Amplo seguimento da cazolada nas Pontes contra o saqueo de dereitos perpetrado por Endesa

A protesta coincidiu coa celebración telemática da Xunta de Accionistas
As Pontes - 05 Mai 2020

1.500 millóns de euros en reparto de dividendos, dos que 1.100 millóns corresponden a Enel (que posúe o 70% do capital da eléctrica) e que polo tanto serán repatriados a Italia. Esta foi unha das decisións adoptadas hoxe pola Xunta Xeral de Accionistas de Endesa, mentres os traballadores e as traballadoras e o colectivo de pensionistas e xubilados/as ven como lle espolian os dereitos que lles custou anos conquistar. Por iso, dentro das limitacións do estado de alarma, e coincidindo coa celebración da xuntanza, a CIG, CCOO, SIE e APREN convocaron unha cazolada nas Pontes para "demostrar que seguimos activos e activas e que non estamos conformes con este convenio".

A protesta, que se realizou ás 12:30 horas coincidindo co inicio da Xunta tivo un amplo seguimento na vila, onde se puido escoitar o bater das cazolas dende as fiestras de pisos e casas. Neste senso, Fernando Branco, responsábel de Enerxía da CIG e voceiro do colectivo de persoas xubiladas e pensionistas de Endesa, trasladou a satisfacción pola resposta social á convocatoria, malia as dificultades xeradas pola actual emerxencia sanitaria.

A intención inicial, engade, era trasladarse a Madrid ao igual que o pasado ano para facer unha concentración diante da sede de Endesa. Isto non é posíbel nas actuais circunstancias "pero non queríamos deixar pasar a ocasión sen dar unha resposta, porque o conflito polo convenio colectivo e polo saqueo dos nosos dereitos segue vivo, tanto pola vía xudicial como a nivel social", subliña Branco.

A este respecto, adianta que xa está fixada vista na Audiencia Nacional polo conflito colectivo interposto contra a arbitraxe solicitada por UGT e que derivou na sinatura do V convenio colectivo (con esta central sindical como única asinante), que suprime, entre outros recortes, os beneficios sociais como a tarifa de empregado da que até agora viñan gozando o denominado persoal pasivo (prexubilados/as, xubilados/as, viúvas e orfos/as).

Uns beneficios históricos que, lembra Branco, forman parte do salario en especie e que a empresa eliminou aproveitándose da limitación da ultravixencia introducida coa reforma laboral do PP.

Contra esta actuación de Endesa presentouse conflito colectivo na Audiencia Nacional que ditaminou a favor da eléctrica. Esta sentenza tamén recorrida ante o Tribunal Supremo.  Ademais, xa está denunciado o propio convenio colectivo que malia non estar publicado oficialmente no BOE, Endesa xa está aplicando nas súas peores partes.

Endesa incrementa beneficio a conta de roubar salarios

De feito, hai uns días Endesa comunicaba á CNMV que grazas á sinatura do convenio colectivo, os seus beneficios incrementáronse en 450 millóns de euros. Boa parte destes cartos forman parte das provisións contábeis que a empresa tiña que facer para afrontar o pago dos beneficios sociais recortados.

Sobre o contido da Xunta Xeral de Accionistas, Fernando Branco fai unha chamada de atención  sobre o acordo para o reparto de dividendos que ascenden aos 1.500 millóns de euros, dos que Enel levará o 70%. Isto deberíanos facer reflexionar sobre como se descapitaliza unha empresa estratéxica, que no seu día foi pública, privatizouse e agora volve estar en mans dunha empresa pública pero propiedade do Estado italiano. "Nun momento de crise económica e social como o que deixa a pandemia da Covid19, que marchen 1.100 millóns de euros debería preocupar e moito ao goberno español".

Porén, o reparto obsceno de millóns de euros entre accionistas a conta de recortar e roubar os dereitos laborais e sociais do persoal; cando no Estado español hai preto de catro millóns de fogares que sofren pobreza enerxética; cando xa estamos inmersos nunha nova crise económica e social; ou cando perigan milleiros empregos por falta dunha tarifa industrial competitiva; fan saltar as alarmas no goberno nin animan a meter man nun sector estratéxico para o noso desenvolvemento económico e social, pero que está ao 100% en mans privadas. Circunstancia que, por certo, se dá en moi poucos estados da Unión Europea.