Amplo seguimento na primeira xornada de folga para esixir o desbloqueo do convenio de ambulancias

Arredor de 200 traballadores/as en folga sumáronse á manifestación nacional de delegados/as da CIG
Nacional - 09 Mai 2018

Traballadores e traballadoras de ambulancias secundan este mércores a primeira xornada de folga convocada no sector para esixir da patronal que sente a negociar o novo convenio colectivo e cese nas súas tentativas de precarizar as condicións laborais e salariais do persoal. O seguimento do paro está a ter unha importante incidencia en todas as áreas sanitarias, a pesar dos abusivos servizos mínimos decretados pola Xunta.

Ademais, para visibilizar o conflito aberto no sector e as súas demandas, arredor de 200 traballadores e traballadoras chegadas de toda Galiza participaron na manifestación que a CIG desenvolveu esta mañá en Compostela, tras a celebración da asemblea nacional de delegados/as preparatoria da folga xeral que a central nacionalista ten convocada para o vindeiro 19 de xuño.

O seguimento desta primeiro día de folga, que afecta tanto ao transporte sanitario urxente como o non urxente, e que continuará na xornada de mañá xoves, está a ter un elevado seguimento e aínda que irregular, hai áreas sanitarias nas que só entrou a traballar o persoal de mínimos. Neste senso, o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, denunciou os abusivos servizos mínimos decretados pola Xunta para esta primeira tanda de paros nas ambulancias, de maneira que "na práctica, estase a vulnerar o dereito fundamental de folga dos traballadores e traballadoras".

Concentracións do xoves

Co gallo da folga, este xoves 10 de maio están convocadas as seguintes concentracións:

  • 09:30 horas, no Hospital Montecelo de Pontevedra
  • 09:30 horas, no Hospital do Salnés
  • 10:00 horas no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo
  • 10:00 horas no Hospital de Ribeira

Bloqueo da negociación e precarización das condicións

Pastoriza lembra que o convenio colectivo de ambulancias leva dous anos e medio caducado e que a patronal, utilizando a escusa de que os contratos non cobren gastos, "ten bloqueada a negociación". E non só iso, engade, senón que mesmo hai empresas que solicitaron a inaplicación do convenio e unha rebaixa salarial de até o 25%, algo que cualifica de "auténtica barbaridade".

A este respecto, subliña que a patronal era coñecedora das condicións do servizo cando se presentou aos concursos "pero as empresas concorreron mesmo presentando ofertas económicas á baixa. Os traballadores e as traballadoras non poden ser agora quen carguen cos custes da súa mala xestión, cando ademais, seguen percibindo os mesmos salarios que en 2015".

Advirte Pastoriza que no último ano se produciu un empeoramento das condicións laborais polo aumento de horas e o incremento, de entre un 10 e un 20%, da carga de traballo, a consecuencia da suba dos servizos que ten que atender o 061 tanto urxentes como non urxentes. A pesar deste incremento de servizos non se reforzaron os cadros de persoal e agora “as traballadoras e traballadores son quen sofren as consecuencias”.

Tal é así que a media de baixas por IT está no 12%. Estas ausencias, aclara, son provocadas nun 80% dos casos por problemas relacionados con doenzas músculo-esqueléticas. “Traballan con persoas que teñen que levantar, xente maior, con sobrepeso, en edificios que moitas veces non teñen ascensor e iso ten consecuencias na súa saúde”, apunta Pastoriza.

A consecuencia destas deplorábeis condicións, a calidade do servizo reséntese polo número elevado de baixas, a falta de persoal, o estado das ambulancias, a falta de materiais de traballo ou de condicións hixiénico sanitarias nas que non se inviste, como limpeza e desinfección de uniformes, bases ou equipos material de traballo, que en moitas ocasións se lles di aos traballadores/as que teñen que collelo nos hospitais porque a empresa non os facilita.

Responsabilidade do SERGAS

Sobre posíbeis renuncias aos contratos, segundo a información trasladada polo SERGAS, non hai presentada ningunha solicitude a este respecto. "O que si nos dixeron é que algunha empresa tentou chegar a unha renuncia pactada -para non perder os cartos dos avais-, pero a administración non lles aceptou".

Esta circunstancia foille transmitida á CIG na xuntanza que mantivo co xerente do SERGAS e o director da Fundación 061, logo da convocatoria de folga. Nese encontro trasladouse información relativa ao sector, pero "a administración non se comprometeu a mediar no conflito, tal e como lle solicitamos, para que obrigue a patronal a sentar a negociar. A Xunta é a responsábel deste servizo público e dos contratos e non pode mirar para outro lado cando se trata de garantir as condicións laborais do persoal e a calidade do propio servizo que se presta", conclúe Pastoriza.

Plataforma de convenio

En canto á plataforma para o novo convenio colectivo, Xesús Pastoriza sinalou que esta recolle á incorporación da terceira paga extraordinaria; a limitación da contratación en prácticas -á que as empresas recorren de maneira abusiva para cubrir cadros de persoal a baixo custe-; a desaparición das horas extraordinarias; ou melloras en materia de prevención e saúde laboral.