Alemaña: O día seguinte do ‘merkelisme’

Roger Suso -

Os resultados das eleccións alemás mostran que a cidadanía votou continuidade, dando unha pírrica vitoria á socialdemocracia a moi pouca distancia da CDU/CSU. Os Verdes obteñen o mellor resultado da súa historia, a xenófoba Alternativa por Alemaña (AfD) consolídase e a esquerda poscomunista de Die Linke cae en picado, o mesmo día que Berlín vota ‘Si’ nun referendo para expropiar 240.000 vivendas ás grandes inmobiliarias

 O enfrontamento entre o SPD e a CDU/CSU para suceder a saliente Angela Merkel saldouse coa pírrica vitoria da socialdemocracia mais cos peores resultados da historia de ambos os partidos. A distancia entre os dous é tan pequena que todo está aberto. A pelota está agora na tellado dos Verdes e dos liberais do FDP, socios necesarios tanto de Olaf Scholz como de Armin Laschet, ou de ambos, para acceder á chancelaría. Despois de dezaseis anos de ‘merkelismo’, os resultados mostran que máis que un cambio, a cidadanía alemá votou a continuidade. Os Verdes quedaron en terceiro lugar co 14,6% dos votos, o mellor resultado da súa historia, pero moi lonxe do obxectivo da súa candidata, Annalena Baerbock, de ser a nova chanceler.

 O FDP, o histórico partido bisagra alemán, cun candidato personalista, Christian Lindner, mellora os seus resultados beneficiándose da debilidade da Unión (CDU/CSU). Sen negar o perigo do coronavirus, liderou o debate político e as críticas á proporcionalidade das restricións dos dereitos fundamentais coas medidas anticovid. Outra das novidades da lexislatura próxima será probabelmente a entrada no Bundestag cun escano do partido da minoría danesa de Alemaña e dos nacionais frisóns da rexión, un partido liberal-progresista, fundado o 1948 denominado Asociación de Votantes de Schleswig do Sur (SSW).

A consolidación da dereita radical

 A Alternativa por Alemaña (AfD) entrou no Bundestag por segunda vez. Cun resultado por volta do 10,4% dos votos, a formación de dereita radical consolídase, mais perdeu forza. O 2017, o AfD obtivo un 12,6% e a raíz do goberno de gran coalición entre democristiáns e socialdemócratas, o partido converteuse en líder da oposición. Desta volta, téñense que conformar co cuarto grupo parlamentario, pero continuarán dispondo de cargos, diñeiro e poder. O resultado confirma que AfD, inmerso en disputas internas entre a súa á liberal-conservadora e a á etnonacionalista, non puido gañar nada fóra do seu electorado habitual. A campaña, seguindo o modelo trumpista, empregando a consigna da fraude electoral, non foi entendida ben no conxunto do país. Con todo, nos estados federados da antiga Alemaña do Leste, o partido situouse como segunda forza, chegando a gañar nos estados de Saxonia (onde goberna a CDU), co 30,7% dos votos, e de Turinxia (onde goberna un tripartito vermello-vermello-verde), co 24% dos votos.

 Segundo chiou durante a noite electoral a Fundación Amadeu Antonio, unha organización que traballa contra o extremismo de dereitas, o racismo e o antisemitismo, AfD, da man da nova dereita, hai tempo que perfeccionou o concepto dos tres alicerces de acción que orixinariamente tiña o partido neonazi NPD: o primeiro lugar a batalla cultural, é dicir, a loita intelectual (especialmente por medio da súa fundación, a Fundación Desiderius Erasmus). En segundo lugar, a loita pola rúa, é dicir, a mobilización e a protesta constante, xa sexa a través de Pegida, Querdenken ou o Movemento Identitario. E en terceiro lugar, o brazo parlamentario.

A caída en picado de Die Linke

 A esquerda poscomunista de Die Linke, que durante a campaña se ofreceu como socio menor nun eventual goberno tripartito vermello-vermello-verde, non soubo capitalizar o malestar social por mor do desmantelamento do estado do benestar nin polo proxecto de reforma do subsidio de paro da SPD e foi penalizado cunha perda de -4,6 puntos respecto de 2017. Ademais, a formación coliderada por Susanne Hennig-Wellsow e Janine Wissler, inmersa en loitas internas -con Sahra Wagenknecht e a súa recua de seguidores no centro das críticas por mor do seu posicionamento antiinmigración-, pagaría caro, segundo o diario Taz, a súa desaprobación do operativo de rescate humanitario do exército durante a retirada de Afganistán.

 O deputado saliente, Fabio De Masi, puxo no twitter que o partido ten que “reinventarse”. A desfeita “non foi a campaña electoral”, senón “a evolución dos últimos anos”. Á hora de escribir estas liñas, Die Linke non chegaría ao límite do 5% dos votos requiridos para entrar no Bundestag, pero si que obtería representación parlamentaria polo feito de conseguir tres mandatos directos (o mínimo requirido): Gregor Gysi pola circunscrición de Treptow-Köpenick, Gesine Lötzsch por Lichtenberg e Sören Pellmann por Leipzig II. A derrota de Die Linke contrasta coa vitoria contra prognóstico do Partido Comunista de Austria (KPÖ) nas eleccións municipais de Graz, onde cun 29,1% dos votos, derrotou o Partido Popular (ÖVP), 25,6%, que levaba, con Siegfried Nagl, dezaoito anos gobernante. Elke Kahr poderíase converter na primeira alcaldesa comunista do país transalpino.

Déficit democrático e infrarrepresentación da clase traballadora

 O 14% da poboación adulta quedou excluída das eleccións xerais porque non ten nacionalidade alemá e, polo tanto, viven sen plenos dereitos cidadáns. Segundo Jacobin, a clase traballadora en Alemaña está infrarrepresentada no sistema parlamentario: por unha banda, unha gran parte non ten dereito a voto por mor da carencia de pasaporte alemán e pola outra, a outra que dispón, opta polo abstencionismo político. A participación estivo do 76%, practicamente igualada á dos anteriores comicios. Adicionalmente, Berlín diría si co 57% en referendo á expropiación de 240.000 vivendas de grandes propietarios.

O asasinato conspiracionista

 A campaña quedou marcada polo asasinato dun estudante de vinte anos e traballador dunha gasolineoira da poboación de Idar-Oberstein, en Renania-Palatinado, a mans dun negacionista da COVID-19. A vítima, Alex W., recibiu un disparo no ningún despois de solicitar o uso de máscara. O asasino, Mario N., de 49 anos, era un membro activo na escena Querdenken e expresábase en consecuencia nas redes sociais mostrando o conspiracionismo contra a COVID-19 e contra as vacinas. Ademais, apoiara o partido ultradereitista Alternativa por Alemaña (AfD) nas redes sociais. N. obtería presuntamente a pistola, segundo publica a prensa, a través do seu pai, convicto por posesión ilegal de armas e con antecedentes por violencia machista.

 

[Artigo tirado do sitio web catalán Directa, do 27 de setembro de 2021]

Volver