Alertan de risco biolóxico para as traballadoras embarazadas das escolas infantís de 0-3 anos da Axencia Galega de Servizos Sociais

O sector de Autonómica da CIG-Administración Pública xa presentou denuncia diante da Inspección de Traballo contra a Consellaría de Política Social
Nacional - 13 Abr 2026

O sector de Autonómica da CIG-Administración Pública vén de alertar sobre o risco biolóxico no que se atopan as traballadoras embarazadas que prestan servizo nas escolas infantís de 0-3 anos dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais (AGASS), xa que a Consellaría de Política Social non está a aplicar o protocolo que establece a lexislación en caso de que non existan postos exentos de risco, neste caso a contraer citomegalovirus (CMV) ou parvovirus B-19 (virus da labazada). Algo que non sucede coas traballadoras que realizan as mesmas funcións nas escolas dependentes do Consorcio, organismo que levou a cabo a avaliación de postos e suspende os contratos das embarazadas (que pasan a cobrar a prestación por risco) en cumprimento dunha sentenza do Xulgado do Social que foi ratificada polo TSXG.

En consecuencia, a central sindical xa presentou denuncia diante da Inspección de Traballo contra o departamento autonómico para reclamar que se apliquen as medidas cautelares necesarias para protexer a saúde das traballadoras e da súa descendencia “e que estas medidas non comporten discriminacións directas e/ou indirectas por razón de sexo”. 

A CIG reclama que se apliquen as medidas cautelares necesarias para protexer a saúde das traballadoras e da súa descendencia “e que estas medidas non comporten discriminacións directas e/ou indirectas por razón de sexo”

Neste senso lembran que segundo a Lei de Prevención de Riscos Laborais, as empresas e institucións con persoas empregadas a cargo teñen que protexer os seus cadros de persoal ante os riscos derivados do traballo. Cando non existen no servizo postos exentos de risco para o embarazo, a empresa, neste caso a Consellería de Política Social, ten que apartar a traballadora do risco e dála en suspensión de contrato. Debendo facerse cargo da prestación até o momento do parto a Mutua colaboradora da Seguridade Social.

Na sentenza (00264/2016, do Xulgado do Social nº 5, dos de Vigo), ratificada en Suplicación polo TSXG, que estima a pretensión dunha traballadora embarazada a estar en suspensión de contrato e a cobrar a prestación por risco, estímase que o risco biolóxico de contraer citomegalovirus (CMV) ou parvovirus B-19 (virus da labazada), susceptibles de dano fetal, pode darse en traballadoras en contacto íntimo con crianzas. “É de todo punto imposible desvincular estes traballos de coidados a menores de tres anos sen contacto íntimo nos momentos de consolo e apego e nos de hixiene e alimentación”, sinalan dende a CIG.

Segundo as directrices para a avaliación de riscos e protección da maternidade no traballo impartidas polo Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo (INSHT), tratándose de CMV están contraindicadas as probas de detección precoz de anticorpos nas traballadoras embarazadas, sendo aconsellable limitar ao máximo o contacto con fluídos biolóxicos no embarazo no caso de seronegatividade; mentres que no caso contrario non está garantida a protección fronte á reinfección ou reactivación da infección.

Consecuencias graves

Tarefas como cambio de cueiros, dar de comer, consolar e calquera outra exposición a fluídos expón ao contaxio á traballadora embarazada. No caso do virus da labazada (parvovirus B-19), cuxa transmisión é por vía respiratoria, a infección fetal é máis agresiva durante os dous primeiros trimestres do embarazo. 

Non se entende como o servizo de prevención certifica que nas escolas do Consorcio non hai postos exentos de risco para o embarazo e nas escolas da Axencia, con iguais condicións ao respecto dos riscos, non se teña avaliado

Pois ben, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, tras esta sentenza e en cumprimento da normativa en prevención de riscos laborais que o obriga a protexer a seguridade e a saúde do seu persoal, mantén as traballadoras embarazadas en suspensión de contrato dende o momento en que comunican o seu estado, realizando os trámites coa Mutua afastada do risco e recibindo de xeito telemático a información referente á súa situación (protocolo de embarazo, pasos a dar para a solicitude da prestación, etc.)

Tamén, no caso das embarazadas que forman parte das listas de contratación se aplica o mesmo protocolo de actuación, aceptando o nomeamento de substitución e quedando en suspensión por risco ao cargo da Mutua colaboradora da Seguridade Social no momento de comunicalo. Mais non é así no caso das traballadoras destinadas ás escolas da Axencia, que son penalizadas con seis meses sen chamamento no caso de que renuncien ao posto por atoparse embarazadas para evitar estar sometidas ao risco. Nestes casos a CIG está a tramitar xa numerosas queixas individuais diante da Xunta de persoas afectadas.

A central sindical considera un novo caso de “discriminación intolerable” da Administración por razón de sexo e maternidade. “Non se entende como o servizo de prevención certifica que nas escolas do Consorcio non hai postos exentos de risco para o embarazo e nas escolas da Axencia, con iguais condicións ao respecto dos riscos, non se teña avaliado”.

Finalmente, lamentan que o Plan de Igualdade da Xunta de Galiza careza de medidas específicas de protección neste senso e lembran que a súa ausencia motivou o se rexeitamento por parte da CIG, que se negou a asinalo.