• Nova

Amplo seguimento na segunda xornada de folga na carpintería da Coruña por un convenio digno

Os traballadores e as traballadoras concentráronse na Coruña diante da sede da patronal
Nacional - 13 Xul 2022

Traballadores e traballadoras da industria da madeira concentráronse este mediodía diante da sede da patronal coruñesa en demanda dun convenio digno para a carpintería e ebanistería da Coruña. A mobilización, convocada pola CIG, tivo carácter provincial e desenvolveuse coincidindo coa segunda xornada de folga convocada no sector ante a negativa patronal a garantir o mantemento do poder adquisitivo dos salarios, introducir un plus de quendas e regular as condicións do persoal desprazado.

Esta segunda xornada de paro está a rexistrar tamén un amplísimo seguimento naquelas empresas máis grandes do sector, superando o 90% nalgunhas comarcas, mentres que nas empresas máis pequenas e naquelas con menor presenza sindical, como era de agardar, o seguimento está sendo máis irregular aínda que tamén rexistra un bo nivel de paro.

A FCM-CIG critica a falta de vontade da patronal para retomar as negociacións, xa que nos quince días transcorridos dende a primeira folga, non mantivo nin un mínimo contacto coa representación sindical. O secretario de negociación colectiva da FCM-CIG, Mario Maceiras, lembra que "agora tócalle a patronal mover ficha, porque nós non podemos rebaixar máis a nosa plataforma. A nosa liña vermella non é outra que lograr o mantemento do poder adquisitivo dos salarios".

Explica que a proposta económica da patronal parte xa dun empobrecemento dos traballadores e das traballadoras do 3,4%, pois para 2021 só oferta un incremento salarial do  3,1%, pondo ademais un tope do 1,5% no cobro dos atrasos, cando o IPC do pasado ano rematou no 6,5%. "É unha proposta inasumíbel", resumía Maceiras, tendo en conta que nos incrementos futuros (até 2025), "o empresario tamén quere estabelecer un tope do 5%", cando nestes momentos a inflacción xa supera o 10%.

Xunto á demanda de mantemento do poder adquisitivo e a introdución de cláusulas de revisión salarial, a parte social reclama tamén a creación dun plus de quendas (como xa existe noutros convenios do sector), e regular no convenio os desprazamentos do persoal montador a obras fóra de Galiza, incluíndo o dereito á fiscalidade 7P que evite ter que tributar dúas veces.

Neste senso, sinala que son habituais os desprazamentos para montar tendas de grandes firmas téxtiles como Inditex "polo que cómpre protexer as súas condicións no articulado do convenio". Indica Maceiras que antigamente estes traslados se compensaban mediante importantes incrementos salariais, que hoxe practicamente se reduciron a 0. A mellor oferta que nos fixeron foi, de cara ao futuro, comezar a falar dese articulado".

Xunto a isto,  reclámase a creación das categorías técnicas xa que cando se constituíu o convenio hai 40 anos non existían, pero a día de hoxe son unha realidade na maioría das empresas do sector. Porén, a patronal está pechada en banda a asumir ningunha destas xustas reivindicacións, "polo que non nos deixaron outra saída que convocar folga e pelexar para lograr un convenio digno na carpintería e ebanistería da provincia da Coruña", que regula a arredor de 5000 traballadores e traballadoras.