Amplo seguimento da xornada de folga en Vodafone contra os despedimentos

O persoal vigués desenvolveu unha protesta diante do Concello xunto a compañeiros/as de Bosch
Vigo/Coruña - 01 Feb 2019

Máis da metade dos traballadores/as galegos/as de Vodafone secundaron a folga convocada hoxe no noso país para rexeitar os 41 despedimentos que a empresa quere levar a cabo nos centros de traballo de Vigo e da Coruña no marco do ERE extintivo co que pretende desfacerse de 1200 empregados/as no conxunto do Estado. O persoal vigués aproveitou a xornada para desenvolveu unha concentración diante do Concello, na que tamén participaron compañeiros/as de Bosch, empresa que comparte proxectos con Vodafone.

Como consecuencia do paro de 24 horas convocado en Galiza, as dúas tendas de Vodafone en Vigo e na Coruña permaneceron pechadas na quenda de mañá, e actividade das dúas sedes tamén se viu afectada xa que máis da metade dos traballadores/as secundaron a folga para rexeitar o despedimento do 22% do persoal da empresa no noso país e no conxunto do Estado (41 de 181 traballadores/as en Galiza e 1200 de 5209 a nivel estatal).

Coincidindo co paro xeral, os empregados/as vigueses desenvolveron unha concentración ás portas do Concello, onde despregaron unha faixa e berraron consignas contra o ERE e reclamando o mantemento de todos os postos de traballo. Xunto a eles/as, compañeiros doutras empresas que se poderán ver afectadas tamén pola medida, como Bosch, que ten persoal vinculado a proxectos con Vodafone.

Dende a representación da CIG no comité de empresa lembran que o que agora se está a negociar é xa o terceiro ERE que a compañía presenta dende 2013, e que xa en 2012 presentara un ERTE. Como consecuencia destas medidas perderon o seu emprego un total de 1810 persoas no conxunto do Estado, das que 34 traballaban en Vigo. Paralelamente, o persoal aceptou tamén reducir a xornada, as pagas variábeis e os incentivos.