Amplísimo seguimento da folga en COMFICA e INDRA contra a deslocalización do emprego iniciada por R Cable

A CIG advirte que están en risco máis de 1000 postos de traballo na provincia da Coruña
A Corunña - 24 Xul 2019

Traballadores e traballadoras de COMFICA e INDRA na provincia da Coruña están secundando este mércores unha xornada de folga de 24 horas para esixir o mantemento dos empregos e información precisa tras o anuncio feito por R de que lle retirará os servizos que até agora lle pretaban. Con motivo da folga, que está rexistrando un amplísimo seguimento, o persoal realizou unha concentración este mediodía no edificio que a compañía de telecomunicacións ten no Polígono da Agrela. Pola tarde, ás 19:30 horas, haberá unha nova protesta, mais nesta ocasión diante da sede de R no Obelisco. 

 

"R escoita estamos en loita" ou "Non á deslocalización" foron algunhas das consignas que se escoitaron na protesta desta mañá, á que xunto ao persoal de COMFICA e INDRA en folga se sumaron tamén traballadores e traballadoras da empresa principal e doutras contratas afectadas. O delegado da CIG en COMFICA, Luis Ínsua, explicaba a este respecto que o proceso de traslado de servizos iniciado por Euskaltel (propietaria de R) pon en risco o futuro de máis de 1000 empregos na provincia da Coruña “e iso sen contabilizar ao persoal de campo, que polo momento, que saibamos, non está nesta situación aínda que podería verse afectado no futuro”. 

Ínsua lembra que o traballo que R quere entregar a ZTE (a empresa de mantemento de Euskaltel) leva sendo prestado polo mesmo persoal dende hai anos, xa que foi subrogado de contrata en contrata. “Hai xente que traballa facendo o mesmo servizo para R dende hai 20 anos”, subliña. Agora, a decisión de Euskaltel de retirarlle os contratos a estas empresas e deslocalizar os servizos fóra de Galiza deixa na máis absoluta incerteza o futuro destes postos. Tampouco axuda que nas reunións coa dirección de COMFICA, esta confirmara a perda dos contratos de Nivel 2 e Nivel 3, que non recolocará o persoal afectado e que ZTE (a nova contrata) xa advertiu que non procederá á subrogación porque ten traballadores/as de seu. 

“A empresa non quere falar directamente de despedimentos, pero se non hai recolocación nin subrogación, que alternativa nos queda?”, pregúntase

O día 31, nova xornada de folga

Para evitar a materialización dos despedimentos e pedir información concreta sobre a reestruturación, os traballadores/as de COMFICA e INDRA acordaron convocar  hoxe unha xornada de folga, que terá continuidade o vindeiro 31 de xullo. Na véspera, o martes 30, segundo informou a dirección de COMFICA, está prevista reunión entre a empresa e Euskaltel en Madrid para tratar o traslado dos servizos fóra de Galiza. Á espera do resultado dese encontro, dende o comité da contrata xa advertiron que non descartan intensificar as medidas de presión e establecer un calendario de mobilizacións a desenvolver no mes de agosto.

O delegado da CIG tamén cuestionou os problemas que pode carrexar o traslado dos servizos fóra de Galiza, tendo en conta que as diferentes contratas (COMFICA, INDRA, PLEXUS, Colabora, etc.) dan soporte non só a particulares e empresas, senón tamén ás Administracións, e de feito, hai unha contrata que se dedica en exclusiva a atender o servizo do SERGAS. 

Cómpre lembrar que dende a adquisición de R por parte de Euskaltel (ambas propiedade de Zegona), a empresa ten iniciado un proceso de traslado dos servizos cara a Asturias e Euzkadi, que afecta especialmente os labores de operacións e mantemento -na súa maior parte subcontratados- pero que tamén incide noutros servizos como atención telefónica ou enxeñaría. Esta deslocalización pon en risco o futuro de máis de 1000 traballadores e traballadoras e a súa consecuencia máis directa é o anuncio de 18 despedimentos por parte de COMFICA.

Demandan a implicación do Concello da Coruña

Dentro da rolda de contactos que tanto o comité como a CIG teñen iniciado para evitar que se consume esta deslocalización, na tarde do luns, unha representación do persoal reuniuse co Concello da Coruña para trasladarlle a súa preocupación e pedir a intervención do Goberno municipal, tendo en conta a implantación que R ten na cidade. Nese encontro, a parte social insistiu na necesidade de que a Administración local se implique ao máximo nivel e que lle traslade a Euskaltel a necesidade de buscar alternativas ao desmantelamento dos servizos e á perda de emprego que isto supón para a comarca da Coruña.

A CIG e o comité solicitaron tamén unha reunión coa Consellaría de Industria para falar do traslado de servizos de R e como afecta ao emprego en Galiza.