Alertan do aumento no tempo de asistencia das emerxencias sanitarias no Morrazo por falta de ambulancias do 061

A CIG considera “imprescindíbel e urxente” reforzar o servizo
O Morrazo - 06 Xul 2022

A CIG alerta do aumento no tempo de asistencia das emerxencias sanitarias no Morrazo como consecuencia da falta de ambulancias do 061, unha problemática que se agrava durante o verán, tal e como denuncia o persoal sanitario, que incide na “grave situación” que se vive na comarca pola escaseza de vehículos de emerxencias. Diante disto, na central sindical consideran “imprescindíbel e urxente” o reforzo do servizo e acusan o Sergas de ocultar datos sobre a verdadeira realidade da asistencia extrahospitalaria na zona.

Lembran que a comarca conta tan só con tres unidades de Soporte Vital Básico con base en Cangas, Moaña e Bueu. Estas ambulancias poden, cando así o require a gravidade da situación, recoller persoal nos Puntos de Atención Continuada (PAC) ou nos centros de saúde. “A realidade habitual é que estes tres vehículos de emerxencia estean permanentemente ocupados ao longo do ano, sobre todo en horario diúrno, o que provoca a activación de ambulancias con base noutras vilas afastadas”. 

É habitual que as tres ambulancias estean permanentemente ocupadas, sobre todo en horario diúrno, o que provoca a activación de vehículos con base noutras vilas afastadas

O persoal do servizo denuncia que xa dende a pandemia, pero máis agora co inicio da tempada de verán, se están a producir de maneira habitual, reiterada e de xeito permanente as seguintes situacións:

• As ambulancias do 061 son enviadas a atender as emerxencias no Morrazo dende os hospitais de Vigo cando o persoal sanitario aínda non rematou de realizar a asistencia e o traslado do anterior paciente. A seguinte asistencia neste tipo de ocasións pode demorarse máis de media hora.

• O tempo de espera dende que se determina que unha persoa precisa atención por parte do persoal do 061 até que finalmente a ambulancia chega ao lugar da asistencia é falseado para reducir as estatísticas. Deste xeito, tan só se está a computar o tempo que tarda a ambulancia en chegar dende que queda operativa tras unha asistencia anterior e non o tempo que transcorre mentres o paciente agarda a que unha ambulancia estea dispoñíbel.

• É altamente frecuente que se mobilicen ambulancias do 061 dende lugares tan afastados como Vigo, Pontevedra ou mesmo Redondela para atender emerxencias no Morrazo. En ocasións de forma simultánea. Isto provoca un grave atraso na atención de emerxencias tempo-dependentes.

• Pese a que é un procedemento normalizado que o persoal dos PAC e dos centros de saúde acudan en taxi a atender urxencias dunha prioridade baixa, é cada vez máis frecuente que ante a falta de ambulancias do 061 o persoal de Atención Primaria acuda en taxi a atender emerxencias de primeiro nivel de gravidade.

• Estanse a empregar cada vez máis ambulancias de fóra da Rede de Transporte Sanitario Público para atender emerxencias sanitarias. Estas ambulancias non contan coa máis mínima supervisión por parte do Sergas sobre o tipo de vehículos, o material que dispoñen, o número de profesionais e a súa titulación. Estas ambulancias non contan en ocasións coa posibilidade de realizar asistencia técnico-sanitaria en ruta e pertencen a empresas privadas que non teñen licitación de concurso público coa Administración. Por este motivo, cobran en función do número de servizos que realizan. Cantos máis servizos e máis rápido mellor, sen atender a calidade na asistencia.

Ocultación de datos

Ante esta grave situación, o 061 e o Sergas néganse a facilitar a información específica solicitada, ao tempo que a súa resposta segue a ser a mesma:

• Que a mobilización de ambulancias dende lugares afastados son situacións puntuais.

• Que asistencia no Morrazo está garantida co envío de ambulancias dende Vigo (pese a estaren se cabe con máis sobrecarga de traballo) ou co envío dun helicóptero dende Santiago.

• Que acudir en taxi a atender unha urxencia vital por falta de ambulancias do 061 é un procedemento habitual e normalizado.

• Que as ambulancias tripuladas por un só condutor, sen asistencia sanitaria durante o traslado, non se empregan para a atención de emerxencias sanitarias.

• Que as ambulancias de fóra da Rede de Transporte Sanitario Público contan co compromiso escrito do empresario/a de cumprir coa lexislación vixente. Por este motivo non é necesario realizar as inspeccións periódicas efectuadas a ambulancias do 061.

• Que os tempos “medios” e número “promedio” de servizos no Morrazo é aceptábel e non é peor que noutros lugares de Galiza (obviando intencionadamente que as emerxencias tamén se producen de forma simultánea).

Por todo isto, dende a CIG consideran “imprescindíbel e urxente” o reforzo no servizo do 061 no Morrazo ás 24 horas do día, durante os 365 días do ano. Así mesmo, acusan aos actuais responsábeis do 061-Sergas de “ocultar deliberadamente datos ao respecto da verdadeira situación da asistencia extrahospitalaria na comarca pese a teren sido solicitados formalmente por rexistro público por esta organización”.