América Latina: Interludio de dereita e o estertor do neoliberalismo

James Petras -

Un ano despois de chegaren ao poder, os réximes neoliberais entraron nunha crise terminal. En primeiro lugar, a maioría dos réximes chegaron ao poder a través de camiños autoritarios. En Brasil, Michel Temer asumiu a presidencia mediante un golpe de estado no Congreso. En Honduras, un golpe militar derrocou o goberno liberal progresista, como no caso de Paraguai. En Arxentina, Mauricio Macri explotou a maquinaria patronal provincial para tomar o poder con base nun proceso "electoral" de estilo mexicano

Introdución

 Os escritores de negocios, os economistas neoliberais e os políticos de América do Norte e a UE anunciaron o abrazo de América Latina dunha "nova vaga de mercados libres e eleccións libres". A partir de 2015 predixeron unha nova era de crecemento, estabilidade e bo goberno libre de corrupción e dirixida por políticos tecnócratas.

 A primeiros 2018, todo o edificio neoliberal estaba a caer, as promesas e predicións dunha historia de éxito neoliberal foron esquecidas. Os "detractores" estaban en ascenso.

 Este documento discutirá o recente incremento dunha así chamada “vaga neoliberal” ou viraxe á dereita e os réximes que a dirixen.

 Reavaliaremos criticamente as afirmacións iniciais e a súa fráxil base. Esbozaremos as promesas e o programa promovidos pola elite neoliberal. Despois avaliaremos os resultados que garantiron a desfeita final.

 Concluiremos examinando por que o neoliberalismo sempre foi un proxecto dominado pola crise, un réxime cuxos fundamentos son estruturalmente inestábeis e se basean na entrada fácil e saída rápida do capitalismo.

A “vaga” neoliberal

 A primeiros de 2015 e até 2018, unha serie de réximes neoliberais de dereita chegaron ao poder nalgúns dos países máis importantes de América Latina. Estes inclúen Arxentina, Brasil, Ecuador e Colombia. Uníronse a un grupo de réximes de "libre mercado" existentes en México, Perú, Honduras e Paraguai.

 Wall Street, a prensa financeira e a Casa Branca aplaudiron as mudanzas de réxime como unha "vaga de dereitas", un retorno á "normalidade" e un rexeitamento ao "populismo", a corrupción e a mala xestión económica.

 Os principais entes de investimento esperaban a intención dos economistas tecnocráticos de seguir os preceptos do neoliberalismo.

 Os banqueiros e os investidores esperaban estabilidade a longo prazo, crecemento dinámico e oportunidades lucrativas.

O programa neoliberal

 As fórmulas aplicadas uniformemente polos réximes neoliberais incluíron a desregulación da economía: rebaixar os aranceis, eliminar os subsidios á enerxía, os combustíbeis e os servizos públicos; o despedimento de miles de empregados públicos e a privatización de sectores enteiros dos sectores de minaría, telecomunicacións enerxéticas e infraestruturas.

 As moratorias da débeda terminaron e os banqueiros foron recompensados con pagamentos millonarios lucrativos polos empréstitos que compraran, centavos por cada dólar.

 Os gobernantes neoliberais prometeron que os investidores estranxeiros se abrirían paso a través das "portas abertas" con investimentos a grande escala a longo prazo. As lucrativas ganancias de capital, que se benefician de exencións impositivas, alentarían o retorno das tenzas no estranxeiro de especuladores nacionais.

 Os réximes neoliberais afirmaron que as empresas privatizadas poderían acabar coa corrupción, aumentar o emprego e o consumo masivo. Argumentaban que os déficits e o desemprego diminuirían e que a "vaga neoliberal" duraría unha ou dúas xeracións.

Neoliberalismo: vaga ou fracaso?

 Un ano despois de chegaren ao poder, os réximes neoliberais entraron nunha crise terminal.

 En primeiro lugar, a maioría dos réximes chegaron ao poder a través de camiños autoritarios. En Brasil, Michel Temer asumiu a presidencia mediante un golpe de estado no Congreso, baseado na suposta mala administración administrativa da presidenta Dilma Rousseff. En Honduras, un golpe militar apoiado por Estados Unidos derrocou o goberno liberal progresista do presidente José Manuel Zelaya, como foi o caso en Paraguai co presidente Fernando Lugo. En Arxentina, Mauricio Macri explotou a maquinaria patronal provincial, capitalizada por unha alianza banqueiro-mediático-agro-mineira, para tomar o poder con base nun proceso "electoral" de estilo mexicano.

 En Ecuador, o recentemente electo presidente Lenin Moreno seguiu unha estrataxema de "Cabalo de Troia": pretendeu seguir os pasos do presidente nacional populista Rafael Correa, pero unha vez elixido, abrazou os oligarcas de Guayaquil e os banqueiros de Wall Street.

As credenciais democráticas do neoliberalismo son de dubidosa lexitimidade.

 As políticas socioeconómicas rapidamente socavaron as promesas optimistas e conduciron a desastres socioeconómicos. O réxime neoliberal en Arxentina multiplicou por dous o desemprego e o subemprego, mentres que os niveis de vida diminuíron precipitadamente. Decenas de miles de empregados públicos foron despedidos. As taxas de xuros subiron aos máximos do mundo ao 65%, eliminando efectivamente os empréstitos comerciais e o financiamento.

 Inicialmente empresas comerciais estaban ansiosas por apoiaren o réxime neoliberal; pero fronte á depreciación, a débeda e a depresión, os investidores fuxiron a refuxios máis seguros despois de embolsárense ganancias extraordinarias.

 En Brasil, a folga de camioneiros paralizou a actividade e obrigou o réxime de Temer a retractarse dos prezos da gasolina.

 A indignación popular bloqueou o programa de privatizacións e de pensións regresivo de Temer.

 A popularidade de Michel Temer reduciuse a un só díxito. A economía ortodoxa presidencial reempraza a Temer respecto ao líder popular dos Traballadores de Lula da Silva nun 30%. O poder xudicial altamente neoliberalizado, ante o repudio, prohibiu e encarcerou a Lula.

 En Colombia, a corrupción do réxime levou a un referendo popular, ao que se opoñía a extrema dereita. Os movementos sociais acusan o novo presidente neoliberal Ivan Duque de ignorar e alentar o asasinato de máis de trescentos activistas sociais nos últimos tres anos.

 En Honduras e Paraguai, o estancamento económico e a regresión social levaron a decenas de miles a fuxiren ao estranxeiro ou a participaren en movementos militantes que ocupan terras de barbeito.

 En Ecuador, a adopción da reforma falsa do réxime da elite empresarial e os axustes do FMI levaron a unha gran desilusión. O programa de austeridade do presidente Moreno reduciu o PIB ao 1% e desmantelou programas públicos, xa que establece as bases para a privatización de minas, telecomunicacións e bancos.

 A medida que os réximes neoliberais se enfrontan ao abismo, dependen cada vez máis dun Estado militarizado. En Brasil, o exército apoderouse das favelas; na Arxentina proliferaron as operacións militares, mentres que o capital anteriormente produtivo fuxiu, substituído por estafadores especulativos.

Conclusión

 Os réximes neoliberais toman o poder con aplausos de Wall Street e colapsan con apenas un laio.

 Mentres que os xornalistas financeiros e os consultores de investimento privado expresan sorpresa e atribúen as crises aos "erros" e "mala administración" do réxime, as verdadeiras razóns do fracaso predicíbel dos réximes neoliberais son o resultado de erros fundamentais.

 A desregulación socava as industrias locais que non poden competir cos fabricantes asiáticos, estadounidenses e da UE. Os aumentos nos custos dos servizos públicos arruínan os pequenos e medianos produtores. A privatización priva o Estado de ingresos para o financiamento público. Os programas de austeridade reducen os déficits, socavan o consumo interno e eliminan o financiamento fiscal.

 A fuga de capitais e o aumento das taxas de xuros aumentan o custo do endebedamento e deprecian a moeda.

 As depreciacións e a fuga de capitais profundan a recesión e aumentan a inflación.

 Os ministros de finanzas atacan as reservas para evitar un colapso financeiro.

 A austeridade, o estancamento, o desemprego e a regresión social lesionan os intereses dos traballadores e as folgas do sector público. O descontento dos consumidores, as crebas conducen a un profundo declive da popularidade do réxime.

 A medida que a crise se desenvolve, o réxime reorganiza os ministerios, aumenta a represión e busca a salvación co financiamento do FMI.

 Os financeiros néganse a enviar grandes cantidades de diñeiro. Os réximes neoliberais entran nunha crise terminal.

 Mentres que os réximes neoliberais actuais parecen moribundos, aínda conservan o poder do Estado, algo de influencia de elite e unha capacidade para explotar as divisións internas entre os seus adversarios.

 A oposición antineoliberal demostra a súa fortaleza en desafiantes políticas socioeconómicas, pero ten dificultades para formular unha estratexia política e económica alternativa para o poder do Estado. Aos editores financeiros preocúpalles que a presión xere unha explosión social -unha resposta de Arxentina 2001, cando o Presidente fuxiu nun helicóptero.

 

[Artigo tirado do sitio web La Haine, do 11 de setembro de 2018]

Volver