Amplíase o seguimento na segunda xornada de folga no metal da Coruña por un convenio digno
O próximo xoves está programada reunión coa patronal e, de non producírense avances, os paros continuarán os días 9, 10 e 11 de xuño
A Coruña/Ferrol/Compostela - 26 Mai 2026
O persoal do metal da provincia da Coruña está dando unha lección de dignidade, unidade e forza nesta segunda xornada de folga contra o secuestro patronal da negociación colectiva. O seguimento do paro, que se prolongará tamén durante o día de mañá, está sendo superior ao da pasada semana, coa actividade practicamente paralizada en toda a provincia e unha maior presenza do persoal na rúa, tanto nos piquetes informativos como nas mobilizacións.
Mobilizacións para a terceira xornada de folga
A folga continuará no día de mañá, mércores 27 de maio, estando previstas as seguintes mobilizacións:
A Coruña: ás 11:30h manifestación dende as inmediacións do Centro de Saúde do Ventorillo até a Praza de Pontevedra
Ferrol: ás 12:00h manifestación con saída da porta principal de Navantia
Santiago de Compostela: ás 11:00h concentración diante de Cortizo.
Para a CIG-Industria, este respaldo masivo á folga evidencia que o sector está farto das manobras dilatorias da patronal, que non vai asumir nin un só recorte de dereitos e que ten plena disposición a loitar para acadar melloras salariais, laborais e sociais. “A patronal debería tomar nota desta contundente resposta e reaccionar”, asevera Eduardo Caamaño, voceiro da CIG-Industria na mesa de negociación.
Indica que o próximo xoves está programada xuntanza do convenio “aínda que non temos moitas expectativas de que sexa produtiva, xa que a patronal nos pediu nun correo electrónico que modifiquemos a nosa plataforma pero non lle vemos vontade real de negociar, que é o que lle estamos reclamando”.
As asembleas acordan amplíar a folga
Neste contexto de inmobilismo do empresariado, as diferentes asembleas do persoal xa acordaron ampliar o calendario de mobilizacións e ir á folga tamén os días 9, 10 e 11 de xuño, se non hai avances na negociación.
Confrontar a precariedade no sector
O secretario nacional da CIG-Industria, Marcos Conde, que participou do piquetes informativos na Coruña, salienta a forza das traballadoras e traballadores para conseguir un convenio “que recupere a dignidade para o sector”, nun momento de importante carga de traballo para as empresas do siderometal.
Denuncia que nos últimos anos a precariedade foise instalando no sector, con contratos cada vez máis inestábeis e parciais “froito das sucesivas reformas laborais aprobadas polo gobernos do PP e do PSOE”. “As traballadoras e traballadores entenden que agora é o momento de darlle á volta a esta situación e rematar con esta precariedade. A forza e a razón témola nós e a demostración máis clara é o éxito destas xornadas de folga”, afirma Conde.
Caamaño lembra que as principais reivindicacións da parte social pasan, ademais de por un incremento salarial digno e unha cláusula de revisión ao IPC que opere a 1 de xaneiro, pola redución da xornada anual de traballo, estender a máis actividades o dereito á subrogación e “sobre todo por medidas para eliminar a precariedade laboral derivada do abuso da contratación por ETT, dos contratos fixos-descontinuos ou da subcontratación en cadea”.
Neste senso, advirte que este sector require dun elevado esforzo físico “e non pode haber estes niveis de temporalidade”, que ademais constitúen un factor de risco no traballo. Por iso, entre as demandas sociais tamén se inclúen melloras na prevención e seguridade e garantías do dereito á xubilación parcial e anticipada.