Amplo seguimento do paro no sector de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra por un convenio digno

Máis de 300 persoas traballadoras participaron nas mobilizacións que tiveron lugar en Vigo coincidindo coa primeira xornada de paros parciais
Vigo/Pontevedra - 05 Abr 2024

A primeira xornada dos paros parciais convocados pola CIG-Banca para reclamar un convenio digno no sector de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra tivo un amplo seguimento, tal e como evidenciaron as concorridas mobilizacións que tiveron lugar en Vigo durante a mañá. Máis de 300 persoas traballadoras participaron nas concentracións celebradas diante da sedes das patronais Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) e Asime ao berro de “Por un convenio digno, por un salario xusto”.

Os paros parciais e as protestas continuarán o vindeiro xoves 11, mentres que para o luns 15 hai convocada unha folga de 24 horas para rexeitar a proposta do empresariado dun sector que leva 12 anos co convenio paralizado “Malia isto, e tras nove xuntanzas da mesa negociadora, a patronal segue sen entender que non imos conxelar o complemento de antigüidade e négase a aceptar a realidade salarial do sector”, lamentan dende a central.

O empresariado pretende substituír o complemento de antigüidade por salarios que, nalgunhas categorías, supoñen un incremento sobre o SMI de 9 euros brutos anuais, unha proposta da CEP que non recoñece a profesionalidade do persoal do sector nin o seu carácter esencial, “como quedou claro durante os momentos máis duros da pandemia da covid”.

Tamén quere que a aplicación en táboas sexa dende o 1 de xaneiro deste ano, “mentres que para nós é innegociábel que a aplicación sexa dende xaneiro de 2023”. E négase a introducir unha cláusula de garantía salarial que operaría en casos de inflación disparada (como aconteceu nestes últimos anos).

Por iso na CIG entenden que o único xeito de lograr o convenio “digno e xusto” que merecen os traballadores/as pasa pola mobilización. “Loitar é o único camiño para dignificar as nosas condicións de traballo e para adaptar os nosos salarios á realidade económica actual, e non imos esperar máis tempo”.

Próximas mobilizacións

De xeito que a central celebrou asembleas abertas co persoal do sector nas que se decidiu convocar os paros parciais que comezaron hoxe e que continuarán o xoves 11, mentres que para o vindeiro luns 15 de abril optouse por unha folga de 24 horas. Coincidindo co paro do día 11 haberá de novo concentracións en Asime ás 10:30 e na CEP ás 12:00 horas. 

Haberá novo paro parcial o xoves 11 e folga de 24 horas o luns 15

Inciden en que tanto Asime, a patronal do metal, como Anfaco, da industria conserveira “son dúas das empresas afectadas por este convenio que máis resistencia amosan para non alcanzar acordos xa que pretenden seguir pagándolle o salario mínimo ao seu persoal”. E lembran que as súas pretensión empeorarían o actual convenio a pesar de que leva caducado dende 2011, “xa que agora aínda que cobran o SMI polo menos teñen plus de antigüidade, pero os plans do empresariado pasa pola súa conxelación”.