Altri ameaza a viabilidade económica, social e mediomabiental do río Ulla e de Galiza

A CIG chama a mobilizarse o domingo 26 en Palas
Palas de Rei - 18 Mai 2024

A CIG rexeita o modelo de industria de enclave que representa o proxecto de Altri -depredador dos nosos recursos naturais, con grave impacto ambiental, social e económico- e que o goberno de Rueda o declare de utilidade pública e proxecto industrial estratéxico. Por iso presentou alegacións, sumouse ás das plataformas por unha Ulloa Viva e en Defensa da Ría de Arousa e chama a participar na mobilización prevista para o vindeiro día 26 en Palas.

Altri pretende instalar na comarca da Ulloa, a 2 qm do Camiño de Santiago,  dúas factorías: unha de celulosa solúbel e outra de fibra téxtil. Requirirá grandes cantidades de auga, enerxía e eucaliptos. Afectará gravemente o patrimonio cultural e natural da comarca e ás limítrofes: Terra de Melide, Arzúa, Santiso, Agolada e o Deza; a atmosfera e ás augas, comprometendo aínda máis a viabilidade ecolóxica do río Ulla, e a ría de Arousa, a máis rica do país.

Para a CIG é inaceptábel o financiamento público, moito máis con fondos europeos, polo que implica de endebedamento público. Reclama que se teñan en conta varios apartados -propostos pola central sindical- do recente informe do CES de Galiza, incluídos no trámite do Anteproxecto de Lei de Promoción dos Beneficios Sociais e Económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galiza.

Apartados nos que se recolle que os proxectos industriais teñen que pechar os ciclos produtivos en Galiza; respectar o ambiente e a idiosincrasia dos lugares onde se asenten; garantir o saldo de emprego neto e retorno económico e social e protexer as terras e lugares dedicados ao abastecemento de alimentos, para priorizar a soberanía alimentaria sobre intereses industriais. 

A CIG cuestiona o número de postos de traballo previstos inicialmente, que a propia Altri reduciu a 500, porque a fábrica que ten en Portugal, cunha produción de 1,5 millóns de toneladas de pasta -máis que a prevista en Galiza- só dá emprego a 774 persoas. Denuncia que non se contempla ningún plan de industrialización ligado ao sector do papel, cartón e téxtil, que promova o peche dos ciclos produtivos en Galiza e aumente o valor engadido en sectores básicos da nosa economía.

A CIG chama a participar na mobilización prevista para o vindeiro domingo 26 de maio en Palas de Rei ás 12h., con saída no polígono industrial

 

Para facilitar os desprazamentos a CIG pon a disposición autobuses  en Vigo, A Coruña, Ferrol, Lugo e Compostela (estes dous últimos en colaboración con Adega).

Teléfonos para información sobre os buses:

 

A Coruña: 981 16 92 93

Vigo: 986 827 900

Ferrol: 981 35 87 50

Lugo: 982 225 812 (CIG) ou 982 24 02 99 (Adega)

Compostela: 627 912 542 (CIG) ou 981 570 099 (Adega)