América Latina, epicentro das loitas políticas mundiais no século XXI

Emir Sader -

A primeira década do século estivo marcada polos gobernos antineoliberais en América Latina. A segunda, pola ofensiva de dereita. A terceira década será de disputa feroz a escala mundial, coa ascensión imparábel de China, na súa alianza con Rusia, e a recomposición das forzas antineoliberais en América Latina

 Despois de ter  protagonizado algúns dos fenómenos históricos máis importantes do século XX, América Latina sufriu unha dura ofensiva de parte do capitalismo global nas últimas décadas do século pasado. A crise da débeda pechou o -até aquel momento- máis longo ciclo de crecemento das nosas economías, iniciado nos anos 1930. Ditaduras militares nalgúns dos países políticamente máis importantes do continente -Brasil, Uruguai, Chile, Arxentina- golpearon duramente as democracias e as forzas populares deses países. América Latina foi a rexión do continente que tivo a maior cantidade de gobernos neoliberais e nas súas modalidades máis radicais.

 É como reacción a todo iso que Latinoamérica se proxectou como a única rexión do mundo que tivo gobernos antineoliberais -en Brasil, Arxentina, Uruguai, Venezuela, Bolivia, Ecuador- coordinados entre si en procesos de integración rexional. Foron os únicos gobernos no mundo que diminuíron as desigualdades, a exclusión social, a fame, a miseria e a pobreza, a contramán das tendencias globais.

 Latinoamérica proxectou non soamente un modelo eficiente de combate e superación do neoliberalismo, con desenvolvemento económico e distribución de renda, senón que tamén proxectou paralelamente os grandes líderes da esquerda a escala mundial: Lula, Néstor e Cristina Kirchner, Hugo Chávez, Pepe Mujica, Evo Morales, Rafael Correa, Andrés Manuel López Obrador. A esquerda do século XXI é antineoliberal e ten en Latinoamérica o seu epicentro.

 Mesmo despois de que a dereita, coordinada internacionalmente, retomase a ofensiva, derrotando gobernos progresistas en países como Arxentina, Brasil, Ecuador, Uruguai, Bolivia, o continente segue sendo o escenario das máis importantes loitas do noso tempo, protagonizadas por forzas neoliberais e antineoliberais, democráticas e antidemocráticas, de soberanía nacional e servís aos Estados Unidos.

 Arxentina demostrou a capacidade de resistencia a políticas devastadoras de parte do goberno neoliberal de Mauricio Macri, derrotouno e retomou a vida de reconstrución económica, social, política e cultural do país.

 México avanza na vía de superación de tantos e tan desintegradores gobernos neoliberais.

 En Brasil, despois da monstruosa operación que sacou a Dilma Rousseff do goberno e condenou a Lula, ambos sen probas, e elixiu, por mecanismos de manipulación absolutamente ilegais, un goberno vergoñento, a oposición reorganízase e reaparece como alternativa. A liberación de Lula sitúao como centro da oposición democrática ao goberno e proxecta a perspectiva dunha vitoria electoral similar á arxentina.

 En Ecuador o goberno de restauración neoliberal non logra ningún apoio, proxectando unha perspectiva de retomada da alternativa antineoliberal.

 En Uruguai a derrota da Fronte Ampla modifica o escenario político, mais non muda o enfrontamento central do noso tempo, entre neoliberalismo e antineoliberalismo, e propicia as posibilidades de que a Fronte Ampla se recupere, reafirme como alternativa e dispute de novo o goberno.

 Bolivia é outro caso paradigmático, que afirma que a esquerda non é só alternativa ao neoliberalismo, senón tamén, como tamén no caso brasileiro, é alternativa democrática. O goberno de Evo Morales foi interrompido por un golpe, con clara participación das forzas armadas, as policías, os medios e o gran empresariado. Sen alternativa, a dereita busca constituír un novo bloque de forzas, sen apoio popular, valéndose do Poder Xudicial para perseguir os opositores, sobre todo a Evo e a Álvaro García Linera. Pero, aínda así, a esquerda segue como a alternativa que pode facer que Bolivia saia da crise de forma democrática e cun goberno de novo lexítimo.

 A primeira década do século estivo marcada polos gobernos antineoliberais en América Latina. A segunda, pola ofensiva de dereita, non só aquí, senón tamén nos Estados Unidos, Gran Bretaña e noutros países. A terceira década será de disputa feroz a escala mundial, coa ascensión imparábel de China, na súa alianza con Rusia, a recomposición das forzas antineoliberais en América Latina, contando agora con movementos populares refortalecidos en Chile, Colombia, Ecuador, coa consolidación de gobernos como os de México e Arxentina, a disputa implacábel en Brasil entre o goberno actual e a oposición, baixo o liderado de Lula. A rexión, agora cunha listaxe ampliada de países, seguirá sendo o epicentro das loitas políticas no mundo, onde se decide a disputa central do noso tempo, entre neoliberalismo e antineoliberalismo.

 

[Artigo tirado sitio web mexicano La Jornada, do 4 de febreiro de 2020]

 

Volver