Amplo seguimento na primeira xornada de paros contra os traslados de persoal en Universal Support

Traballadoras e traballadores concentráronse nas oficinas que a empresa ten en Pocomaco
A Coruña - 20 Set 2021

Traballadoras e traballadores de Universal Support que prestan servizo para a campaña de Pull&Bear secundan esta luns unha xornada de paros parciais e concentracións en contra da decisión da empresa de trasladar o centro de traballo ás instalacións que ten no Polígono de Bergondo. Os paros (de dúas horas de duración por quenda laboral) están rexistrando un amplo seguimento  e repetiranse o próximo xoves, 23 de setembro, data na que a empresa ten previsto efectivizar o traslado.

Na concentración, realizada diante do actual centro no Polígono de Pocomaco, berráronse consignas contra o traslado de 81 compañeiras e compañeiros e o persoal lembroulle á dirección que "traballamos en Pocomaco, así o pon no noso contrato" ou que "se nos queren trasladar, téñeno que pagar", en referencia á negativa de Universal Support a aplicar calquera tipo de compensación para os traballadores e traballadoras afectadas.

Un traslado sen xustificación

Para a sección sindical da CIG este traslado é completamente innecesario xa que o centro de Pocomaco vai seguir aberto e dando servizo a outras campañas e que o persoal pode seguir operando en teletraballo como facía até agora.  Ademais, rexeitan a escusa da dirección sobre a necesidade de ter a todo o persoal de estrutura xunto no mesmo lugar, "cando levamos ano e medio de teletraballo".

Malia isto, a empresa teima no traslado que lle vai supor un enorme prexuízo a nivel económico ao persoal xa que lles implica, no mellor dos casos, unha merma nos ingresos por ter que desprazarse a 20 quilómetros "e no peor dos casos, a imposibilidade de poder continuar traballando, xa que gran parte do persoal non dispón de medio de transporte propio para desprazarse e o servizo de transporte en autobús até Bergondo é moi deficitario".

Novas mobilizacións o día 23

A sección sindical da CIG anima o persoal afectado a secundar tamén os paros convocados polo comité para o vindeiro xoves 23, e a participar nas concentracións que terán lugar ese día ás 10:30 horas e ás 15:30h no centro de traballo de Universal Support no Polígono de Bergondo.