América Latina: Que fin de ciclo?

Atilio A. Boron - 11 Xun 2019

A desfeita do macrismo en Arxentina e a súa case segura derrota nas presidenciais de outubro e a recente revelación das ilegais e inmorais argucias fraguadas entre o corrupto xuíz Sergio Moro e os fiscais do poder xudicial brasileiro para enviar á cadea a Lula asestan un duro golpe aos dous puntais sobre os cales repousaba o inicio do suposto ciclo “postprogresista”.

 Foron moitas e moitos os que a mediados desta década e en coincidencia -casual, involuntaria- co despregamento da ofensiva restauradora do imperio deron en anunciar a “fin do ciclo” progresista en Latinoamérica. A derrota do kirchnerismo no 2015 e o ilegal e ilexítimo derrocamento de Dilma Rousseff en 2016 así como o grotesco xuízo e encarceramento de Lula aparecían como signos inequívocos do inicio dun novo ciclo histórico.

 Só que os profetas desta epifanía xamais se aventuraron a arriscar algo moi elemental: que viña despois? Terminaba un ciclo, ben, pero: quería isto dicir que comezaba outro? Silencio absoluto. Dúas alternativas. Ou ben adherían ás teses de Francis Fukuyama sobre a fin da historia, cousa absurda se as hai; ou como os máis audaces insinuaban, con finxida preocupación, estabamos ao comezo dun ciclo longo de gobernos de dereita. Digo finxida porque, hipercríticos cos gobernos do ciclo supostamente en bancarrota in pectore preferían a chegada dunha dereita pura e dura que, supostamente, acentuaría as contradicións do sistema e maxicamente abriría a porta a quen sabe que... porque, sorprendentemente, ningún deses acerbos críticos do ciclo progresista falaba de revolución socialista ou comunista, ou da necesidade de profundar a loita antiimperialista. Polo tanto, o seu argumento apenas retórico e academicista morría na simple certificación do presunte peche dunha etapa e máis nada.

 Agora ben: todos eses discursos caeron abruptamente nas últimas semanas. En realidade, xa viñan costa abaixo desde o inesperado triunfo de López Obrador en México e a súa tardía incorporación ao “ciclo progresista”. A súa vitoria demostraba que aínda que ferido seriamente este non morrera. A desfeita do macrismo e a súa case segura derrota nas presidenciais de outubro deste ano e a recente revelación das ilegais e inmorais argucias fraguadas entre o corrupto xuíz Sergio Moro e os fiscais do poder xudicial brasileiro para enviar á cadea a Lula asestan un duro golpe aos dous puntais sobre os cales repousaba o inicio do suposto ciclo “postprogresista”.

 Na Arxentina os macristas esperan o peor, sabendo que só un milagre os salvaría dunha derrota. E Bolsonaro está na beira do abismo pola crise económica do Brasil e por designar como super-ministro de xustiza un letrado inescrupuloso que invalida á súa pretensión de ofrecer un goberno transparente, impoluto, inspirado nos máis elevados principios morais do cristianismo que lle inculcaron os pastores da igrexa evangélica cando -apropiada e oportunistamente- o rebautizaron no río Xordán como Jair ‘Messias’ Bolsonaro.

 As filtracións das conversas por whatsapp e contactos entre Moro e os fiscais dadas a coñecer por The Intercept, alén das múltiples denuncias por corrupción na súa contra e os seus fillos, revelan que este santo varón chamado a lavar dos seus pecados a política brasileira non é outra cousa que o xefe dunha banda delituosa, un impostor, un falabarato, un energúmeno que semellar ter os días contados no Palacio do Planalto. E manter a Lula en prisión será cada día máis difícil tendo en conta a farsa xurídica argallada na súa contra e agora exhibida a plena luz do día. E Lula libre é un perigo de gran magnitude para o actual goberno de Brasil.

 Trátase de que só Arxentina e Brasil están incumprindo cos pronósticos dos teóricos da “fin de ciclo”? Non. Que dicir do desastre colombiano, unha verdadeira “ditablanda” pseudoconstitucional onde segundo o tradicional xornal El Tempo “durante os primeiros 100 días de mandato do presidente Iván Duque rexistráronse 120 asasinatos de líderes”, un baño de sangue comparábel ou peor que o das ditaduras que asolaron países como Arxentina, Brasil, Chile e Uruguai nos setenta e oitenta ( https://www.eltiempo.com/colombia/otras-ciudades/el-mapa-de-los-lideres-sociales-asesinados-en-colombia-184408 ).

 E que dicir do caso do Perú, onde todos os seus ex presidentes desde 1980 (Alberto Fujimori, Alejandro Toledo, Ollanta Humala, Pedro Pablo Kuczynski e Alan García están presos, fuxidos ou suicidáronse, o que xunto coa catástrofe colombiana e a deserción de México humedeceu irreparabelmente a pouca pólvora que quedaba en mans do “Cártel de Lima” como lacaio rexional do Calígula estadounidense.

 Mesmo o caso chileno non está exento de dúbidas tendo en conta que a deslexitimación do seu sistema político chegou a niveis sen precedentes. En efecto, ante a escandalosa capitulación desa fráxil democracia fronte aos grandes intereses corporativos, en cuxo nome exclusivamente se goberna, a maioría da poboación adulta optou polo abstencionismo electoral co consecuente baleiramento do proxecto democrático.

 En poucas palabras: o que supostamente viría unha vez consumado o esgotamento do “ciclo progresista” é polo menos problemático e está moi lonxe de constituír unha alternativa superadora do “extractivismo” ou o “populismo” que supostamente caracterizarían os gobernos precedentes.

 O anterior non debe interpretarse como unha aseveración de que o ciclo iniciado co triunfo de Chávez nas presidenciais de decembro de 1998 en Venezuela prosegue a súa marcha imperturbábel. Moito sufriu nos últimos tempos. O cambio no clima económico internacional xoga na súa contra; a obra de destrución levada a cabo por Macri, Piñera, Duque, Bolsonaro e a infame traizón de Moreno, esa verdadeira “armada Brancaleone” que Trump e o seu predecesor instalaron en Latinoamérica, socavou moitos dos avances do pasado. Mais a realidade é teimuda e un atranco non é derrota, como tampouco o é un retroceso puntual. A vella toupa da historia prosegue incansábel o seu labor, favorecida pola exasperación das contradicións dun capitalismo cada vez máis salvaxe e predatorio. A longa marcha pola emancipación dos nosos pobos -que nunca foi liñal e invariabelmente ascendente- segue o seu curso e acabará por desaloxar eses gobernos entreguistas, reaccionarios e cipaios que hoxe desacougan a Latinoamérica e non avergoñan ante o mundo. E non haberá que agardar moito para velo.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 11 de xuño de 2019]