América Latina en tempos de Trump

Katu Arkonada -

Unha pantasma percorre América Latina: a pantasma do populismo de dereita. Pantasma dun cadáver, o da globalización neoliberal, que viu esgotado o seu ciclo en América Latina tras a vaga de gobernos progresistas no sur e, paradoxalmente, a vitoria de Trump no norte do continente. A morte do ALCA grazas ao impulso de Chávez, Lula, Kirchner e Fidel, así como o suicidio inducido por Trump ao TPP, pechan un ciclo de globalización capitalista. Globalización financeira, pero non de mercados e moito menos de persoas.

En América Latina até o momento asistimos a unha certa recomposición da dereita neoliberal.

 Todo iso enmarcado na maior crise coñecida do capitalismo. Un capitalismo en fase de descomposición[1] debido a que a dialéctica entre o desenvolvemento das forzas produtivas e as relacións de produción entrou en contradición, e o capitalismo xa non pode garantir a reprodución da vida dunha parte importante da poboación planetaria en condicións socialmente “normais”. A expansión do capital financeirizado faise destruíndo máis relacións produtivas que as que constrúe. Á súa vez, debe terse en conta que a descomposición pode adquirir diferentes ritmos e graos nas diversas rexións, mesmo pode non comezar nalgunhas, pero si é xa un trazo global do sistema.

 Mais Trump é só unha expresión neofascista (fascismo social en palabras de Boaventura de Sousa Santos[2]) que recolle o descontento popular ante unha crise económica que se sente nos petos da clase traballadora, a mesma clase que de xeito maioritario dará o voto á ultradereita de Le Pen nas eleccións francesas de abril. Entre mentres, a esquerda europea nin está nin espera que estea, e mentres hai non tantos anos se escandalizaba porque a ultradereita en Europa chegase ao 10%, agora alédase de que quede segunda forza e non gañe (aínda) a presidencia dun país.

 En América Latina até o momento asistimos a unha certa recomposición da dereita neoliberal (que nin é tan nova nin tan liberal), das vellas elites políticas e económicas, que pretenden disputar o control do Estado fronte á vontade transformadora expresada nos gobernos progresistas.

 Esta disputa tradúcese nas batallas electorais, convertidos en referendos sobre a década de transformacións políticas, económicas e sociais. Referendos librados tamén nun escenario mediático onde se constrúen matrices de opinión contra os gobernos de esquerda, matrices en torno ao narcotráfico, a corrupción, ou os Dereitos Humanos.

O escenario ecuatoriano

 Neste escenario rexional enmárcase a campaña pola segunda volta das eleccións presidenciais ecuatorianas do próximo 2 de abril.

 Malia a crise económica, que sitúa a xestión da economía como algo prioritario para as clases medias, cómpre valorar o 39’4% alcanzado por Lenín Moreno, candidato de Alianza País, tras máis de 10 anos de revolución cidadá. Isto só se pode explicar se entendemos a ampliación de dereitos producida en Ecuador durante a década gañada, crecemento dos servizos públicos, mellora substancial das infraestructuras do país, e aumento da capacidade de consumo da maior parte da poboación ecuatoriana.

 Para enfrontar iso, á dereita offshore ecuatoriana non lle quedou outro remedio que facer promesas irreais, como a de deixar o petróleo do Yasuní baixo terra. Lasso, un dos responsábeis do “feriado bancario” que provocou a migración de 2 millóns de ecuatorianos en 1999, é o fiel expoñente da nova-vella dereita rexional.

 Pero o caso ecuatoriano sérvenos para tirar leccións de como enfrontar a unha dereita que onde vai unida gaña (Macri en Arxentina), mentres que onde vai dividida perde (Lasso e Viteri).

 O voto á dereita en Ecuador é tamén un voto anti oficialista, como se pode ver na Amazonía, mais sobre todo resulta incomprensíbel a postura da esquerda alternativa (que non radical, porque sobre todo é socialdemócrata, de feito non hai máis que ver o perfil de Paco Moncayo) que encara a segunda volta co slogan: “Ni un voto al correísmo”.

 E aínda que se termine gañando a segunda volta, o sucedido en Ecuador, primeiro goberno do ALBA en risco (do núcleo duro, pois non podemos esquecernos de Honduras), debería facernos pensar en cales son os límites, pero tamén as posibilidades dos nosos procesos.

Límites e horizontes dos nosos procesos

 Todos os grandes liderados dos nosos procesos, o Comandante Chávez, Evo Morales ou Rafael Correa, foron outsiders no seu momento, afastados dos partidos tradicionais. Líderes e instrumentos políticos que representaban o cambio. Agora, a disputa é entre continuidade ou ruptura, aínda que sexa pola dereita, que só conseguiu vencer nas urnas coa imaxe de Macri como renovación (algo que non puideron facer nin en Venezuela nin en Bolivia).

 Esa disputa ten o Estado como campo de batalla. Estado que significa disputa, pero tamén é garantía de dereitos. A máis Estado, menos mercado. E esa disputa vai enfrontar dous anos decisivos, con eleccións en Honduras este mesmo ano, onde Libre e Xiomara Zelaya chegan con moitas posibilidades, e un 2018 con eleccións en Colombia, México, Brasil e Arxentina. Por un momento supoñamos que os tres xigantes latinoamericanos volvesen ou se incorporasen aos vieiros da integración con López Obrador, Lula e Cristina á cabeza de novos gobernos progresistas, para esperar a un Evo Morales reelecto en Bolivia en 2019.

 Para iso, a batalla da sedución, da disputa da expectativa das clases medias e mocidade, vai xogar un rol decisivo nos próximos procesos electorais, e aí, como di o compañeiro Fernández Heredia[3], a radicalización dos procesos deberá ser a tendencia imprescindíbel para a súa propia sobrevivencia.

 Outro irmán cubano, Abel Prieto[4], déixanos outra das claves fundamental para as batallas que se aveciñan, gañar a batalla da conciencia e das ideas, sendo críticos e propositivos.

 E se na nova vaga ascendente que se aveciña do ciclo progresista conseguimos, unha vez asegurada a vitoria en Ecuador, reimpulsar a integración latinoamericana, profundando o ALBA, consolidando a CELAC e abrindo cara aos BRICS, dariamos un paso adiante para consolidar o novo mundo multipolar desde o único escenario do mundo onde se logrou construír unha alternativa posneoliberal, porque o populismo de dereita non impugna a enfermidade (o capitalismo) senón os seus síntomas (corrupción, exclusión…), e aí é onde os proxectos das maiorías sociais, cos seus liderados, teñen a oportunidade de seducir as sociedades en transformación con proxectos de xustiza social e emancipación.

_______________________________________________________________________

[1] Para afondar no concepto de “capitalismo en fase de descomposición” ver o libro de recente publicación: “Desde abajo, desde arriba. Escenarios y horizontes del cambio de época en América Latina” de Katu Arkonada e Paula Klachko. Caminos, La Habana, 2016.

[2] Boaventura de Sousa Santos. Reinventar la democracia, reinventar el Estado. Abya Yala, Quito, 2004.

[3] Claves del anticapitalismo y el antimperialismo hoy. Las visiones de Fidel en los nuevos escenarios de lucha http://rebelion.org/noticia.php?id=223471

[4] Conversa co Ministro de Cultura de Cuba Abel Prieto: “Lo principal hoy es detener el desánimo” http://www.granma.cu/mundo/2017-03-09/lo-principal-hoy-es-detener-el-desanimo-09-03-2017-18-03-42

_______________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Telesur, do 26 de marzo de 2017]

 

Volver