Anatomía do novo neoliberalismo

Pierre Dardot e Christian Laval -

No pasado, o neoliberalismo asociouse con frecuencia á apertura, ao progreso, ás liberdades individuais, ao Estado de dereito. Actualmente, conxúgase co peche de fronteiras, a construción de muros, o culto á nación e a soberanía do Estado, a ofensiva declarada contra os dereitos humanos, acusados de poñer en perigo a seguridade

Desde hai unha decena de anos vénse anunciando regularmente a fin do neoliberalismo: a crise financeira mundial presentouse como o último estertor da súa agonía, despois foi a vez da crise grega en Europa (polo menos até xullo de 2015), sen esquecer, por suposto, o sismo causado pola elección de Donald Trump en EUA en novembro de 2016, seguido do referendo sobre o Brexit en marzo de 2017. O feito de que Gran Bretaña e EUA, que foron terras de promisión do neoliberalismo en tempos de Thatcher e Reagan, parezan darlle as costas mediante unha reacción nacionalista tan repentina, marcou os espíritos debido ao seu alcance simbólico. Despois, en outubro de 2018, produciuse a elección de Jair Bolsonaro, quen promete tanto o retorno da ditadura como a aplicación dun programa neoliberal dunha violencia e unha amplitude moi parecidas ás dos Chicago boys de Pinochet.

 O neoliberalismo non só sobrevive como sistema de poder, senón que se reforza. Hai que comprender esta singular radicalización, o que implica discernir o carácter tanto plástico como plural do neoliberalismo. Pero cómpre ir máis lonxe aínda e decatarse do sentido das transformacións actuais do neoliberalismo, é dicir, a especifidade do que aquí chamamos o novo neoliberalismo.

A crise como modo de goberno

 Lembremos de entrada que significa o concepto de noeliberalismo, que perde gran parte da súa pertinencia cando se emprega de forma confusa, como decote sucede. Non se trata só de políticas económicas monetaristas ou austeritarias, da mercantilización das relacións sociais ou da ditadura dos mercados financeiros. Trátase máis fundamentalmente dunha racionalidade política que se volveu mundial e que consiste en impoñer por parte dos gobernos, na economía, na sociedade e no propio Estado, a lóxica do capital até convertela na forma das subxectividades e a norma das existencias.

 Proxecto radical e mesmo, se se quere, revolucionario, o neoliberalismo non se confunde, xa que logo, cun conservadorismo que se contenta con reproducir as estruturas desigualitarias establecidas. A través do xogo das relacións internacionais de competencia e dominación e da mediación das grandes organizacións de gobernanza mundial (FMI, Banco Mundial, Unión Europea, etc.), este modo de goberno converteuse co tempo nun verdadeiro sistema mundial de poder, comandado polo imperativo do seu propio mantemento.

 O que caracteriza este modo de goberno é que se alimenta e radicaliza por medio das súas propias crises. O neoliberalismo só se sostén e reforza porque goberna mediante a crise. En efecto, desde a década de 1970, o neoliberalismo nútrese das crises económicas e sociais que xera. A súa resposta é invariábel: no canto de poñer en cuestión a lóxica que as provocou, hai que levar aínda máis lonxe esa mesma lóxica e tratar de reforzala indefinidamente. Se a austeridade xera déficit orzamentario, hai que engadir unha dose suplementaria. Se a competencia destrúe o tecido industrial ou desertifica rexións, hai que agudizala aínda máis entre as empresas, entre os territorios, entre as cidades. Se os servizos públicos non cumpren xa a súa misión, hai que baleirar esta última de todo contido e privar os servizos dos medios que precisan. Se as rebaixas de impostos para os ricos ou as empresas non dan os resultados esperados, hai que afondar aínda máis nelas, etc.

 Este goberno mediante a crise só é posíbel, abofé, porque o neoliberalismo se volveu sistémico. Toda crise económica, como a de 2008, se interpreta nos termos do sistema e só recibe respostas que sexan compatíbeis con este. A ausencia de alternativas non é só a manifestación dun dogmatismo no plano intelectual, senón a expresión dun funcionamento sistémico a escala mundial. Ao abeiro da globalización e/ou ao reforzar a Unión Europea, os Estados impuxeron múltiples regras e imperativos que os levan a reaccionar no sentido do sistema.

 Pero o que é máis recente e sen dúbida merece a nosa atención é que agora se nutre das reaccións negativas que provoca no plano político, que se reforza coa mesma hostilidade política que suscita. Estamos asistindo a unha das súas metamorfoses, e non é a menos perigosa. O neoliberalismo xa non necesita a súa imaxe liberal ou democrática, como nos bos tempos do que hai que chamar con razón o neoliberalismo clásico. Esta imaxe mesmo se converteu nun atranco para a súa dominación, cousa que unicamente é posíbel porque o goberno neoliberal non dubida en instrumentalizar os resentimentos dun amplo sector da poboación, falto de identidade nacional e de protección polo Estado, dirixíndoos contra chibos expiatorios.

 No pasado, o neoliberalismo asociouse con frecuencia á apertura, ao progreso, ás liberdades individuais, ao Estado de dereito. Actualmente, conxúgase co peche de fronteiras, a construción de muros, o culto á nación e a soberanía do Estado, a ofensiva declarada contra os dereitos humanos, acusados de poñer en perigo a seguridade. Como é posíbel esta metamorfose do neoliberalismo?

Trumpismo e fascismo

 Trump marca incontestabelmente un fito na historia do neoliberalismo mundial. Esta mutación non afecta unicamente a EUA, senón a todos os gobernos, cada vez máis numerosos, que manifestan tendencias nacionalistas, autoritarias e xenófobas até o punto de asumir a referencia ao fascismo, como no caso de Matteo Salvini, ou á ditadura militar no de Bolsonaro. O fundamental é comprender que estes gobernos non se opoñen para nada ao neoliberalismo como modo de poder. Ao contrario, reducen os impostos aos máis ricos, recortan as axudas sociais e aceleran as desregulacións, nomeadamente en materia financeira ou ecolóxica. Estes gobernos autoritarios, dos que forma parte cada vez máis a extrema dereita, asumen en realidade o carácter absolutista e hiperautoritario do neoliberalismo.

 Para comprender esta transformación, primeiro convén evitar dous erros. O máis antigo consiste en confundir o neoliberalismo co ultraliberalismo, o libertarismo, o retorno a Adam Smith ou a fin do Estado, etc. Como xa nos aprendeu hai moito tempo Michel Foucault, o neoliberalismo é un modo de goberno moi activo, que non ten moito que ver co Estado mínimo pasivo do liberalismo clásico. Desde este punto de vista, a novidade non consiste no grao de intervención do Estado nin no seu carácter coercitivo. O novo é que o antidemocratismo innato do neoliberalismo, manifesto nalgúns grandes teóricos, como Friedrich Hayek, se plasma hoxe nun cuestionamento político cada vez máis aberto e radical dos principios e as formas da democracia liberal.

 O segundo erro, máis recente, consiste en explicar que estamos ante un novo fascismo neoliberal, ou ben ante un momento neofascista do neoliberalismo(1). Que sexa polo menos azaroso, senón perigoso politicamente, falar con Chantal Mouffe dun momento populista para presentar mellor o populismo como un remedio ao neoliberalismo, isto está fóra de toda dúbida. Que faga falta desenmascarar a impostura dun Emmanuel Macron, quen se presenta como o único recurso contra a democracia iliberal de Viktor Orbán e consortes, isto tamén é certo. Pero, logo isto xustifica que se mesture nun mesmo fenómeno político o ascenso das extremas dereitas e a deriva autoritaria do neoliberalismo?

 A asimilación é de xeito evidente problemática: como identificar se non é mediante unha analoxía superficial o Estado total tan característico do fascismo e a difusión xeneralizada do modelo de mercado e da empresa no conxunto da sociedade? No fondo, se esta asimilación permite botar luz, centrándonos no fenómeno Trump, sobre certo número de trazos do novo neoliberalismo, ao mesmo tempo enmascara a súa individualidade histórica. A inflación semántica en torno ao fascismo ten sen dúbida efectos críticos, pero tende a afogar os fenómenos á vez complexos e singulares en xeneralizacións pouco pertinentes, que á súa vez non poden senón dar lugar a un desarmamento político.

 Para Henry Giroux(2), por exemplo, o fascismo neoliberal é unha “formación económico-política específica” que mestura ortodoxia económica, militarismo, desprezo polas institucións e as leis, supremacismo branco, machismo, odio aos intelectuais e amoralismo. Giroux toma prestada do historiador do fascismo Robert Paxton (2009) a idea de que o fascismo se apoiou en paixóns mobilizadoras que volvemos atopar no fascismo neoliberal: amor ao xefe, hipernacionalismo, pantasmas racistas, desprezo polo débil, o inferior, o estranxeiro, desdén polos dereitos e a dignidade das persoas, violencia cara aos adversarios, etc.

 Aínda que vemos todos estes ingredientes no trumpismo e máis aínda no bolsonarismo brasileiro, logo non se nos escapa a súa especificidade con respecto ao fascismo histórico? Paxton admite que “Trump retoma varios motivos tipicamente fascistas”, pero enxerga nel sobre todo os trazos máis comúns dunha “ditadura plutocrática”(3). Porque tamén existen grandes diferenzas co fascismo: non impón o partido único nin a prohibición de toda oposición e de toda disidencia, non mobiliza e encadra as masas en organizacións xerárquicas obrigatorias, non establece o corporativismo profesional, non practica liturxias dunha relixión laica, non pregoa o ideal do cidadán soldado totalmente consagrado ao Estado total, etc. (Gentile, 2004).

 A este respecto, todo paralelismo co final da década de 1930 en Estados Unidos é enganoso, por moito que Trump faga seu o lema de American First, o nome dado por Charles Lindbergh á organización fundada en outubro de 1940 para promover unha política illacionista fronte ao intervencionismo de Roosevelt. Trump non converte en realidade a ficción escrita por Philip Roth (2005), quen imaxinou que Lindbergh triunfaría sobre Roosevelt nas eleccións presidenciais de 1940. Ocorre que Trump non é a Clinton ou a Obama o que foi Lindbergh a Roosevelt e que neste sentido toda analoxía é débil. Se Trump vai cada vez máis na escalada antiestablishment para contentar a súa clientela electoral, non trata, porén, de promover revoltas antisemitas, contrariamente ao Lindbergh da novela, inspirada directamente no exemplo nazi.

 Pero, sobre todo, non estamos vivindo un momento polanyiano, como cre Robert Kuttner (2018), caracterizado pola recuperación do control dos mercados polos poderes fascistas ante os estragos causados polo non intervencionismo. En certo sentido ocorre todo o contrario, e o caso é bastante máis paradoxal. Trump pretende ser o campión da racionalidade empresarial, mesmo no seu xeito de levar a cabo a súa política tanto interior como exterior. Vivimos o momento en que o neoliberalismo segrega desde o interior unha forma política orixinal que combina autoritarismo antidemocrático, nacionalismo económico e racionalidade capitalista ampliada.

Unha crise profunda da democracia liberal

 Para comprender a mutación actual do neoliberalismo e evitar confundila coa súa fin é preciso ter unha concepción dinámica deste.Tres ou catro decenios de neoliberalización afectaron profundamente á propia sociedade, instalando en todos os aspectos das relacións sociais situacións de rivalidade, de precariedade, de incerteza, de empobrecimiento absoluto e relativo. A xeneralización da competencia nas economías, así como, indirectamente, no traballo asalariado, nas leis e nas institucións que enmarcan a actividade económica, tivo efectos destrutivos na condición das persoas asalariadas, que se sentiron abandonadas e traizoadas. As defensas colectivas da sociedade, á súa vez, debilitáronse. Os sindicatos, en particular, perderon forza e lexitimidade.

 Os colectivos de traballo descompuxéronse con frecuencia por efecto dunha xestión empresarial moi individualizadora. A participación política xa non ten sentido ante a ausencia de opcións alternativas moi diferentes. Por certo, a socialdemocracia, adherida á racionalidade dominante, está en vías de desaparición nun gran número de países. En suma, o neoliberalismo xerou o que Gramsci chamou monstros mediante un dobre proceso de desafiliación da comunidade política e de adhesión a principios etnoidentitarios e autoritarios, que poñen en cuestión o funcionamento normal das democracias liberais. O tráxico do neoliberalismo é que, en nome da razón suprema do capital, atacou os fundamentos mesmos da vida social, tal como se formularon e impuxeron na época moderna a través da crítica social e intelectual.

 Por dicilo de xeito un tanto esquemático, a posta en práctica dos principios máis elementais da democracia liberal comportou rapidamente bastantes máis concesións ás masas que o que podía aceptar o liberalismo clásico. Este é o sentido do que se chamou xustiza social ou tamén democracia social, ás que non cesou de vituperar precisamente a cohorte de teóricos neoliberais. Ao quereren converter a sociedade nunha orde da competencia que só coñecería homes económicos ou capitais humanos en loita uns contra outros, socavaron as bases mesmas da vida social e política nas sociedades modernas, especialmente debido á progresión do resentimento e da carraxe que semellante mutación non podía deixar de provocar.

 Como se estrañar entón ante a resposta da masa de perdedores ao establecemento desta orde competitiva? Ao veren degradarse as súas condicións e desaparecer os seus puntos de apoio e de referencia colectivos, refúxianse na abstención política ou no voto de protesta, que é ante todo un chamamento á protección contra as ameazas que pesan sobre a súa vida e o seu futuro. En poucas palabras, o neoliberalismo xerou unha crise profunda da democracia liberal-social, que ten a súa manifestación máis evidente no forte ascenso dos réximes autoritarios e dos partidos de extrema dereita, apoiados por unha banda ampla das clases populares nacionais. Deixamos atrás a época da posguerra fría, na que aínda se podía acreditar na extensión mundial do modelo de democracia de mercado.

 Asistimos agora, e de forma acelerada, a un proceso inverso de saída da democracia ou de desdemocratización, por retomar a xusta expresión de Wendy Brown. Aos xornalistas gústalles mesturar no vasto marasmo dun populismo antisistema a extrema dereita e a esquerda radical. Non ven que a canalización e a explotación desta carraxe e destes resentimentos pola extrema dereita dan a luz un novo neoliberalismo, aínda máis agresivo, aínda máis militarizado, aínda máis violento, do que Trump é tanto o estandarte como a caricatura.

O novo neoliberalismo

 O que aquí chamamos novo neoliberalismo é unha versión orixinal da racionalidade neoliberal na medida que adoptou abertamente o paradigma da guerra contra a poboación, apoiándose, para se lexitimar, na carraxe desa mesma poboación e invocando incluso unha soberanía popular dirixida contra as elites, contra a globalización ou contra a Unión Europea, segundo os casos. Noutras palabras, unha variante contemporánea do poder neoliberal fixo súa a retórica do soberanismo e adoptou un estilo populista para reforzar e radicalizar o dominio do capital sobre a sociedade. No fondo é coma se o neoliberalismo aproveitase a crise da democracia liberal-social que provocou e que non cesa de agravar para impoñer mellor a lóxica do capital sobre a sociedade.

 Esta recuperación da carraxe e dos resentimentos require sen dúbida, para se levar a cabo efectivamente, o carisma dun líder capaz de encarnar a síntese, outrora improbábel, dun nacionalismo económico, unha liberalización dos mecanismos económicos e financeiros e unha política sistematicamente proempresarial. Porén, actualmente todas as formas nacionais do neoliberalismo experimentan unha transformación de conxunto, da que o trumpismo nos ofrece a forma case pura. Esta transformación acentúa un dos aspectos xenéricos do neoliberalismo, o seu carácter intrínsecamente estratéxico. Porque non esquezamos que o neoliberalismo non é conservadorismo. É un paradigma gobernamental que ten como principio a guerra contra as estruturas arcaicas e as forzas retrógradas que se resisten á expansión da racionalidade capitalista e, máis amplamente, a loita por impoñer unha lóxica normativa a poboacións que non a queren.

 Para alcanzar os seus obxectivos, este poder emprega todos os medios que lle resultan necesarios, a propaganda dos medios, a lexitimación pola ciencia económica, a chantaxe e a mentira, o incumprimento das promesas, a corrupción sistémica das elites, etc. Pero unha das súas pancas preferidas é o recurso ás vías da legalidade, léase da Constitución, de maneira que cada vez máis resulte irreversíbel o marco no que deben moverse todos os actores. Unha legalidade que evidentemente é de xeometría variábel, sempre máis favorábel aos intereses das clases ricas que aos das demais. Non fai falta recorrer, ao estilo antigo, aos golpes de Estado militares para poñer en práctica os preceptos da escola de Chicago se se pode poñer un ferrollo ao sistema político, como en Brasil, mediante un golpe parlamentario e xudicial: este último permitiu, por exemplo, ao presidente Temer conxelar durante 20 anos os gastos sociais (sobre todo a custa da sanidade pública e da universidade). En realidade, o brasileiro non é un caso illado, por moito que os resortes da manobra sexan alí máis visíbeis que noutras partes, sobre todo despois da vitoria de Bolsonaro como punto de chegada do proceso. O fenómeno, máis aló das súas variantes nacionais, é xeral: é no interior do marco formal do sistema político representativo onde se establecen dispositivos antidemocráticos dunha temíbel eficacia corrosiva.

Un goberno de guerra civil

 A lóxica neoliberal contén de seu unha declaración de guerra a todas as forzas de resistencia ás reformas en todos os estratos da sociedade. A linguaxe vixente entre os gobernantes de todos os niveis non engana: a poboación enteira debe sentirse mobilizada pola guerra económica, e as reformas do dereito laboral e da protección social lévanse a cabo precisamente para favorecer o enrolamento universal nesa guerra. Tanto no plano simbólico como no institucional se produce un cambio desde o momento en que o principio de competitividade adquire un carácter case constitucional. Posto que estamos en guerra, os principios da división de poderes, dos dereitos humanos e da soberanía do pobo xa só teñen un valor relativo. Noutras palabras, a democracia liberal-social tende progresivamente a baleirarse para pasar a non ser máis que a envoltura xurídico-política dun goberno de guerra. Os que se opoñen á neoliberalización sitúanse fóra do espazo público lexítimo, son malos patriotas, cando non traidores.

 Esta matriz estratéxica das transformacións económicas e sociais, moi próxima a un modelo naturalizado de guerra civil, axúntase con outra tradición, esta máis xenuinamente militar e policial, que declara a seguridade nacional a prioridade de todos os obxectivos gobernamentais. O neoliberalismo e o securitarismo de Estado entendéronse ben desde moi cedo. O debilitamento das liberdades públicas do Estado de dereito e a extensión concomitante dos poderes policiais acentuáronse coa guerra contra a delincuencia e a guerra contra a droga da década de 1970. Pero foi sobre todo despois de que se declarase a guerra mundial contra o terrorismo, inmediatamente despois do 11 de setembro de 2001, cando se produciu o despregamento dun conxunto de medidas e dispositivos que violan abertamente as regras de protección das liberdades na democracia liberal, chegando mesmo a incorporar na lei a vixilancia masiva da poboación, a legalización do encarceramento sen xuízo ou o uso sistemático da tortura.

 Para Bernard E. Harcourt (2018), este modelo de goberno, que consiste en “facer a guerra a toda a cidadanía”, procede en liña directa das estratexias militares contrainsurxentes postas a punto polo exército francés en Indochina e en Alxeria, transmitidas aos especialistas estadounidenses da loita anticomunista e practicadas polos seus aliados, especialmente en América Latina ou no sueste asiático. Hoxe, a “contrarrevolución sen revolución”, como a denomina Harcourt, busca reducir por todos os medios a un inimigo interior e exterior omnipresente, que ten máis ben cara de yihadista, pero que pode adoptar moitas outras caras

(estudantes, ecoloxistas, campesiños, novos negros en EUA ou mozos dos suburbios en Francia, e, mesmo, sobre todo nestes momentos, migrantes ilegais, preferentemente musulmáns). E para levar a bo termo esta guerra contra o inimigo, cómpre que o poder, por unha banda, militarice a policía e, por outro, acumule unha masa de informacións sobre toda a poboación co fin de conxurar toda rebelión posíbel. En suma, o terrorismo de Estado está outra volta en plena progresión, mesmo cando a ameaza comunista que lle serviu de xustificación durante a Guerra Fría, desapareceu.

 A imbricación destas dúas dimensións, a radicalización da estratexia neoliberal e o paradigma militar da guerra contrainsurxente, a partir da mesma matriz de guerra civil, constitúe actualmente o principal acelerador da saída da democracia. Esta ligazón só é posíbel mercé á habilidade con que certo número de responsábeis políticos da dereita, aínda que tamén da esquerda, se dedican a canalizar mediante un estilo populista os resentimentos e o odio cara aos inimigos electivos, prometendo ás masas orde e protección a cambio da súa adhesión á política neoliberal autoritaria.

O neoliberalismo de Macron

 Porén, non é esaxerado meter todas as formas de neoliberalismo no mesmo saco dun novo neoliberalismo? Existen tensións moi fortes a escala mundial ou europea entre o que hai que cualificar tipos nacionais diferentes de neoliberalismo. Sen dúbida non asimilariamos a Trudeau, Merkel ou Macron con Trump, Erdogan, Orbán, Salvini ou Bolsonaro. Uns aínda permanecen fieis a unha forma de competencia comercial supostamente leal, cando Trump decidiu cambiar as regras da competencia, transformando esta última en guerra comercial ao servizo da grandeza de EUA (“America is Great Again”); uns invocan aínda, de palabra, os dereitos humanos, a división de poderes, a tolerancia e a igualdade de dereitos das persoas, cando aos outros todo isto tanto lles ten; uns pretenden mostrar unha actitude humana ante os migrantes (algúns moi hipocritamente), cando os outros non teñen escrúpulos á hora de rexeitalos e repatrialos. Xa que logo, convén diferenciar o modelo neoliberal.

 O macronismo non é trumpismo, aínda que só fose polas historias e as estruturas políticas nacionais nas que se inscriben. Macron presentouse como o baluarte fronte ao populismo de extrema dereita de Marine Le Pen, como a súa aparente antítese. Aparente, porque Macron e Le Pen, se non son persoas idénticas, en realidade son perfectamente complementarias. Un fai de baluarte cando a outra acepta poñer os hábitos do espantallo, o que permite ao primeiro presentarse como garante das liberdades e dos valores humanos. Se é preciso, como ocorre hoxe nos preparativos para as eleccións europeas, Macron dedícase a ampliar artificialmente a suposta diferenza entre partidarios da democracia liberal e a democracia iliberal do estilo de Orbán, para que a xente crea máis doadamente que a Unión Europea se sitúa como tal no lado da democracia liberal.

 Así e todo, se cadra aínda non se percibiu suficientemente o estilo populista de Macron, quen puido parecer unha simple mascarada por parte dun produto da elite política e financeira francesa. A denuncia do vello mundo dos partidos, o rexeitamento do sistema, a evocación ritual do pobo de Francia, todo isto era quizais suficientemente superficial, ou mesmo grotesco, pero non por iso deixou de facer gala do emprego dun método característico, precisamente, do novo neoliberalismo, o da recuperación da carraxe contra o sistema neoliberal. No entanto, o macronismo non tiña o espazo político para tocar esta música durante moito tempo. Axiña se revelou como o que era e o que facía.

 En liña cos gobernos franceses precedentes, pero de xeito máis declarado ou menos vergoñento, Macron asocia ao nome de Europa a violencia económica máis crúa e máis cínica contra a xente asalariada, pensionista, funcionaria e a asistida, así como a violencia policial máis sistemática contra as manifestacións de opoñeentes, como se viu, en particular, en Notre-Dáme-des-Landes e contra as persoas migrantes.

 Todas as manifestacións sindicais ou estudantís, incluso as máis pacíficas, son reprimidas sistematicamente por unha policía armada até os dentes, cuxas novas manobras e técnicas de forza están pensadas para meter medo a quen se manifesta e intimidar o resto da poboación.

 O caso de Macron está entre os máis interesantes para completar o retrato do novo neoliberalismo. Levando máis lonxe aínda a identificación do Estado coa empresa privada, até o punto de pretender facer de Francia una start-up nation, non cesa de centralizar o poder nas súas mans e chega mesmo a promover un cambio constitucional que validará o debilitamento do Parlamento en nome da eficacia. A diferenza con Sarkozy neste punto salta á vista: mentres que este último facía declaracións provocadoras, á vez que afectaba un estilo relaxado no exercicio da súa función, Macron pretende devolver todo o seu lustre e toda a súa solemnidade á función presidencial. Deste xeito conxuga un despotismo de empresa coa subxugación das institucións da democracia representativa en beneficio do poder executivo. Falouse con razón de bonapartismo para caracterizalo, non só polo xeito en como tomou o poder acabando cos vellos partidos gobernamentais, senón tamén por mor do seu desprezo manifesto por todos os contrapoderes. A novidade que introduciu nesta antiga tradición bonapartista é xustamente unha verdadeira gobernanza de empresa. O macronismo é un bonapartismo empresarial.

 O aspecto autoritario e vertical do seu modo de goberno encaixa perfectamente no marco dun novo neoliberalismo máis violento e agresivo, a imaxe e semellanza da guerra librada contra os inimigos da seguridade nacional. E logo unha das medidas máis emblemáticas de Macron non foi a inclusión na lei ordinaria, en outubro de 2017, de disposicións excepcionais do estado de urxencia declarado tras os atentados de novembro de 2015?

A aplicación da lei en contra da democracia

 Non hai que desbotar que se produza en Occidente un momento polanyiano, é dicir, unha solución verdadeiramente fascista, tanto no centro como na periferia, sobre todo se se produce unha nova crise da amplitude da de 2008. O acceso ao poder da extrema dereita en Italia é un toque de advertencia suplementario. Entrementres, neste momento que prevalece até nova orde, estamos asistindo a unha exacerbación do neoliberalismo, que conxuga a maior liberdade do capital con ataques cada vez máis fondos contra a democracia liberal-social, tanto no ámbito económico e social como no terreo xudicial e policial. Hai que se contentar con retomar o tópico crítico de que o estado de excepción se converteu en regra?

 Ao argumento de orixe schmittiano do estado de excepción permanente, retomado por Giorgio Agamben, que supón unha suspensión pura e simple do Estado de dereito, debemos opoñer os feitos observábeis: o novo goberno neoliberal implántase e cristaliza coa promulgación de medidas de guerra económica e policial. Dado que as crises sociais, económicas e políticas son permanentes, corresponde á lexislación establecer as regras válidas de forma permanente que permitan aos gobernos responder a elas en todo momento e mesmo previlas. Deste xeito, as crises e urxencias permitiron o nacemento do que Harcourt denomina un “novo estado de legalidade”, que legaliza o que até o de agora non eran máis que medidas de urxencia ou respostas conxunturais de política económica ou social. Máis que cun estado de excepción que opón regras e excepcións, temos que enfrontar unha transformación progresiva e ben sutil do Estado de dereito, que incorporou á súa lexislación a situación de dobre guerra económica e policial á que nos conduciron os gobernos.

 En verdade, os gobernantes non están totalmente desprovistos para lexitimar intelectualmente tamaña transformación. A doutrina neoliberal xa elaborara o principio desta concepción do Estado de dereito. Así, Hayek subordinaba explicitamente o Estado de dereito á lei: segundo el, a lei non designa calquera norma, senón exclusivamente o tipo de regras de conduta que son aplicábeis a todas as persoas por igual, incluídos os personaxes públicos. O que caracteriza propiamente a lei é, xa que logo, a universalidade formal, que exclúe toda forma de excepción. Por conseguinte, o verdadeiro Estado de dereito é o Estado de dereito material (materieller Rechtsstaat), que require da acción do Estado a submisión a unha norma aplicábel a todas as persoas en virtude do seu carácter formal. Non abonda con que unha acción do Estado estea autorizada pola legalidade vigente, á marxe da clase de normas das que se deriva. Noutras palabras, trátase de crear non un sistema de excepción, senón máis ben un sistema de normas que prohiba a excepción. E dado que a guerra económica e policial non ten fin e reclama cada vez máis medidas de coerción, o sistema de leis que legalizan as medidas de guerra económica e policial debe estenderse por forza máis aló de toda limitación.

 Por dicilo doutro xeito, xa non hai freo ao exercicio do poder neoliberal por medio da lei, na mesma medida en que a lei se converteu no instrumento privilexiado da loita do neoliberalismo contra a democracia. O Estado de dereito non está sendo abolido desde fóra, senón destruído desde dentro para facer del unha arma de guerra contra a poboación e ao servizo dos dominantes. O proxecto de lei de Macron sobre a reforma das pensións é, a este respecto, exemplar: de conformidade coa esixencia de universalidade formal, o seu principio é que un euro cotizado outorga exactamente o mesmo dereito a todos, sexa cal for a súa condición social. En virtude deste principio está prohibido, xa que logo, ter en conta a penosidade das condicións de traballo no cálculo da contía da pensión. Tamén nesta cuestión salta á vista a diferenza entre Sarkozy e Macron: mentres que o primeiro fixo aprobar unha lei tras outra sen que seguisen a estas os diferentes decretos de aplicación, o segundo preocúpase moito da aplicación das leis.

 Aí se sitúa a diferenza entre reformar e transformar, tan cara a Macron: a transformación neoliberal da sociedade require a continuidade da aplicación no tempo e non se pode contentar cos efectos do anuncio sen máis. Ademais, este modo de proceder comporta unha vantaxe inapreciábel: unha vez aprobada unha lei, os gobernos poden esquivar a súa parte de responsabilidade so pretexto de que se limitan a aplicar a lei. No fondo, o novo neoliberalismo é a continuación do antigo en clave peor. O marco normativo global que insere a individuos e institucións dentro dunha lóxica de guerra implacábel refórzase cada vez máis e acaba progresivamente coa capacidade de resistencia, desactivando o colectivo. Esta natureza antidemocrática do sistema neoliberal explica en gran parte a espiral sen fin da crise e a aceleración ante os nosos ollos do proceso de desdemocratización, polo cal a democracia se baleira da súa substancia sen que se suprima formalmente.

____________________________________________________________________________

Notas:

(1) Éric Fassin, “Le moment néofasciste du néolibéralisme”, Mediapart, 29 de xuño de 2018, https://blogs.mediapart.fr/eric-fassin/blog/290618/le-moment-neofasciste-du-neoliberalisme.

(2) Henry Giroux, Neoliberal Fascism and the Echoes of History, https://www. truthdig.com/articles/neoliberal-fascismand-the-echoes-of-history/, 08/09/2018.

(3) Robert O. Paxton, “Le régime de Trump est une ploutocratie”, Le Monde, 6 de marzo de 2017.

_____________________________________________________________________________

Referencias:

Gentile, Emilio (2004) Fascismo: historia e interpretación. Madrid: Alianza.

Harcourt, Bernard E. (2018) The Counterrevolution, How Our Government Went to War against its Own Citizens. Nova York: Basic Books.

Kuttner, Robert (2018) Can democracy survive Global Capitalism? Nova York/Londres: WW. Norton & Company.

Paxton, Robert O. (2009) Anatomía del fascismo. Madrid: Capitán Swing.

Roth, Philip (2005) La conjura contra América. Barcelona: Mondadori.

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo do sitio web Viento Sur, núm. 164, de xuño de 2019]

 

Volver