Anúlase un contrato temporal do Concello de Vedra por incumprir requisitos legais

A CIG impugnará a privatización do servizo de axuda a domicilio por fundamentarse en informes falsos
Compostela - 17 Mar 2017

O Xulgado contencioso administrativo de Santiago vén de emitir sentenza contra a resolución do alcalde do Concello de Vedra, que aprobou as bases reitoras para a cobertura dunha praza de técnico-axente laboral temporal, declarando a súa “ineficacia”, por non terse publicado debidamente. Paulo Rubido, secretario nacional da CIG-Servizos, anunciou que solicitará a execución da sentenza, a repetición da convocatoria e que a Deputación requira ao concello a devolución da subvención. Xunto a isto adiantou a decisión da CIG de impugnar o acordo do pleno do concello de privatizar o servizo de axuda a domicilio.

Segundo explicou o secretario nacional da CIG-Servizos, en rolda de prensa, a CIG tivo coñecemento das irregularidades que rodeaban a convocatoria desta praza de carácter temporal a raíz das protestas de persoas que concorreron á mesma e que denunciaban falta de recoñecemento de méritos que aportaban, probas de carácter dubidoso, falta de publicidade e que mesmo chegaron a asegurar que xa se sabía cal ía ser a persoa que cubriría a praza.

Comprobamos as bases da convocatoria e que carecía dos requisitos mínimos de publicidade

 “Unha vez recibida esa información comprobamos as bases da convocatoria e que carecía dos requisitos mínimos de publicidade e, polo tanto, de igualdade e que incumpría o establecido legalmente mesmo para as prazas de carácter temporal”, indicou Rubido quen considerou que por parte dos concellos, moitas veces dá a impresión de que se considera que as prazas temporais non teñen que ter requisito algún, “algo absolutamente falso xa que toda praza que se convoca desde a administración pública ten que seguir uns mínimos criterios”.

De feito lembrou que durante o xuízo o concello baseou a súa defensa en que a praza xa rematar e que non tiña sentido seguir coa súa impugnación. “O xulgado non estimou ese requirimento porque con independencia de que a praza remate ou non ten que seguir uns mínimos criterios e fallou a ineficacia da convocatoria na medida en que faltaba os principios básicos de publicidade e de igualdade”.

A CIG solicitará que se repita a convocatoria, conte o concello de Vedra con subvencións ou non

 A sentenza aínda non é firme, pero Rubido xa anunciou que a CIG, en canto se ratifique, solicitará a súa execución coa intención de que se repita a convocatoria e se volva contratar un/ha axente técnico de turismo por catro meses, conte o concello de Vedra con subvención ou non. Ademais entende que a deputación debe requirir do concello que devolva os cartos por unha execución irregular ao ser anulada a convocatoria realizada”. Rubido entende que “non pode quedar nunha reprimenda ao alcalde sen máis consecuencias. Ten que ter un custo para a administración para que os veciños e veciñas de Vedra saiban que isto débese a unha mala xestión do alcalde, que se dedica a dar convocatorias de carácter temporal en condicións dubidosas”.

Privatización do servizo de axuda a domicilio

Rubido tamén denunciou que, no pleno do 30 de xaneiro, o concello de Vedra decidiu privatizar o servizo de axuda a domicilio, conformado por cinco traballadoras municipais a tempo completo e coa prestación do resto de horas de servizo a través dunha empresa privada. 

Cando unha decisión plenaria se fundamenta en informes falsos ou que inducen ao engano, o acordo plenario é considerado nulo

 Alén de cuestionar a súa privatización por considerar que suporía un deterioro da calidade asistencial e de que ten que ser público, porque vai dirixido precisamente aos colectivos máis desprotexidos, que son os menores e os maiores, Rubido asegurou que a decisión adoptada polo PP de Vedra, que goberna con maioría absoluta, baseouse en “informes totalmente adulterados” e sinalou que “cando unha decisión plenaria se fundamenta en informes falsos, erróneos ou que inducen ao engano, o acordo plenario é considerado nulo”.

O secretario nacional de CIG-Servizos lembrou que, no decurso dese pleno, o alcalde vendeu esa privatización como un aforro de preto de 60.000 euros, ao prescindir das traballadoras propias e trasladalas a unha empresa privada. Porén a CIG fixo o seu propio informe no que “dun simple cálculo tiramos que, ou ben as traballadoras do servizo de atención a domicilio de Vedra gozan de salarios de alto cargo ou senón as contas non dan”.

De feito, as sumas totais do salario destas traballadoras, segundo o informe da CIG, son 70.000 euros por máis de 6.000 horas ao ano e o contrato que saca o concello ascende a nin máis nin menos que 1.800.000€ en catro anos, máis IVE, unha cuarta parte do orzamento municipal do concello de Vedra.

Xunto a isto, Rubido lembrou que nese pleno, o representante do BNG asembleas abertas manifestou que descoñecían a proposta concreta de pregos que se ían tratar nese mesmo pleno e que o propio alcalde recoñeceu que non tiña un coñecemento preciso da proposta final, o cal “tamén sería causa de impugnación a maiores. O que temos claro é que coa fundamentación económica empregada para xustificar a privatización é motivo máis que suficiente para solicitar a nulidade do acordo plenario”.

Advertencia ás empresas que concorran

Caso de saír adiante a impugnación, esta sería posterior á adxudicación do servizo -porque xa está publicado o concurso no BOP e pendente de resolver na mesa de contratación a  finais de abril- e obrigaría ao concello de Vedra a anular ese contrato , exporse a unha posíbel reclamación por danos e prexuízos da empresa adxudicataria do servizo, que ten que depositar un aval, facerse cargo de todas as traballadoras e subrogalas, ademais de facer un investimento cunha perspectiva a catro anos. “Se este acordo plenario se bota para atrás habería que volver todo para atrás provocando un baleiro legal de consecuencias dificilmente predicibles, un auténtico caos no servizo”.

Ante esta posibilidade, no propio pleno, tanto o PSOE como o BNG consideraron que o máis sensato sería contrastar os informes e revisar as contas. Porén desbotouse esa posibilidade e agora “cada quen terá que asumir as consecuencias das decisións que toma porque é un tema dunha gravidade extraordinaria”.

Por iso Rubido adiantou que a CIG acudirá á mesa de contratación coa copia da impugnación para que as empresas que concorran teñan coñecemento da oferta que está sobre a mesa.