Amplo seguimento da folga en Bosch de Vigo contra unha nova precarización das condicións de traballo

Un nutrido grupo de traballadoras/es mobilizouse hoxe diante da empresa coincidindo co segundo día de paro
Vigo - 07 Xan 2022

A folga convocada en Bosch para rexeitar a intención da empresa de precarizar aínda máis as condicións laborais de boa parte do cadro de persoal está a ser amplamente secundada polo cadro de persoal, sobre todo nos dous departamentos afectados. Coincidindo coa segunda das tres xornadas de paros previstas -que rexistrou igual que a primeira un seguimento de entre o 80 e o 90%-, un nutrido grupo de traballadoras/es mobilizouse hoxe diante das instalacións da empresa en Vigo.

O comité de empresa de Bosch (12 delegadas/os da CIG, 5 de CCOO, 5 de UGT e 1 independente) optou por convocar tres días de paros este mércores 5, o venres 7 e o vindeiro luns 10 de xaneiro tras consultar co cadro de persoal nas distintas asembleas telemáticas que se levaron a cabo nos últimos días, tendo en conta que boa parte dos empregados/as atópanse en situación de teletraballo como consecuencia da pandemia.

O principal motivo, segundo explica o presidente do comité, Xulio Paramos, da CIG, ten que ver coas pretensións da compañía do sector dos centros de chamadas de impoñer unha modificación substancial das condicións de traballo a 400 persoas tras verse obrigada a retirar o ERE que pretendía aplicarlle a 90.

A empresa xustificou este intento de despedir 90 persoas nunha suposta adaptación do persoal ás necesidades dun servizo pendente de concurso, de xeito que a medida afectaría a 50 traballadoras/es dun departamento e a 40 de outro, que segundo Bosch sobrarían para facerse cargo dun servizo que Vodafone vai licitar.

Pero nada máis iniciar as negociacións do ERE a representación sindical desmonta esta argumentación, “xa que non poden aplicar un ERE en base a futuríbeis, tendo en conta que aínda non sabe se vai resultar adxudicataria do servizo”, sinala Paramos. Entón a compañía decide retirar o ERE, pero presentan unha modificación substancial das condicións de traballo para todo o persoal dos dous departamentos.

“A medida inclúe cambios nas quendas horarias e a aplicación de máis reducións de xornada, ademais de non respecta nin sequera a concreción horaria por garda legal de crianzas ou maiores dependentes a cargo”, denuncia. En consecuencia, o comité anunciou que non vai aceptar unhas modificacións que supoñen “precarizar aínda máis as nosas condicións de traballo” e optou por promover a convocatoria de tres días de folga e da mobilización celebrada hoxe de 12:00 a 13:00 horas.