Anulan sanción a delegada da CIG represaliada por reclamar dereitos laborais e multan empresa responsábel

Unha sentenza do Xulgado do Social de Ourense condena a Don Franque por vulneración da liberdade sindical
Ourense - 30 Mai 2019

O Xulgado do Social número 1 de Ourense vén de anular a sanción imposta pola empresa Don Franque, que xestiona o restaurante, a cafetería e a estación de servizo do polígono industrial de Pereiro de Aguiar, á delegada de persoal, da CIG. A sentenza fixa ademais unha multa económica por vulneración do dereito de liberdade sindical e de garantía de indemnidade, xa que as represalias contra a traballadora chegaron despois de que reclamase os seus dereitos laborais e os dos seus compañeiros/as.

A decisión xudicial foi presentada hoxe en rolda de prensa polo secretario comarcal da CIG de Ourense, Anxo Pérez Carballo, que estivo acompañado pola afectada. O responsábel sindical asegurou que sentenzas deste tipo non son un caso illado, “pero neste caso ten un significado especial, sobre todo nunha provincia como a de Ourense, xa que ademais de anular a sanción á traballadora imponlle unha multa á empresa”. 

A sentenza ten un significado especial porque ademais de anular a sanción á traballadora imponlle unha multa económica á empresa responsábel

Pérez Carballo explicou que todo comezou cando os traballadores/as decidiron escoller a súa representación sindical, e optaron por elixir a candidata da CIG como delegada de persoal. Dende ese momento iniciou negociacións coa dirección para lograr melloras laborais como a racionalización da xornada (chegaban a facer 63 horas semanais: xornadas de 10 horas e media seis días á semana) ou que houbese os descansos legalmente establecidos por convenio e pola lexislación (só descansaban un día á semana “se cadraba ben”, senón cada 18 días descansaban dous días seguidos).

Tampouco lles pagaban o salario base que establece a lei, nin as horas extraordinarias, ademais de ingresarlles a nómina a mediados de mes “porque él paga cuando le da la gana”.

Pero a empresa fixo caso omiso, polo que a delegada tivo que recorrer á Inspección de Traballo, que levantou dúas actas de infraccións graves en materia de condicións de traballo que levan aparelladas sancións económicas de entre 3126 e 6000 euros. En caso de que non se atendesen os requirimentos, as infraccións pasarían a ser moi graves, cunha sanción moito maior, mais a compañía decidiu ignoralos “e mesmo chegaron a dicir que xa levantarían a sanción grazas á súa influencia”.

Entón a Inspección volve actuar por outro motivo e faille un novo requirimento á empresa para que mellore unha serie de cuestións, ao tempo que a delegada lle reclama unhas cantidades que lle adebedan. “A resposta da dirección, en lugar de dialogar, foi actuar á brava, utilizando unha parte do persoal contratado recentemente para acurralar a traballadora, collela nalgún renuncio e sancionala”.

Vulneración do dereito de liberdade sindical

Finalmente imponlle unha sanción por falta moi grave que consistiu nun mes suspendida de emprego e soldo, baixo a acusación de “faltas de respecto a compañeiros/as contratados/as”. A CIG recorre a sanción, que foi anulada mediante esta sentenza, na que ademais se desmontan un por un os testemuños das persoas que foron a declarar en contra da traballadora, explicando por que non son de fiar. De feito, un dos días nos que se lle acusa de ter faltado ao respecto a un compañeiro a afectada nin sequera fora a traballar.

Como consecuencia, a empresa ten que pagarlle o salario correspondente ao mes que non foi a traballar, pero ademais o xuíz considera probado que existiu unha vulneración da garantía de indemnidade e do dereito á liberdade sindical. A garantía de indemnidade significa que un traballador/a non debe temer represalias polo feito de facer unha reclamación, e neste caso a resposta á súa reclamación foi unha sanción. E a vulneración da liberdade sindical ten que ver con que a afectada non actúa en nome propio, senón como representante legal dos traballadores/as. 

A afectada denuncia que o empresario segue a facer "o que quere" e insta a Inspección de Traballo a actuar con contundencia

Atendendo a esta dobre vulneración, o xuíz non só anula a sanción senón que tamén lle impón ao empresario unha multa económica de 3126 euros, que é a sanción mínima por unha falta grave. “Consideramos que se trata dun correctivo moi importante que hai que facer público, sobre todo porque nos atopamos nunha provincia na que a primeira tentación que teñen os empresarios/as, sobre todo nas compañías máis pequenas, é ir a polo delegado/a para intentar escarmentalo, sancionalo e desfacerse del/a despedíndoo/a para que o resto do persoal quede amansado para o resto da súa relación laboral”.

Pérez Carballo incidiu en que o sucedido non é para nada un caso illado, “polo que queremos facer un chamamento á Confederación de Empresarios/as, agora que se atopa en período electoral, para que os candidatos/as que se presentan se preocupen por educar na democracia, na liberdade e no respecto á liberdade sindical aos seus asociados/as; non pode haber unha Confederación de Empresarios/as que mire cara a outro lado ante situacións tan anacrónicas e anti democráticas como a que se produciu nesta empresa”.

Ao mesmo tempo, fixo unha advertencia no sentido de que en todos os casos nos que detecten a existencia de represión sindical a CIG vai actuar como nesta ocasión: esixirá a anulación das sancións, das represalias ou dos despidos, pero tamén reclamará unha multa, “porque até o de agora as sentenzas como esta saíanlle gratis ao empresario/a, xa que non se lles impoñía unha sanción económica”.

A propia afectada, que interveu co remate da comparecencia diante dos medios, explicou que cando se iniciou o proceso de eleccións sindicais “comezou a persecución e o acoso diario, pero creo que é fundamental loitar polos nosos dereitos”. Con todo, lamenta que até o de agora non se lograsen máis melloras laborais na empresa, “porque non nos fan caso nin a pesar das resolucións da Inspección de Traballo”. Denunciou que o empresario “continúa a facer o que quere, e nalgúns casos non respecta nin a lei”, polo que agarda que a partir de agora a autoridade laboral actúe con contundencia para rematar con esta situación.