Ante o inmobilismo de Concentrix, o persoal dá unha mostra de solidariedade e opta por unha indemnización que favorece ás persoas máis precarizadas
O ERE afectará finalmente a 75 persoas traballadoras e a empresa xa formulou un novo despedimento colectivo no centro da Coruña
O ERE de Concentrix afectará finalmente a 75 persoas traballadoras da campaña de Microsoft CTS na Coruña. O período de consultas do expediente de regulación rematou con acordo da maioría da parte social e o persoal, en asemblea, decidiu priorizar unha saída solidaria que protexa as persoas con menor antigüidade, fronte ao inmobilismo da empresa e as ameazas persistentes á continuidade dos empregos.
Ao longo do período de consultas o persoal mobilizouse en varias ocasións para esixir a retirada do ERE, a recolocación das persoas afectadas e un compromiso real coa continuidade da actividade na Coruña. O pasado luns, 13 de xullo, realizouse unha numerosa concentración diante do centro de traballo e o 15 de xullo, o 70% do persoal secundou unha xornada de folga.
A representación da CIG salienta que nas mobilizacións participaron tanto as persoas directamente afectadas polo ERE como compañeiros e compañeiras doutras campañas e departamentos, “demostrando que o ataque contra unha parte do cadro de pesoal é un ataque contra o conxunto do centro de traballo”.
Mostra de solidariedade
Neste senso, cómpre destacar a enorme demostración de solidariedade feita polo conxunto do persoal que optou por unha fórmula de indemnización que protexera especialmente as persoas con menor antigüidade. Por aclamación, os traballadores e traballadoras solicitáronlle aos sindicatos que o acordo final do ERE recollese unha proposta económica que contempla un chan compensatorio mínimo de 3.000 euros e 31 días de salario por ano traballado, aínda que o importe total que a empresa tería que pagar aplicando os 33 días por ano sería superior.
“As persoas afectadas estiveron dispostas a renunciar colectivamente a unha parte das indemnizacións para que quen leva menos tempo na empresa non quedase completamente desprotexido. Un exemplo de compañeirismo e dignidade que deixa en evidencia a actitude mantida por Concentrix durante todo o período de consultas”, subliña o secretario comarcal da CIG-Banca da Coruña, Sergio Toucedo.
Engade que nun último esforzo negociador, a CIG reclamou que o chan indemnizatorio se elevase até os 4.000 euros. Esta petición estaba plenamente xustificada xa que o custe total con esta modificación seguiría a ser inferior ao que tería que abonar Concentrix a 33 días por ano traballado.
A CIG buscaba un compromiso da empresa co persoal máis desfavorecido, pois entre as persoas despedidas hai traballadores e traballadoras que non contan co período mínimo de cotización necesario para acceder á prestación por desemprego e tamén hai persoas que chegaron recentemente ao país e que non dispoñen dunha rede familiar, social ou de amizades que lles permita afrontar con garantías a perda do seu posto de traballo a partir do 31 de xullo.
A pesar desta realidade, Concentrix mantivo novamente o seu talante inmobilista “e foi incapaz de aceptar unha proposta social razoábel, proporcionada e economicamente asumíbel”.
Novo expediente de extinción
Durante a negociación do actual expediente, Microsoft comunicou o peche doutra das súas liñas de negocio na Coruña, polo que un novo grupo de traballadores e traballadoras quedará ameazado de despedimento.
Para a CIG, esta sucesión de expedientes evidencia a extrema fraxilidade dun centro de traballo que depende dun único cliente. “Microsoft está executando despedimentos e reducións de actividade a nivel global, mentres Concentrix, que é a empresa responsábel das condicións laborais e do futuro do seu cadro de persoal, non está demostrando ningún interese real por traer novas campañas ou redistribuír carga de traballo cara á Coruña”, denuncia Toucedo.
Ao longo do período de consultas, a CIG reclamou tamén recolocacións, a utilización do teletraballo para prestar servizos doutras plataformas, a redistribución da actividade entre os centros do grupo e un plan de viabilidade que garantise a continuidade do emprego. A empresa, pola contra, centrou a negociación nas condicións dos despedimentos e non presentou alternativas suficientes para reducir o número de extincións.
Por iso, o responsábel sindical reitera que a mellora acadada “non é unha concesión de Concentrix. É o resultado directo da organización, a loita e unha xornada de folga e, sobre todo, a solidariedade do persoal. Desde a CIG seguiremos na loita para defender os postos de traballo, esixir carga de actividade e impedir o progresivo desmantelamento do centro de Concentrix na Coruña”.