
Analízase a situación de emerxencia lingüística do galego no Encontro Internacional previo ao IX Congreso da CIG-Ensino

Como antesala do seu IX Congreso, que terá lugar mañá sábado na EGAP, a CIG-Ensino celebrou este venres dous encontros cos sindicatos internacionais: primeiro cos representantes dos de países de lingua portuguesa, e despois con sindicatos das nacións sen Estado do Estado español. Entre as cuestións abordadas, analizouse especialmente a situación de emerxencia lingüística que sofre o galego.
A Confederación Sindical de Educación dos Países de Lingua Portuguesa (CSPLP), de cuxa directiva fai parte a CIG-Ensino, ten, segundo explicou Suso Bermello, unha longa traxectoria informal, mais formalmente o seu primeiro congreso tivo lugar o ano pasado na cidade portuguesa de Amarante, coa participación de sindicatos de toda a lusofonía: de Brazil, de Portugal, de Guiné-Bissau, de Cabo Verde, de Angola e de Moçambique.

Nesta primeira xuntanza da xornada, na que se contou tamén coa participación de Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, deuse a coñecer a situación do noso idioma que, como explicou Bermello, non ten nada que ver coa situación que poidan vivir países onde o portugués é a lingua oficial, agás o caso de Guinea-Bissau.
Xunto a isto, deuse a coñecer tamén a Lei Paz Andrade que foi aprobada no Parlamento galego por unanimidade e que debería garantir a presenza do portugués en todos os centros educativos do país. Presenza que, tal e como avaliaron, está moi lonxe de ser real e que defendeu Bermello, entendendo que “ese impulso do portugués ten que ser, evidentemente, sempre desde a perspectiva de reforzar a valía, a importancia que lle damos á nosa propia lingua”.

Situación do profesorado
Do mesmo xeito, fíxose un repaso aos grandes retos que ten por diante o profesorado de avellentamento, de recambio xeracional, de infrafinanciamento dos sistemas educativos... E puxéronse sobre a mesa as diferentes realidade de países como Guiné-Bissau ou de Cabo Verde onde, a situación económica condiciona totalmente a acción sindical ou, como salientou Bermello, mesmo a situación no Brazil onde, malia estar Lula no goberno hai unha situación de maioría política no Congreso da dereita que condiciona enormemente o sistema educativo brasileiro.
Nesta mesma xornada, pero a partir do mediodía, celebrouse un encontro de sindicatos das diferentes nacións do Estado Español, coa presenza de sindicatos de Euskal Herria, de Cataluña, do País Valencià, e a propia CIG-Ensino, onde tamén se analizou a situación lingüística en cada un destes territorios con lingua propia nos sistemas educativos.

Unha realidade condicionada, no caso galego por “un goberno que persegue o idioma e non fomenta tampouco nin a expansión da nosa lingua, nin a da lingua portuguesa no país que, ao fin e ao cabo, foi o berce da lusofonía”, dixo.
Nesa liña, as e os representantes sindicais trasladaron as alternativas polas que apostan para dar resposta ás diferentes situacións que en cada un destes países se vive. Situacións respecto das que Bermello matizou que “non ten nada que ver a situación lingüística en países como Cataluña ou Euskal Herria, onde hai un apoio gobernativo e institucional relativamente forte polos respectivos idiomas, coa situación de emerxencia lingüística que vivimos no noso país, cun Partido Popular e un goberno da Xunta de Galiza claramente hostil cara ao noso idioma”.