• Nova

Anuncian novas protestas no sector das conservas se a patronal non atende as reivindicacións do persoal

As centrais sindicais maioritarias volverían convocar folga e mobilizacións por un convenio digno
Nacional - 08 Feb 2022

Os sindicatos maioritarios no sector das conservas de peixe veñen de anunciar que levarán a cabo novas medidas de presión no caso de que a patronal non atenda as súas reivindicacións de cara a lograr un convenio colectivo digno. Deste xeito, optarían por convocar máis días de folga e de mobilizacións para reclamar unha suba de soldos que compense a perda de poder adquisitivo e que remate coa fenda salarial entre mulleres e homes.

Representantes das tres centrais reuníronse onte para avaliar o acontecido nas tres xornadas de folga celebradas os pasados días 21 de xaneiro e 3 e 4 de febreiro. “Sen lugar a dubidas, e en contra do que afirma a representación empresarial, as mobilizacións foron un éxito total, tendo un seguimento masivo por parte das persoas traballadoras, cousa da que parece que os representantes dos empresariado non tomaron nota”. 

Nos próximos días concretarán un calendario coas datas e os lugares das mobilizacións

Polo tanto, apostan por manterlle o pulso á patronal conserveira na defensa dun convenio digno para as persoas traballadoras con novas medidas de presión que incluirán concentracións, manifestacións, peches e máis días de folga. Nos próximos días concretarán un calendario coas datas e os lugares.

Con todo, dende os tres sindicatos expresan o seu desexo de non ter que iniciar este segundo calendario de mobilizacións, polo que agardan que a patronal convoque unha nova xuntanza da comisión negociadora do convenio na que sexan atendidas as principais reivindicacións das persoas traballadoras do sector.