América Latina, epicentro das loitas políticas mundiais no século XXI

Emir Sader - 21 Xan 2020

A primeira década do século estivo marcada polos gobernos antineoliberais en América Latina. A segunda, pola ofensiva de dereita, non só aquí, senón tamén nos EUA, Gran Bretaña e noutros países. A terceira década será de descarnada disputa a escala mundial, coa ascensión incontíbel de China, na súa alianza con Rusia, a recomposición das forzas antineoliberais...

 Despois de ter protagonizado algúns dos fenómenos históricos máis importantes do século XX, América Latina sufriu unha dura ofensiva por parte do capitalismo global na súa contra nas últimas décadas do século pasado. A crise da débeda pechou -até ese momento-, o máis longo ciclo de crecemento das nosas economías, iniciado nos anos 1930. Ditaduras militares nalgúns dos países politicamente máis importantes do continente -Brasil, Uruguai, Chile, Arxentina-, golpearon duramente as democracias e as forzas populares deses países. América Latina foi o continente que tivo a maior cantidade de gobernos neoliberais e nas súas modalidades máis radicais.

 É como reacción a todo iso que América Latina se proxectou como a única rexión do mundo que tivo gobernos antineoliberais -en Brasil, Arxentina, Uruguai, Venezuela, Bolivia, Ecuador- coordinados entre si en procesos de integración rexional. Foron os únicos gobernos no mundo que diminuíron as desigualdades, a exclusión social, a fame, a miseria e a pobreza, ao revés das tendencias globais.

 América Latina proxectou non soamente un modelo eficiente de combate e superación do neoliberalismo, con desenvolvemento económico e distribución de renda, como proxectou paralelamente aos grandes líderes da esquerda a escala mundial: Lula, Néstor e Cristina Kirchner, Hugo Chávez, Pepe Mújica, Evo Morales, Rafael Correa, López Obrador. A esquerda do século XXI é antineoliberal e ten en América Latina o seu epicentro.

 Aínda despois de que a dereita, coordinada internacionalmente, retomase a ofensiva, derrotado gobernos progresistas en países como Arxentina, Brasil, Ecuador, Uruguai ou Bolivia, o continente segue sendo o escenario das máis importantes loitas do noso tempo, protagonizadas por forzas neoliberais e antineoliberais, democráticas e antidemocráticas, de soberanía nacional e vasalos dos EUA.

 Arxentina demostrou a capacidade de resistencia a políticas devastadoras de parte do goberno neoliberal de Mauricio Macri, derrotouno e retomou a vía de reconstrución económica, social, política e cultural do país. México avanza na vía de superación de tantos e tan desintegradores gobernos neoliberais.

 En Brasil, despois da monstruosa operación que destituíu a Dilma Rousseff do goberno e condenou a Lula, ambos sen probas, e elixiu, por mecanismos de manipulación absolutamente ilegais, un goberno vergoñento, a oposición reorganízase e reaparece como alternativa. A liberación de Lula colócao como centro da oposición democrática ao goberno e proxecta a perspectiva dunha vitoria electoral similar á arxentina.

 En Ecuador o goberno de restauración neoliberal non logra ningún apoio, proxectando unha perspectiva de recuperación da alternativa antineoliberal. En Uruguai, a derrota da Fronte Ampla cambia o escenario político, pero non cambia o enfrontamento central do noso tempo, entre neoliberalismo e antineoliberalismo, e propicia as posibilidades de que a Fronte Ampla se recupere, se reafirme como alternativa e dispute de novo o goberno.

 Bolivia é outro caso paradigmático, que afirma que a esquerda non é só alternativa ao neoliberalismo senón tamén, igual que no caso brasileiro, é alternativa democrática. O goberno de Evo Morales foi interrompido por un golpe, con clara participación das FF.AA., as policías, os medios e o gran empresariado. Sen alternativa, a dereita busca constituír un novo bloque de forzas, sen apoio popular, valéndose do poder xudicial para perseguir os opositores, en primeiro lugar a Evo e a Álvaro García Linera. Pero, aínda así, a esquerda continúa sendo a alternativa que pode facer que Bolivia saia da crise de forma democrática e cun goberno de novo lexítimo.

 A primeira década do século estivo marcada polos gobernos antineoliberais en América Latina. A segunda, pola ofensiva de dereita, non só aquí, senón tamén nos EUA, Gran Bretaña e noutros países. A terceira década será de descarnada disputa a escala mundial, coa ascensión incontíbel de China, na súa alianza con Rusia, a recomposición das forzas antineoliberalais en América Latina, contando agora con movementos populares refortalecidos en Chile, Colombia e Ecuador, coa consolidación de gobernos como os de México e Arxentina, a dura disputa en Brasil entre o goberno actual e a oposición, baixo o liderado de Lula. América Latina, agora cunha listaxe ampliada de países, seguirá sendo o epicentro das loitas políticas no mundo, onde se decide a disputa central do noso tempo, entre neoliberalismo e antineoliberalismo.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 20 de xaneiro de 2020]