Amplo seguimento na xornada de paros en Unísono-Intelcia contra a precariedade laboral

A central tamén desenvolveu concentracións diante das oficinas da empresa
Vigo - 21 Xul 2025

Traballadoras e traballadores de Unísono-Intelcia Vigo están secundando este luns paros laborais de dúas horas en resposta ao empeoramento continuo das súas condicións de traballo. As folgas parciais, convocadas pola CIG, desenvólvense na quenda de mañá e de tarde e para darlle máis visibilidade as reivindicacións, o persoal tamén realizou concentracións diante das oficinas da empresa.

A sección sindical da CIG xa fixera unha primeira concentración o pasado 20 de xuño ante a falta de resposta da empresa ás numerosas queixas do persoal e aos diversos problemas laborais que se rexistran en todas as campañas (Abanca, ING, Naturgy, Iberdrola, Sabadell, Nespresso, Port Aventura, Ocaso etc.).

Abuso na contratación fixa-descontinua, imposibilidade de conciliación, traballo en operativas complexas cobrando o SMI porque a empresa só recoñece a categoría de teleoperador/a, presións insoportábeis, restricións no uso das horas médicas, incentivos cada vez máis escasos e imposíbeis de acadar, ou xornadas abusivas son algunhas das moitas problemáticas que padecen as persoas traballadoras dende hai anos, pero que se agudizaron nos últimos meses.

Ante a pasividade da empresa e a negativa a abrir unha vía de diálogo, a sección sindical da CIG acordou dar un paso adiante e convocar esta xornada de paros parciais para dicirlle á empresa que xa abonda de abusos, presións e precariedade. De feito, denuncian que a compañía non fixou unha reunión até que recibiu a convocatoria formal da folga. E incluso así, “falan dunha primeira reunión a finais deste mes”, que a representación da CIG considerou insuficiente “porque os problemas veñen de lonxe e as solucións quedarán para setembro”.