Ante a pasividade da Xunta, o comité de Ferroatlántica iniciará un calendario de mobilizacións

Convoca asembleas de traballadores/as para este mércores nas fábricas de Cee e Dumbría

Cee -

O comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas vén de anunciar que iniciará mobilizacións a partir do vindeiro luns, 9 de setembro, en resposta ao mutismo e ao deixamento da Xunta de Galiza á hora de esixirlle á empresa un plan de viabilidade. O comité lembra que este plan de viabilidade non é só de obrigada elaboración, senón que mesmo o presidente do Goberno galego asegurou en comparecencia parlamentaria que lle reclamaría este proxecto a Ferroatlántica, procedera ou non á venda do complexo industrial e enerxético.

A representación social proporá este novo calendario de protestas nas asembleas de traballadores e traballadoras convocadas para o mércores 4 de setembro nas fábricas de Cee e Dumbría.

Malia o compromiso de compartir información e actuar conxuntamente, o comité lembra que a día de hoxe a Consellaría de Industria segue sen trasladar os documentos presentados pola empresa, sen informar das reunións que mantivo coas compañías compradora e vendedora, e sen promover reunións a catro bandas (Administración galega, Ferroatlántica, TPG-Ithaka e comité).

A Xunta ten plenas competencias

Neste sentido, consideran que "non deixa de chamar a atención que o presidente Feijoo mova a súa axenda para 'reunirse o antes posíbel' cos compañeiros/as de Alcoa San Cibrao cando as competencias da Xunta nesta materia son limitadas e, pola contra, ignore as nosas peticións cando o Goberno galego si ten plenas capacidades para evitar a operación que pretende levar adiante Ferroatlántica".

A representación social apela novamente á responsabilidade da Xunta, como titular das concesións públicas que explota Ferroatlántica, para que se reúna co comité, faga valer as claúsulas concesionais e obrigue a empresa a cumprir coa legalidade. A este respecto, non cómpre esquecer que, hai dous anos, o Goberno galego outorgoulle a concesión de tres novas centrais que Ferroatlántica explota sen crear nin un só posto de traballo e que explota a mina de cuarzo de Serrabal, coa que abastece fábricas de fóra do noso país. A maiores, a compañía goza da concesión dun porto de titularidade autonómica en Brens, ligada á actividade nas fábricas de ferroaliaxes.

"Estas concesións, aseveran, están destinadas a facer viábeis as fábricas de Cee e Dumbría e a garantir os postos de traballo; condicións que a operación de compra-venda non garante".

Volver