América Latina en tempos de Trump

Katu Arkonada -

A fase na que entra o ciclo progresista en América Latina caracterízase por unha guerra de posicións na que a esquerda debe facer un bo diagnóstico e balance do breve ciclo de derrotas electorais, do sucedido en Brasil, e Ecuador coa traizón de Lenin Moreno ao legado de Correa, e en xeral do refluxo na capacidade de resistencia e mobilización política das forzas de esquerda no continente

 Vivimos tempos interesantes e asemade confusos. Álvaro García Linera, vicepresidente de Bolivia, afirma que estamos ante a fin da globalización neoliberal(1). Sustenta a súa tese en dous acontecementos nos dous países onde se deu inicio ao modelo neoliberal (despois de que os Chicago Boys utilizasen o Chile de Pinochet como laboratorio): o Brexit no Reino Unido e a vitoria de Trump en Estados Unidos. Os devanditos eventos, canto menos, supoñen unha freada á globalización dos mercados e un retorno a formas de proteccionismo económico que a ortodoxia neoliberal desterrara. Os países onde se deu inicio ao neoliberalismo pechan o círculo e curtocircuítan o desenvolvemento do modelo a escala global.

 A crise dunha Unión Europea dos Estados e o capital, por riba dos intereses dos pobos, e a decisión de abandonar esta por parte do principal aliado dos Estados Unidos na OTAN, é síntoma tamén de que a orde xeopolítica que coñeciamos até o de agora comezou a esvaerse.

 O auxe de Rusia como potencia xeopolítica, a partir dos seus movementos nos taboleiros de Ucraína e Siria, e a consolidación de China como o outro actor determinante en Asia, África e América Latina, restan a hexemonía mantida até o momento por Estados Unidos a escala planetaria.

 Non hai que esquecer que China xa é primeira potencia económica mundial se medimos o PIB por paridade do poder adquisitivo (PPA), e axiña vai selo en termos absolutos, sendo posuidora, ademais, da meirande parte da débeda externa estadounidense. Na medida en que consolida unha maior expansión xeopolítica, mediante a nova Ruta da Seda, o seu complemento marítimo, e a meirande parte de obras de infraestrutura en América Latina e o Caribe, convértese nun competidor que, a cada paso que dá, resta hexemonía planetaria a Estados Unidos.

 O xurdimento e posterior implosión do chamado Estado Islámico/ISIS/Daesh, no xurdimento e fortalecemento do cal tiveron un rol fundamental as axencias de intelixencia estadounidenses, son outro dos síntomas do devalo da devandita hexemonía.

 A propia chegada de Donald Trump á Casa Branca, gañando (non en votos, pero si na maioría de distritos electorais) a Hillary Clinton, candidata de Wall Street e o complexo industrial-militar, parece o indicado para pechar o círculo aberto por Ronald Reagan nos oitenta.

Estados Unidos en tempos de Trump

 Cómpre lembrar que Obama ten a dubidosa honra de ser o primeiro presidente en toda a historia dos Estados Unidos que máis tempo exerceu o seu mandato co país en guerra(2). Non só mantivo as operacións en Iraq, Afganistán e Siria, senón que incursionou militarmente en Libia, Paquistán, Iemen e Somalia. Fronte a iso, Trump non abriu ningunha nova fronte de guerra, aínda que si propuxo(3) incrementar o orzamento militar un 9%, 54 000 millóns para un total de case un billón de dólares.

 O America First de Trump é real. Hai un repregamento cara ao mercado interno, un intento de manter ou reindustrializar o país ao mesmo tempo que se sae do TPP (que era o campo máis visíbel de disputa con China no ámbito comercial).

 Se observamos outros indicadores xeopolíticos, podemos afirmar que, até o momento, non hai unha mudanza na política exterior estadounidense, cando xa se cumpriu máis dunha cuarta parte do mandato de Donald Trump.

- Malia pelexarse vía Twitter con Corea do Norte e as súas fanfurriñadas nucleares, non se deu ningún paso máis para materializar un ataque real.

- Non se certificou o acordo nuclear con Irán, pero este segue en pé até o momento.

- Mantense o statu quo con Rusia, no medio de achegamentos e afastamentos, e tampouco varía a política cara a Ucraína.

 - Cualificouse de obsoleta a OTAN, pero non se variou a participación nin a postura de EEUU como membro principal da Alianza Atlántica.

 - Decidiuse trasladar a Embaixada en Israel a Xerusalén (era unha proposta de campaña debido á presión do lobby xudeu) pero nada fai indicar que vaia haber ningún cambio de postura na política cara a Palestina, mantendo a Israel como o seu principal aliado en Oriente Medio.

 É dicir, até o momento, e agás algunha variación máis de forma que de fondo, mantense a política exterior estadounidense que responde tanto ao lobby financeiro de Wall Street, como ao complexo industrial militar.

O ciclo progresista en América Latina

 Entrementres, malia que Estados Unidos mantivo a súa política imperial sen modificacións nos últimos anos, América Latina si mudou.

 Só podemos pensar o momento actual, dunha América Latina en tempos de Trump, se analizamos as diversas etapas que mostrou o ciclo progresista que converteu a América Latina e o Caribe na única rexión do mundo onde se comezou a construír unha alternativa ao sistema capitalista, ou polo menos aos seus patróns de acumulación máis agresivos, desenvolvidos por medio das políticas neoliberais.

Fase previa, ou acumulación orixinaria do ciclo progresista (1989-1998): as resistencias ao neoliberalismo

 Caía o muro de Berlín, desintegrábase o proxecto histórico da esquerda comunista mentres as fraccións máis concentradas do capital arrasaban coas conquistas históricas das e os traballadores e os pobos. Porén, á vez que nos dicían que chegara a fin da historia e da loita de clases, no Sur do mundo comezaba a xermolar unha resistencia ao neoliberalismo aínda embrionaria durante o «caracazo» (1989) e xa máis organizada no levantamento zapatista (1994), así como outros procesos de resistencia contras as consecuencias das políticas neoliberais primeiro e de loita contra esas mesmas políticas despois.

Primeira fase do ciclo progresista (1998-2003): a irrupción heroica do posneoliberalismo nacional-popular

 A potencia plebea de resistencia ao neoliberalismo transfórmase en proxectos políticos que apostan non xa pola resistencia, senón pola toma do poder, ou polo menos dos gobernos como primeiro paso. Iso dáse dentro das formas constitucionais ou institucionais vixentes, como parte dunha estratexia que se tece dentro dun período contrarrevolucionario aberto despois da derrota das forzas revolucionarias plasmadas nas ditaduras cívico-militares de mediados dos setenta.

 A destrución social do neoliberalismo e a crise provocada pola perda de hexemonía das elites políticas e económicas deixan un baleiro político que é aproveitado polos proxectos nacional-populares para chegar aos gobernos. O comandante Hugo Chávez en Venezuela (1998), Luiz Inácio Lula da Silva en Brasil (2002) e Néstor Kirchner en Arxentina (2003) abren o camiño para o cambio de época en América Latina e o Caribe.

 Ao final desta primeira fase refórzase a disposición de loita desde abaixo e desde arriba e a construción heroica do posneoliberalismo coa derrota inflixida polo pobo de Venezuela ao golpe de Estado contrarrevolucionario de abril de 2002.

Segunda fase do ciclo progresista (2004-2006): pico de acumulación política

 A Chávez, Lula e Kirchner súmanse Evo Morales en Bolivia (2005) e Rafael Correa (2006), en Ecuador, ao mesmo tempo que se derrotaba o proxecto imperial coñecido como ALCA, en novembro de 2005, pouco despois de que os gobernos revolucionarios de Cuba e Venezuela, con Chávez e Fidel como arquitectos da integración, impulsasen, en decembro de 2004, o ALBA, e nacesen, tamén nese período de dous anos, valiosos instrumentos ao servizo da liberación dos pobos como Telesur ou a Rede de Intelectuais en Defensa da Humanidade.

 Prodúcense algúns «golpes de leme» claves que mostran o cambio de rumbo nos escenarios políticos nacionais, como as nacionalizacións dos hidrocarburos en Bolivia, as asembleas constituíntes en Bolivia ou Ecuador, ou o pedimento de perdón por parte do Estado arxentino polos crimes de lesa humanidade cometidos pola última ditadura cívico-militar.

 Ao auxe do antiimperialismo na rexión, súmase a afirmación do carácter socialista da Revolución Bolivariana. Neste horizonte do Socialismo do Século XXI alíñanse a Revolución Democrática e Cultural de Bolivia e a Revolución Cidadá de Ecuador, co socialismo comunitario e o «Bo Vivir» como horizontes de época.

Terceira fase do ciclo progresista (2007-2012): a estabilización do proxecto posneoliberal

 Ao núcleo duro de gobernos progresistas súmase Centroamérica coa chegada dos sandinistas ao goberno nacional de Nicaragua (2007, aínda que Daniel Ortega gaña as eleccións en novembro de 2006) e da Fronte Farabundo Martí para a Liberación Nacional no Salvador (2009). Tamén constitúen un avance na correlación de forzas políticas favorábel aos pobos a chegada ao goberno de Fernando Lugo en Paraguai (2008) e a viraxe cara a posicións progresistas do goberno de Manuel Zelaya en Honduras.

 Nesta fase son derrotados, grazas á mobilización popular, os intentos de golpe de Estado no núcleo duro bolivariano: Bolivia (2008) e Ecuador (2010), aínda que non logran ser freados os golpes aos gobernos populares de Honduras en 2009 (cando se incorpora ao ALBA), e Paraguai en 2012, inaugurando así a nova estratexia de «golpes brandos» da dereita, perpetrados desde as propias institucións do Estado liberal.

 Estas pedras no camiño da construción progresista e revolucionaria da nosa América teñen o seu reverso nas novas constitucións aprobadas en referendo que consolidan a refundación dos Estados posneoliberais en Bolivia e Ecuador (co antecedente de Venezuela en 1999). Nos novos textos constitucionais lógrase cristalizar a mudanza nas correlacións de forzas sociais e políticas a favor dos pobos.

 Ao mesmo tempo, América Latina e o Caribe entran de cheo na transición ao mundo multipolar, cunha presenza, cada vez maior, de Rusia e sobre todo de China na rexión, ademais do nacemento, en xuño de 2009, do BRIC (Brasil, Rusia, A India e China, ao que se sumaría Sudáfrica en abril de 2011), que contrarrestan a hexemonía ianqui no seu tradicional patio traseiro e xeran condicións para un desenvolvemento económico endóxeno con maiores graos de soberanía.

Cuarta fase do ciclo progresista (2013-2016): refluxo e crise

 A morte do comandante Chávez (marzo de 2013) abre de xeito simbólico unha etapa de refluxo, de crise no bloque nacional-popular, que se traduce nun pico de desacumulación política e social, que culmina con tres derrotas electorais para a esquerda e os proxectos nacional populares ou o progresismo (de distinto signo, pero derrotas á fin e ao cabo), en Arxentina (outubro de 2015) -o único goberno de esquerda e/ou nacional-popular perdido nas urnas desde 1998-; Venezuela (decembro de 2015) e Bolivia (febreiro de 2016), ademais dun golpe político-institucional-mediático contra o goberno brasileiro de Dilma Rousseff (maio de 2016).

 Esta fase deixa un debate non saldado para a esquerda, o do Estado. Dicía René Zavaleta Mercado, sociólogo marxista boliviano, que a historia das masas é unha historia que se fai contra o Estado. Pois este historicamente expresa as relacións de dominación, e aínda que aparenta estar por riba dos intereses das distintas clases e ser árbitro, produce os instrumentos institucionais necesarios para a reprodución da clase dominante. O mesmo afirma o tamén boliviano Jorge Viaña; polo tanto, todo Estado, en última instancia, nega as masas, aínda que pretenda expresalas. Probabelmente isto se ve máis claro nos procesos do segundo anel progresista, e axúdanos a entender parcialmente o sucedido en Arxentina ou Brasil.

 Porén, no caso dos procesos que propugnaron cuestionar o poder da clase dominante e o sistema mesmo, o Estado constitúese como «de transición», case como un «Leviatán a contramán», pois expresa novas correlacións de forzas que permean as institucións, modifican as regras de xogo e propóñense apontoar a construción de poder popular.

 Na dialéctica contraditoria das transicións, a lóxica da inercia estatal obstaculiza, á vez que potencia, as experiencias populares autoxestionarias. É un Estado que se reforma a si mesmo; por exemplo, mediante as reformas constitucionais do núcleo duro bolivariano, o que non sucedeu en ningún dos países do segundo anel progresista, nos cales ese vello monstro e as súas lóxicas de arbitrio baixo envolturas sumamente democráticas favoreceron a reconstitución da iniciativa cultural, económica, institucional, comunicacional das forzas restauradoras da orde neoliberal; á vez que as forzas políticas que conduciron os gobernos populares deste segundo anel priorizaron a loita desde arriba desvalorizando a autoorganización popular, agás nos momentos de agudización do enfrontamento en que intentan apelar á mobilización das masas. En troca, no primeiro anel apélsea constantemente á loita desde abaixo como reaseguramento do proceso revolucionario e como vieiro de construción do socialismo.

Quinta fase do ciclo progresista (2016- ): guerra de posicións entre o posneoliberalismo e o capitalismo offshore

 Aínda que entramos nunha fase de crise do ciclo progresista, non se pode falar da súa fin. En primeiro e evidente lugar, porque aínda que a clase dominante logrou desaloxar do goberno e do aparello do Estado a algúns gobernos populares mediante eleccións (Arxentina) ou manobras leguleias e xudiciais (Brasil), non caeu o núcleo duro do cambio de época progresista: Bolivia e Venezuela, a quen acompañan Nicaragua e por suposto a heroica Revolución cubana. Aínda que perdan dous procesos electorais parciais e, sobre todo en Venezuela, se agudizasen as contradicións, o enfrontamento e a polarización social, non se detivo a construción revolucionaria expresada fundamentalmente nas comunas, co apoio do Estado revolucionario.

 Os dous proxectos, xunto con Nicaragua e Cuba, que propugnaron ir máis aló das relacións capitalistas no longo prazo son os que están en pé, o que indica que a batalla estratéxica do noso tempo é a defensa deses procesos.

 A fase na que entra o ciclo progresista caracterízase entón por unha guerra de posicións na que a esquerda debe facer un bo diagnóstico e balance do breve ciclo de derrotas electorais, do sucedido en Brasil, e Ecuador coa traizón de Lenin Moreno ao legado de Correa, e en xeral do refluxo na capacidade de resistencia e mobilización política das forzas de esquerda no continente.

América Latina en tempos de Trump

 Para pensar Nuestra América en tempos de Trump, cómpre facerse unha pregunta:

 Sabe Trump onde está América Latina?

 Imos supoñer que si, ou polo menos que os seus asesores do Pentágono e o Comando Sur si o saben. Entón vén unha segunda pregunta:

 Mudou a política exterior estadounidense no que respecta a América Latina respecto da administración Obama?

 Todo parece indicar que a resposta é non. Vexamos tamén algúns indicadores que nos permitan sustentar esta afirmación:

- Mantense e renovase o decreto executivo de Obama declarando a Venezuela un perigo para a seguridade dos Estados Unidos.

- Mantense a política de inxerencia contra Bolivia e outros gobernos progresistas. Non esquezamos que hai un fío condutor entre o golpe parlamentario en Paraguai contra Fernando Lugo (2012) e o impeachment contra Dilma (2016), a presenza en ambos os países de Liliana Ayalde, exdirectora de USAID e embaixadora en cada un deses países. Actualmente, Ayalde é directora civil adxunta para Asuntos de Política Exterior do Comando Sur(4). Outro fío condutor podémolo atopar no nomeamento de Philip Goldberg como encargado de negocios en Cuba. Goldberg, experto en contrainsurxencia e ex embaixador en Kosovo, xa foi expulsado de Bolivia polo seu papel de buscar a balcanización do país durante o empate catastrófico que se vivía no país andino-amazónico durante 2007-2008.

- Respecto de Cuba, e malia bruscas declaracións e movementos políticos, parece que até o momento as mudanzas son máis de forma que de fondo.

- Mantense a mesma política de bases militares e exercicios militares conxuntos, como a recente operación AmazonLog(5) na Amazonia entre as forzas armadas de Estados Unidos, Brasil, Colombia e Perú.

- Mantense o rol da OEA como policía sipaia do imperialismo para bater nos gobernos progresistas.

- Outra das principais promesas de campaña, o famoso muro de Trump, é unha realidade en boa parte da fronteira con México, onde xa existen máis de 1.000 quilómetros(6) de muro e valados sobre os 3000 km de fronteira conxunta.

Relacións Estados Unidos - América Latina

 Partindo da premisa de que até o de agora non cambiou moito entre Estados Unidos e América Latina, facémonos entón outra pregunta:

Vai cambiar a política exterior estadounidense cara a Nuestra América con Trump no poder?

 Entrando no terreo da prospectiva política, a xira do secretario de Estado Rex Tillerson, exCEO de Exxon, por varios países de América Latina, permitiu subliñar dous elementos estratéxicos para os Estados Unidos na súa ollada á rexión: os recursos naturais en chan latinoamericano e intentar frear a presenza cada vez maior de China, mantendo un control político sobre os gobernos de dereita latinoamericanos.

 Conforme a estes dous elementos, son dous os procesos políticos que poden modificar a política estadounidense cara a América Latina.

 O primeiro deles é Venezuela. A revolución bolivariana e chavista sofre desde 2014 un recruamento da guerra económica, política e mediática, e aínda que a administración Trump non variou as súas posicións, a non participación da maior parte de partidos que compoñen a Mesa de Unidade (MUD) nas eleccións presidenciais do 22 de abril alfombran o camiño para que Nicolás Maduro revalide a presidencia, pero tamén para unha posíbel intervención militar impulsada por Estados Unidos e operada desde algún país veciño.

 O segundo escenario é México. A fronteira sur de EEUU podería pasar de ter un goberno lacaio do Departamento de Estado a ter un goberno progresista na figura de López Obrador que, sen traer unha segunda revolución política á terra de Zapata e Pancho Villa, si desde logo vai recuperar a soberanía en política exterior, xerando un movemento do taboleiro xeopolítico e da integración latinoamericana e caribeña nada favorábel aos intereses estadounidenses.

 Este último escenario está en desenvolvemento, cunha campaña electoral que comeza oficialmente o 30 de marzo, e unhas eleccións presidenciais o 1 de xullo, sen segunda volta.

 Nese sentido, é importante analizar o sucedido nas últimas eleccións de 2017 en América Latina, as de Honduras, onde podemos extraer algunhas ensinanzas da fraude cometida, para evitar que se reproduza en México, algo de suma importancia non só para o país norteamericano, senón para toda Nuestra América.

O espello hondureño

 Hegel dicía que todos os grandes feitos (e personaxes) da historia universal, aparecen dúas veces. Marx complementouno engadindo que unha vez como traxedia e outra como farsa.

 O sucedido en Honduras confírmanos a tese dos vellos filósofos de que a historia sempre se repite dúas veces: o golpe de Estado a Mel Zelaya en 2009 como traxedia e a fraude electoral de 2017 como farsa.

 O 28 de xuño de 2009 militares encarapuchados sacan en pixama o presidente Zelaya e depórtano ilegalmente, tras pasar por unha base militar conxunta entre Honduras e Estados Unidos(7), a Costa Rica. Zelaya era acusado de intentar realizar un plebiscito para consultar a posíbel convocatoria dunha Asemblea Constituinte, aínda que o seu verdadeiro delito foi unha viraxe desde os postulados que o levaron ao goberno como representante do Partido Liberal en 2006, para virar en 2008 e promover o ingreso de Honduras primeiro en Petrocaribe e despois no ALBA, o que lle permitiu ese mesmo ano elevar o salario mínimo un 60%.

 O ataque non era só contra un goberno progresista, senón contra o elo máis débil do ALBA, despois dunha década de ascenso dos gobernos de esquerda na rexión. Honduras ademais ten unha posición xeopolítica chave en Centroamérica, que foi utilizada pola CIA nos anos oitenta como plataforma para adestrar a contra nicaraguana, e converteuse en 2009 nun laboratorio do smart power que defendía Hillary Clinton, naquela altura secretaria de Estado; a combinación de hard power (golpe de estilo clásico, uso das Forzas Armadas) co soft power (impulso político desde o Poder Xudicial xunto a manipulación mediática e apagón informativo).

 Oito anos despois, Libre presentábase ás eleccións nunha Alianza de Oposición xunto ao Partido Innovación e Unidade (PINU) e o Partido Anticorrupción (PAC), co líder deste último partido, o coñecido presentador de televisión Salvador Nasralla, como candidato a presidente. En fronte, Juan Orlando Hernández, candidato do Partido Nacional e presidente desde 2013, que se presentaba a unha reelección que prohibe a Constitución hondureña no seu artigo 239(8). Por moito menos que iso Mel Zelaya foi obxecto dun golpe de Estado.

 O 27 de novembro, un día despois das eleccións, o Tribunal Supremo Electoral fai público un informe de resultados onde ao 57% do reconto realizado, Nasralla e a Alianza de Oposición obteñen unha vantaxe de máis de 5 puntos sobre JOH. Na maior parte de sistemas electorais do mundo, unha vantaxe de 5 puntos con máis do 50% do reconto realizado considérase tendencia irreversíbel. Pero non en Honduras, onde tras unha máis que sospeitosa caída do sistema informático, onde se deixan de retransmitir 5.000 actas, ofrécese un novo reconto onde JOH supera por 1.6 puntos a Nasralla. A fraude consolídase o 18 de decembro cando o TSE ofrece os resultados finais outorgando a vitoria a JOH por 42,95% fronte ao 41,5% de Nasralla. Todo iso no medio dun toque de queda decretado o 1 de decembro, que deixou até o momento máis de 30 persoas mortas por disparos das forzas de seguridade.

 A fraude foi tan descarada que mesmo a propia OEA, nada sospeitosa de simpatías polos gobernos progresistas, que tiña como xefe de Misión Electoral o boliviano Tuto Quiroga, exvicepresidente do ditador Banzer (menos sospeitoso aínda), vese obrigada a emitir un informe(9), o 17 de decembro, apoiado por un comunicado de prensa da súa Secretaría Xeral que sinala:

 Intrusións humanas deliberadas no sistema informático, eliminación intencional de rastros dixitais, imposibilidade de coñecer o número de oportunidades en que o sistema foi vulnerado, valixas de votos abertas ou sen actas, improbabilidade estatística extrema respecto dos niveis de participación dentro do mesmo departamento, papeletas de voto en estado de recente impresión e irregularidades adicionais, sumadas á estreita diferenza de votos entre os dous candidatos máis votados, fan imposíbel determinar coa necesaria certeza ao ganador.

 Pero non só iso. Existe un informe de apoio encargado pola mesma OEA ao profesor da prestixiosa universidade estadounidense de Georgetown, Irfan Nooruddin, que analiza estatisticamente os resultados do procesamento de actas, e que salienta como en varios departamentos se produce un aumento brusco da carga de votos a partir da caída do sistema, aumento que favorece a Juan Orlando Hernández fronte á Alianza de Oposición(10). Por exemplo, no Departamento da Paz, no último terzo de carga de votos, que pasa do 68% ao 73%, e ese «aumento» na participación coincide cun aumento dos votos a favor de JOH de 44% a 56%, mentres que os de Nasralla descenden do 32% ao 16%.

 Nooruddin afirma que: «As diferenzas son demasiado grandes como para ser xeradas por casualidade e non son facilmente explicábeis, o que desata dúbidas sobre a veracidade do resultado». Porén, e malia todas estas probas evidentes, a fraude consumouse, e sería bo deterse un momento a analizar as razóns deste feito. Podemos atopar tres elementos para a análise:

- O control territorial das urnas. En calquera elección é vital a defensa do voto no lugar que se produce este. Para iso é necesario construír organización no territorio, e onde non se alcance, xerar alianzas que che permitan ese control. É posíbel que isto explique a alianza de MORENA en México co PES, partido evanxélico que garante non só 3 millóns de votos, senón a presenza nunha parte do norte de México onde MORENA é débil territorialmente.

- O non control das institucións estatais. Este parece ser o maior punto débil e onde a fraude se perpetrou en Honduras. Ao ser a meirande parte dos membros do Tribunal Supremo Electoral de Honduras designados polo Partido Nacional, formouse unha barreira invisíbel pero tan eficiente como antidemocrática, que permitiu consumar a fraude ao non ter presenza nos diferentes momentos do reconto electoral, tanto físico como informático. Este tamén é un punto débil en México, nun Estado controlado polo PRI onde o menor problema non vai ser a compra de votos en sectores populares por medio de expensas ou o pagamento de 500 pesos, senón unha posible fraude informática, estilo 1988 recargado. Por iso é polo que a mobilización popular vai ser determinante nas horas e días seguintes ás eleccións presidenciais.

- Unha mala política comunicativa cara a dentro e cara a fóra. Aínda que en Honduras se conseguiu informar e mobilizar o país con certo éxito, fóra de Honduras, de xeito similar ao que ocorreu tras o golpe de 2009 ou as eleccións de 2013, non se sabía con certeza o que estaba pasando, non se transmitían as probas existentes da fraude, e moito menos ningunha información de como apoiar e presionar desde fóra do país. É por iso polo que este se converte tamén nun dos principais desafíos para a alianza electoral Juntos Haremos Historia, conformada por MORENA, PT e PES. O plan A é gañar cun control férreo e territorial de todas as urnas, mais o Plan B sempre debe ser a defensa do voto mediante a mobilización e a presión internacional. Débese aprender das experiencias de 1988 e 2006.

Que facer?

 Partindo da tese de que Trump é só un síntoma dunha enfermidade chamada capitalismo, en estado de descomposición, debemos estar vixiantes de como se despregan estes síntomas na cartografía política nuestroamericana.

 E a primeira trincheira son os dous escenarios analizados, Venezuela e México, onde o lugar en que debemos situarnos é na defensa da democracia, na demanda de que se garantan eleccións democráticas e se respecte a vontade popular, sen inxerencias de ningún tipo. Que o pobo de Venezuela, e o pobo de México, poidan decidir de xeito soberano o seu futuro, en paz e liberdade.

 En Venezuela o noso deber é defender a Revolución bolivariana e chavista, non porque sexamos de esquerda, senón porque o noso lugar na trincheira desta pelexa é claro, en fronte do imperialismo e os oligopolios mediáticos.

 En México, os demócratas de esquerda debemos apoiar a MORENA e o PT, porque se vai impulsar un Plan B na figura de Ricardo Anaya da coalición PAN-PRD que só significa unha continuidade das políticas neoliberais impulsadas por Fox e Calderón, do mesmo partido que Anaya, e continuadas por Enrique Peña Nieto do PRI.

 Para iso, e como nos lembra Rafael Correa(11) debemos converter en forza mobilizadora os millóns (94 en toda America Latina) de persoas que as políticas dos gobernos de esquerda, nacional-populares e/ou progresistas, sacaron da pobreza. A nosa loita pola xustiza social debe partir dun pobo organizado fronte a un capitalismo que nos converte en consumidores, individualizando, fragmentando para derrotarnos, primeiro culturalmente, e despois economicamente. Non deixemos que isto pase en ningunha das trincheiras político-electorais da nosa América.

___________________________________________________________________________

 

Notas:

(1) Álvaro García Linera: «La globalización ha muerto», (http://www.jornada.unam.mx/2016/12/28/opinion/013a1pol).

(2) «El inesperado legado de Obama: ocho años de guerra continua» (https://www.nytimes.com/es/2016/05/18/el-inesperado-legado-de-obama-ocho-anos-de-guerra).

(3) «Trump propone aumento de 54 mil mdd en presupuesto militar» (http://www.elfinanciero.com.mx/mundo/trump-propone-aumento-de-54-mmdd-en-presupuesto-militar.html).

(4) (http://www.miamidiario.com/politica/miami/florida/comando-sur/comando-sur-de-los-estados-unidos/liliana-ayalde/371948).

(5) (https://www.alainet.org/es/articulo/189101).

(6) (http://www.bbc.com/mundo/media-37850439).

(7) Honduras ten un acordo con Estados Unidos desde os anos 50 polo que este último país pode utilizar libremente calquera base militar ou aeroporto hondureño. Só na base militar de Palmerola se calcula que hai uns 500 marines.

(8) O cidadán que desempeñase a titularidade do Poder Executivo non poderá ser Presidente ou Vicepresidente da República. O que quebrante esta disposición ou propoña a súa reforma, así como aqueles que o apoien directa ou indirectamente, cesarán de inmediato no desempeño dos seus respectivos cargos e quedarán inhabilitados por dez (10) anos para o exercicio de toda función pública.

(9) (http://www.oas.org/fpdb/press/segundo-informe-preliminar-moe-honduras-18dic-final.pdf).

(10) (https://www.oas.org/fpdb/press/Nooruddin-Analysis-for-OAS-Honduras-2017.pdf).

(11) (https://www.nodal.am/2018/02/desafio-estrategico-la-izquierda-latinoamericana-atacada-la-derecha-propios-errores-rafael-correa-delgado).

 

___________________________________________________________________________

 

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 13 de marzo de 2018]

 

Volver