Anulan o orzamento do Consorcio de Bombeiros/as ourensán por falta de negociación colectiva

O Xulgado vén de darlle a razón á CIG, que denunciara por vulneración do dereito de liberdade sindical
Ourense - 05 Mar 2018

O Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Ourense fixo pública a finais de febreiro unha sentenza na que lle dá a razón á CIG na súa denuncia de vulneración do dereito á liberdade sindical, referida á negociación colectiva, por parte da Deputación Provincial, ao non ter convocado as centrais sindicais para negociar as cuestións relativas ao persoal do Consorcio de Bombeiros/as no exercicio orzamentario de 2017, que vén de ser anulado mediante a resolución xudicial.

O plenario da institución provincial acordara o ano pasado desestimar a reclamación interposta pola CIG, por falta de negociación colectiva, contra a aprobación inicial do orzamento 2017 do Consorcio Provincial de Ourense para o Servizo contra Incendios e de Salvamento. 

O plenario da Deputación desestimara  a reclamación feita pola CIG

A alegación da Administración baseouse en que non sería preciso convocar a mesa xeral de negociación por estar conformado o Consorcio exclusivamente por persoal laboral e, polo tanto, non ser de aplicación o establecido no artigo 36.3 do EBEP, que, segundo a Deputación, só obrigaba a negociar as cuestión de persoal relativas ao persoal funcionario.

Mesa xeral de negociación

O xuíz, porén, estimando a demanda da CIG, entendeu que o artigo 37 do EBEP establece unha serie de materias comúns a todos os empregados/as públicos/as sen excepción (laborais, funcionarios/as e estatutarios/as) e que tal ámbito funcional obriga a negociación con independencia do colectivo de traballadores/as a que se refiran.

En conclusión, mais una vez, un Xulgado estima un recurso contencioso administrativo da CIG contra actuacións da Deputación Provincial relativas ao Consorcio de Bombeiros/as e, neste caso, condena o Consorcio a convocar a mesa xeral de negociación a fin de iniciar un proceso negociador coas centrais sindicais relativo ás cuestións de persoal do exercicio 2017.