Alertan do risco de incendio na empresa ourensá Textil Lonia pola presenza de maleza nos exteriores

A CIG reclámalle ao Concello de Pereiro de Aguiar que obrigue a compañía a limpar o perímetro

Ourense -

A Unión Comarcal da CIG de Ourense alertou hoxe sobre o grave risco de incendio que existe na empresas Sociedad Textil Lonia (STL) pola presenza de árbores e maleza no exterior das instalacións. Dende a central reclámanlle ao Concello de Pereiro de Aguiar que obrigue a compañía a facerse cargo dos traballos de desbroce ou que sexa a propia Administración a que estableza a franxa de seguridade que marca a lei.

Segundo explicou o secretario comarcal da CIG-Ourense en rolda de prensa, esta problemática foille trasladada á empresa en varias ocasións, ademais de ser abordada polo comité de seguridade e saúde laboral, sen que a dirección fixese nada ao respecto. Diante disto, a delegada de prevención da CIG presentou en xullo do ano pasado un escrito no Concello de Pereiro de Aguiar alertando sobre a situación e reclamando a limpeza dos exteriores da fábrica.

Un mes despois o Goberno local emite unha resolución no que fixa un prazo de 15 días para que Lonia proceda a desbrozar, “pero volveron facer caso omiso”. Entón o 31 de agosto deciden enviar un novo escrito ao Concello, que en outubro volve facer pública outra resolución fixando novamente un prazo de 15 días para a limpeza, que a empresa tampouco cumpre.

Trampa mortal

En consecuencia a CIG decide poñer o caso en coñecemento da Consellaría de Medio Rural, que sostén que ao non tratarse de solo rústico non é da súa competencia, senón do Concello. “O que estamos a esixir é que se cumpra a normativa; que se limpe a franxa de seguridade de 50 metros, e que as administracións no miren cara a outro lado; porque se un particular no cumpre a lei, as administracións o que teñen que facer é limpar o terreo e cobrarlle os gastos ao propietario”, indicou Ánxo Pérez Carballo. O pasado día 3 de xuño o Goberno local emitía unha nova resolución -a última até o de agora- ao que establece outro prazo de 15 días.

“Parécenos unha irresponsabilidade absoluta actuar deste xeito ante un problema tan serio, porque na empresa traballan máis de 700 persoas e no seu exterior acumúlanse máis de 400 coches, polo que en caso de incendio podería producirse unha verdadeira catástrofe humana; leva sen chover todo o mes de maio e xuño, polo que nos atopamos ante unha bomba de reloxería que pode converterse nunha trampa mortal no caso de que se produza un incendio tanto na propia fábrica como nos exteriores, porque ademais as instalacións son un bunker cunha soa saída”, asegurou o máximo responsábel da CIG-Ourense.

Volver