o sistema de pensións por puntos ten esta función de “traducir” na pensión o conxunto da carreira profesional. Afírmase que isto reflectirá mellor as carreiras fragmentadas. Agás que se as carreiras fragmentadas, interrompidas ou parciais son tidas en conta, sono, precisamente, á súa única medida. Resultado: as vagas de liberalización do mercado de traballo en Alemaña, incluíndo a explosión de traballo a tempo parcial, conduciron á redución das pensións recoñecidas.

 Detrás da aparencia radiante do mercado de traballo alemán, hai unha realidade: a da redución do tempo de traballo real. Como sinalou o director do instituto DIW Marcel Fratzscher nun artigo publicado por Die Zeit, “hai poucos países occidentais, onde caia tanto o tempo medio de traballo como en Alemaña”. Hoxe, di, 16 millóns de traballadores traballan en Alemaña a tempo parcial sobre 45 millóns de traballadores, é dicir, case o 36%. A caída da taxa de desemprego corresponde pois menos a un aumento da actividade que a un fraccionamento do traballo. E este fraccionamento do traballo reflíctese precisamente, en virtude da xubilación por puntos, no importe das pensións. Canto máis se avanza no tempo, máis a xeración do tempo parcial chega á xubilación e esta é a razón pola que as pensións dos novos e novas xubilados e xubiladas caen significativamente, como se viu. Isto é o que explica igualmente por que as mulleres, que representan o 80% dos traballadores a tempo parcial teñen pensións inferiores nun 43% de media ás dos homes no Oeste.

 Pero esta non é a única explicación. A principal son os salarios. A política alemá de moderación salarial, especialmente sobre os baixos salarios, foi organizada en gran medida legalmente. Obviamente coñécense as leis Hartz de 2002 a 2004, que afectaron á capacidade de formación dos salarios mediante a redución dos dereitos ao seguro de desemprego (como a que acaba de realizar o goberno francés) e a promoción o traballo parcial pouco pago (os famosos ‘mini-jobs’). Pero esta moderación comezou a mediados da década de 1990 e apoiouse na aprobación dos sindicatos sometidos á chantaxe das deslocalizacións e ao debilitamento dos convenios colectivos a partir da lei de 1994, que fixo retroceder a coxestión. En consecuencia, a individualización da relación de traballo progresou en Alemaña, favorecendo os salarios máis baixos. Entre 1996 e 2017, a proporción das e os asalariados cubertos por un convenio colectivo no Oeste pasou no sector privado desde o 66% ao 43%. No Leste, a proporción pasou desde o 48% ao 27%.

 O resultado foi un incremento moi moderado dos salarios desde mediados dos anos 1990 até principios dos anos 2010. Até o punto de que a inicios de 2016, o nivel dos salarios reais era o mesmo que en 1992. Polo tanto, a indexación automática do punto de pensión sobre o salario medio foi unha trampa que fixo perder valor ás pensións futuras. Desde 2014, os salarios reais alemáns están de novo en aumento, pero non o suficiente para compensar o efecto deses vinte anos de vacas fracas. Polo tanto, de acordo con Destatis, os salarios reais aumentaron un 2,2% a partir de 2016, o seu nivel de 1992 pois, e 2018 ... E como a xubilación calcúlase sobre toda a carreira, os efectos da moderación salarial van facerse sentir en todas as xeracións que traballaron durante esta década.

Un sistema económico en xaque

 Sobre todo porque detrás destas cifras agregadas, hai dúas características que aumentan o risco de pobreza de certas categorías. En primeiro lugar, o feito de que os traballadores pouco cualificados viron os seus salarios e o seu tempo de traballo máis presionados. Debilitado polas leis Hartz IV, son especialmente eses traballadores de servizos ás persoas, os que tiveron que aceptar máis sacrificios salariais. Entre 2007 e 2018, os salarios reais dos traballadores non cualificados aumentaron un 15%, mentres que os dos cadros incrementáronse un 21,3%, é dicir un 42% máis.

 Outro factor agravante é que a diferenza salarial entre mulleres e homes en Alemaña é un dos máis grandes de Europa. Sitúase no 21%, fronte ao 15,4% en Francia (que é bastante mal estudante con todo, xusto por baixo da media da UE, que é do 16%). Se a taxa de emprego feminino aumentou pois en Alemaña, débese principalmente a que as mulleres, e frecuentemente incluso as mulleres cualificadas, tiveron que aceptar empregos mal pagos e a tempo parcial.

 Polo tanto, a multiplicación en Alemaña de traballadores pobres favoreceu, polo espello da pensión por puntos, a de pensionistas pobres. Un espello agravado, como se viu, pola obsesión do equilibrio fiscal. Así que poderiamos estar ante este aparente paradoxo: o aumento da taxa de actividade e do emprego trae consigo un aumento da pobreza dos pensionistas. A alarmante situación das persoas maiores en Alemaña é o resultado da combinación das reformas das pensións e do mercado de traballo. Noutras palabras, da política actual en Francia desde 2017 (mesmo desde 2010). Alemaña paga a súa política unilateral de competitividade pola aparición repentina desta pobreza das persoas maiores. Non é máis que un dos efectos negativos desta obsesión coa competitividade: o déficit de investimento é outro e a fraxilidade económica actual do país outro máis.

 O exemplo alemán mostra así a fraxilidade de varios argumentos do goberno francés sobre a pensión por puntos. A indexación do valor de adquisición do punto sobre os salarios medios non ofrece ningunha garantía, desde o momento en que o mercado de traballo é cada máis flexíbel e dáse prioridade ao equilibrio financeiro. As mulleres e os precarios non están, en realidade, máis protexidos con este réxime por puntos, xa que a toma en consideración dunha carreira integramente precarizada dá lugar a unha xubilación de baixa calidade. A ilusión que vehicula actualmente o goberno francés é da que estiveron obrigados a desfacerse os dirixentes alemáns.

 A introdución da “Grundrente” permitirá evitar o choque da pobreza que chega? O seu principio é complexo pero está baseado na idea de que a persoa que cotizou trinta e cinco anos non debe ter unha pensión de menos de 1.250 euros para unha persoa solteira e de 1.950 euros para unha parella, é dicir, o 80% do ingreso medio. Este é un nivel que é moito máis xeneroso que o 85% do salario mínimo prometido polo goberno francés. Entre 1,2 millóns e 1,5 millóns de pensionistas poderían beneficiarse dun suplemento a partir de 2021 (pero os elementos técnicos poderían atrasar posta en marcha). A proposta fai chocar os dentes á dereita, especialmente dentro da CDU, que considera unha violación do principio que unha xubilación reflexa o que se cotiza, pero que, sobre todo, se atragoa polo seu financiamento mediante un imposto sobre as transaccións financeiras.

 En revancha, a esquerda, os Verdes e Die Linke [o Partido de Esquerda], consideran este suplemento moi insuficiente. De feito, este sistema non resolve todos os problemas, ligados especialmente co modelo económico alemán. Pero permite contrarrestar algúns dos efectos desastrosos do desenvolvemento do traballo a tempo parcial entre as mulleres e os traballadores menos cualificados. É, polo menos, unha rede de seguridade. O estudo Bertelsmann DIW estima que unha versión un pouco máis xenerosa do proxecto reduciría o risco de pobreza dos e as traballadores maiores en tres puntos para o ano 2040 e polo tanto manter a taxa actual. Pero o fenómeno da pobreza na vellez seguirá sendo un tema crítico para a sociedade alemá.

 En realidade, o sistema alemán de pensións por puntos nun contexto neoliberal é un evidente fracaso. En primeiro lugar, non resolve o problema do financiamento futuro: desde hai anos, os conservadores (e tamén recentemente o Bundesbank ) demandan o atraso da idade legal a 70 anos. A continuación, fraxiliza tanto os maiores como as e os traballadores en activo, poñendo presión sobre os seus ingresos actuais e futuros. A única saída é, obviamente, o uso masivo da capitalización. Pero o fomento do aforro en tempos de baixas taxas de xuros mentres que Alemaña ten xa un exceso de aforro do 7 ao 8% do seu PIB, supón o suicidio, non só para a economía alemá, senón tamén para a economía da zona euro. Fronte á situación alemá, pretender que a pensión por puntos supón unha mellora do sistema francés parece unha posición dificilmente defendíbel.

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 14 de xaneiro de 2020]

Volver