Alertan da situación límite en centros de menores de Ourense tras o confinamento dos usuarios/as
A representación dos traballadores/as nos centros de menores Monteledo e Montefiz de Ourense alertan sobre a situación límite na que se atopan como consecuencia do estade de ansiedade xeneralizado entre os menores provocado polo confinamento. Ao mesmo tempo, alertan da falta de material de protección axeitado para o persoal.
Lembran que o pasado día 12 de marzo, a través dun protocolo conxunto para os centros de servizos sociais, decidiuse confinar a todos os menores nos centros, prohibindo saídas ou permisos, independentemente do seu tipo ou réxime de medida. “Esta situación provocou un estado de ansiedade xeralizado e progresivo entre os menores, producíndose un motín en Rábade (Lugo) o día 13”.
Diante disto, e tendo en conta que se prolongaba a situación de confinamento, solicitóuselle á Consellería de Política Social que reconsiderase a decisión ao tratarse de centros con características moi específicas e diferenciadas do resto de centros residenciais (centros de maiores, de protección á infancia, etc). “Mais non obtivemos resposta”, critican.
Ademais, denuncian que as direccións dos centros non contaban até esta mesma semana cos EPI axeitados para facilitarllos ao persoal (só máscaras cirúrxicas, pero nin FFP2 nin FFP3). “E a día de hoxe, con cinco educadores de baixa co protocolo activado e unha educadora confirmada con Covid-19, seguen sen dar máscaras a pesares da solicitude expresa de facelo por parte dos responsábeis de Prevención de Riscos Laborais de ambos centros, visto o que está a suceder en moitos centros residenciais de Galiza e do Estado español”.
Censuran que nin teñen cantidade suficiente nin van entregalas até que haxa un caso positivo entre os usuarios/as, “polo que prevemos un contaxio masivo nos centros, entre traballadores/as e usuarios/as” Neste senso, sinalan que os EPI que hai, en cantidade insuficiente, e que non entregan, son para os tres centros que a Fundación Diagrama xestiona en Ourense: Monteledo, Montefiz e Montealegre.
Por outra banda, indican que no citado protocolo de actuación da Xunta establécense directrices moi concretas sobre a limpeza e desinfección dos centros. “Pero en Monteledo non se cumpren, a pesar de ser o centro con maior número de internos/as e traballadores/as, xa que só hai persoal de limpeza de luns á venres en quenda de mañá, a pesares de solicitar expresamente dende a representación dos traballadores/as que se fixese pola tardes e fins de semana”.
Conato de motín en Monteledo
Sosteñen que o pasado día 29 produciuse un conato de motín no Centro Monteledo e lembran que veñen reclamando dende o 9 de marzo o reforzo do persoal de seguridade no centro “pois a Fundación Diagrama reduciu a súa presenza dende o mes de xaneiro, “en previsión da crecente conflitividade e as máis que previsibles baixas nesta categoría profesional”. En Montefiz só se pediu ampliar a xornada completa un garda que ten xornada parcial. “As direccións de ambos centros fixeron e fan oídos xordos”.
Tampouco atenden a petición feita no sentido de que fosen as direccións dos centros as que lles n formalmente á Consellería de Política Social que permitise que os menores que polo seu tipo de medida poidan ir para as súas casas pasen alí a corentena para aliviar a tensión dos centros e poder cumprir as ratos educador/menor ante o previsible número crecente de baixas de persoal educador. Esta demanda tamén se lle trasladou aos xulgados de menores. “De novo, oídos xordos por parte das direccións de ambos centros”.
As direccións tamén sondearon os traballadores/as -“e non a todos/as”- sobre quen tiña patoloxías de risco asociadas ao coronavirus. Dende o pasado día 28 no Centro Monteledo hai unha traballadora confirmada con positivo por coronavirus. “Preguntada a dirección do centro sobre estes traballadores/as de risco o pasado día 30, din que o van a mirar; tampouco se lle facilita máscara a ningún traballador/as, nin se fai a desinfección axeitada e tampouco se pode ventilar como manda o protocolo da Xunta polas limitacións arquitectónicas do centro; polo que os traballadores/as con patoloxías de risco seguen a traballar con absoluta normalidade”.
Finalmente, salientan que boa parte dos empregados/as dos centros están a tomar moitas máis medidas de prevención na súa vida diaria, coas súas familias -“ás que estamos a expoñer gratuitamente”- que as que lles permiten tomar nos centros de traballo.
Ante a previsión de que a situación se complique nos próximos días fan responsábeis tanto a Consellería de Política Social como a Fundación Diagrama “das posíbeis consecuencias para os traballadores/as”.