Ambiente e capitalismo

Julio C Gambina - 02 Out 2019

Ese camiño da transición da orde capitalista actual cara a outro modo de producir e distribuír é o que se discute desde a urxencia da crítica da economía política e as variadas experiencias de revolución social desde o século XIX até o presente

 As masivas mobilizacións mundiais en defensa do clima e o ambiente evidencian a preocupación social sobre a deterioración do planeta e as condicións da vida. Mesmo cando se sinala a actuación do ser humano para esta depredación da natureza, non se enfatiza o suficiente na responsabilidade do modelo produtivo do capitalismo. As protestas deberíanse concentrar máis neste aspecto esencial que no fenoménico do impacto ambiental. O responsábel do cambio climático é o modo de produción capitalista.

 Non abonda con consumir menos, coidar os cursos de auga, os bosques, os glaciares ou a natureza no seu conxunto, se ao mesmo tempo non se atacan as causas que están nas formas da produción capitalista, asentada por séculos na explotación da forza de traballo e a depredación da natureza. O traballo é o pai da riqueza, e a terra a nai, sostiñan os clásicos da Economía Política, unha disciplina científica que xurdiu para fundamentar o moderno modo de produción capitalista.

 Por iso a necesidade de criticar o capitalismo, non só os seus efectos. O diagnóstico é fundamental para afrontar procesos realistas de solución. Pola contra, só vagaremos por camiños marxinais que non levan a resolver o problema. Unha vez identificado o problema é cando se pode pensar en modificar a realidade, o que non se pode facer de inmediato, xa que require dun complexo proceso social que inclúe a asunción da conciencia colectiva sobre o que está provocando o problema e os modos de operar para a súa modificación.

 Ese camiño da transición da orde capitalista actual cara a outro modo de producir e distribuír é o que se discute desde a urxencia da crítica da economía política e as variadas experiencias de revolución social desde o século XIX até o presente, moitísimo de ensaio e erro, anovado especialmente desde os procesos de cambio en Nuestramérica dos anos recentes. É un proceso non esgotado, en desenvolvemento e que explica as confrontacións e debates en curso nos nosos países.

Voces en Nuestramérica

 Por iso resulta interesante recoller as voces pronunciadas desde os nosos territorios. Afirmou na ONU Evo Morales: “Non podemos manter o silencio cómplice fronte á catástrofe a escala planetaria que se aveciña e tampouco podemos falar de prudencia cando estamos no límite da destrución asegurada. O capitalismo fomentou introduciu e impulsou nos últimos dous séculos a fórmula máis salvaxe e destrutiva da nosa especie, convertendo todo en mercadoría para beneficio duns cantos”[1]. E engadiu na mesma intervención: “A nai terra está achegándose perigosamente ao solpor do seu ciclo vital, cuxa causa estrutural e responsabilidade corresponde ao sistema capitalista. Este sistema desencadeou a gran velocidade unha forza irresistíbel e destrutiva no nome da liberdade de mercado, de libre competencia e os dereitos humanos”.

 Hai quen critica o gobernante de Bolivia pola explotación dos hidrocarburos e outras formas do modelo económico boliviano que favorece a apropiación estatal de rendas para xerar un proceso de distribución primaria e secundaria que atende inmediatas e imperiosas necesidades sociais. Logo pretenden os críticos negar o diagnóstico formulado inducindo políticas de miseria para o conxunto empobrecido da sociedade?

 O que non se entende é o propio proceso de transición en Bolivia, que inclúe os límites da dependencia e a urxencia de atender necesidades básicas imperiosas da poboación máis empobrecida. Á vez que se critica a orde capitalista mundial, aténdense as imperiosas necesidades da poboación e ensáianse formas da transición, inexploradas até o de agora na sociedade que se enfronta ao réxime do capital.

 O asunto non é novo nos dous sentidos, sexa a denuncia do capitalismo e as formas de resolver as necesidades dos sectores menos favorecidos pola orde do capital.

 Cómpre lembrar nese sentido a intervención de Fidel Castro na cimeira da Terra en 1992 en Rio de Janeiro, no inicio da cal sentenciou: “Unha importante especie biolóxica está en risco de desaparecer pola rápida e progresiva liquidación das súas condicións naturais de vida: o home”.

 Na brevísima alocución sinalou: “Os bosques desaparecen, os desertos esténdense, miles de millóns de toneladas de terra fértil van parar cada ano ao mar. Numerosas especies se extinguen. A presión poboacional e a pobreza conducen a esforzos desesperados para sobrevivir aínda a custa da natureza. Non é posíbel culpar disto os países do Terceiro Mundo, colonias onte, nacións explotadas e saqueadas hoxe por unha orde económica mundial inxusta.”.

 Referíndose ao que facer afirmaba: “A solución non pode ser impedir o desenvolvemento aos que máis o necesitan. O real é que todo o que contribúa hoxe ao subdesenvolvemento e a pobreza constitúe unha violación flagrante da ecoloxía. Decenas de millóns de homes, mulleres e nenos morren cada ano no Terceiro Mundo a consecuencia disto, máis que en cada unha das dúas guerras mundiais. O intercambio desigual, o proteccionismo e a débeda externa agriden a ecoloxía e propician a destrución do ambiente”. E engadía: “Se se quere salvar a humanidade desa autodestrución, hai que distribuír mellor as riquezas e tecnoloxías dispoñíbeis no planeta. Menos luxo e menos malgasto nuns poucos países para que haxa menos pobreza e menos fame en gran parte da Terra. Non máis transferencias ao Terceiro Mundo de estilos de vida e hábitos de consumo que arruínan o ambiente. Fágase máis racional a vida humana. Aplíquese unha orde económica internacional xusta. Utilícese toda a ciencia necesaria para un desenvolvemento sostido sen contaminación. Páguese a débeda ecolóxica e non a débeda externa. Desapareza o fame e non o home.”[2].

 Á vez que criticaba ao capitalismo como forma hexemónica no sistema mundial, en momentos que desaparecera a bipolaridade, o xefe da revolución cubana sinalaba as dificultades dos países dependentes e atrasados para atopar os seus camiños de solución en confrontación coa lóxica dominante.

 A discusión sobre a transición non supón un camiño sen contradicións e son as que recollen ambas as intervencións entre as que median case tres décadas de pronunciadas e nas que se deron experiencias que aínda animan o debate contra a orde capitalista.

Actualidade do debate

 É un tema actual e transcendente, porque a responsabilidade está na hexemonía do capitalismo mundial e mesmo cando se aproben protocolos internacionais, que ademais EEUU non subscribe, resulta imposíbel resolver o tema.

 Non abonda con discursos ou protocolos de denuncia, se non se produce unha dinámica social de organización e mobilización contra as causas do quecemento global e o cambio climático. Non hai forma de mitigar o efecto devastador mentres subsista o réxime do capital.

 Imponse o debate verbo das mudanzas das relacións sociais de produción e o seu efecto depredador sobre a natureza, que inclúe no seu seo a especie humana. Trátase dun tema substantivo para Nuestramérica, como territorio historicamente condenado á provisión de materias primas e “recursos naturais”, que, se visibilizásemos como “bens comúns” da actual e futuras xeracións, a outras conclusións se chegaría.

 O tema vén da conquista e colonización, agudizado en anos recentes coa suba dos prezos das materias primas, aínda co retroceso actual, onde se recicla o papel subordinado da rexión por vía da deterioración secular dos termos de intercambio no sistema de relacións internacionais.

 Os nosos países xeran riqueza e excedente económico vía explotación destes bens comúns en beneficio da reprodución do gran capital transnacional que define o ciclo económico, é dicir, a produción, a distribución, o cambio e o consumo. Remito ao petróleo, ao gas, ao cobre, ao auga, á terra, ao ouro, ao litio, á biodoversidade ou a diversos materiais que se acumulan no noso solo.

 Resulta imprescindíbel salientar que os “recursos naturais” son bens comúns, que pertencen á humanidade, pero que, ao estaren asentados nos nosos territorios, a soberanía no seu coidado e xestión é imprescindíbel, o que demanda unha ollada local, si, pero sobre todo rexional, dunha resposta conxunta e integrada.

 Claro que iso semella unha anomalía ante a preeminencia do discurso e as políticas liberalizadoras na rexión. Pódese ver Bolivia no sostemento dun proceso soberano, rodeado por procesos liberalizadores dos seus veciños: Arxentina, Brasil, Chile, Paraguai, Perú.

 É unha cuestión para discutir en tempos electorais en Bolivia o próximo 20/10, e en Arxentina e Uruguai unha semana despois, o 27/10; aínda máis aló de procesos electorais no destino da rexión, goberne quen goberne. O modelo produtivo asentado no agronegocio, a megaminaría, a explotación de hidrocarburos non convencionais (Arxentina), e mesmo a industrialización dependente e os mecanismos de especulación que inclúe o forte endebedamento, caso arxentino especialmente, esixe a discusión sobre a continuidade ou non dese modelo e as posibilidades para intentar cambios e, no posíbel, procesos de transición que confronten coa orde capitalista.

Por iso non se trata dunha cuestión ambiental o que está en debate, senón as formas de producir, distribuír, intercambiar e consumir. Cambiar o modelo produtivo resulta imprescindíbel. É algo que se debe afrontar como proceso rexional.

 Non abonda con propostas nacionais, aínda que son imprescindíbeis. Requírese a superación dos condicionantes que impón a dependencia das transnacionais, dos organismos internacionais e dunha lóxica discursiva hexemónica do pensamento en Política Económica, relativo a que o único que se pode facer devén da liberalización da economía, do libre mercado e a libre competencia, falacia en tempo de dominación monopolista.

 A resposta é a soberanía nacional e a integración rexional, para a crítica ao capitalismo como única forma de afrontar os efectos do cambio climático e o quecemento global. En defensa do ambiente, imponse o cambio do modelo produtivo e ensaiar os camiños concretos da transición cara a sociedades en que no centro dos seus obxectivos estea a defensa da vida humana e natural.

_____________________________________________________________________________

Notas:

[1] Naciones Unidas Bolivia. Evo Morales plantea en la COP21 eliminar el capitalismo para salvar a la tierra. En: http://www.nu.org.bo/noticias/naciones-unidas-en-linea/evo-morales-plantea-en-la-cop21-eliminar-el-capitalismo-para-salvar-a-la-tierra/

[2] CUBADEBATE. Discurso de Fidel Castro en Conferencia ONU sobre Medio Ambiente e Desenvolvemento 1992, en: http://www.cubadebate.cu/opinion/1992/06/12/discurso-de-fidel-castro-en-conferencia-onu-sobre-medio-ambiente-y-desarrollo-1992/#.XY9Z40ZKjIU

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do blog do autor, do 28 de setembro de 2019]