Aprobado o concurso de traslados de corpos xerais da Xunta coa abstención da CIG

O sector de Autonómica pide que a valoración sexa sempre no posto de orixe e non en comisión de servizo

Nacional -

O sector de Autonómica da CIG-Administración optou por absterse na votación celebrada na Comisión de Persoal do 2 de agosto na que se aprobou o concurso de traslados de corpos xerais da Xunta porque, aínda que se incorporan algunhas propostas da central, non se atende a reclamación de que a valoración sexa sempre no posto de orixe e non en comisión de servizo. O concurso publicarase en setembro, cando se peche a discusión da oferta de postos, que continúa en revisión.

Deste xeito, as bases do concurso de traslados, que se convoca tras as mobilizacións desenvolvidas pola central nacionalista, saíron adiante co apoio de CCOO e UGT, mentres que a CSIF tamén se abstivo.

Segundo explican dende a CIG-Autonómica, durante toda a negociación houbo un elemento principal en disputa: a valoración do traballo desenvolvido en comisión de servizo. En todas as xuntanzas a CIG rexeitou a intención da Xunta de mudar o criterio mantido en todos os concursos anteriores e valorar o traballo como feito en comisión, xa que a central reclama que a valoración se faga sempre como no posto de orixe. 

A concesión das comisións de servizo non atende a criterios obxectivos de mérito e capacidade

“Porque a concesión das comisións de servizo non atende a criterios obxectivos de mérito e capacidade; porque é discrecional; porque temos infinidade de exemplos de abusos (comisións cruzadas, xente que constantemente salta de comisión a comisión...); porque xa non é un sistema de cobertura de prazas de urxente e inaprazable necesidade senón que é un sistema habitual de cobertura temporal”, enumeran.

Na central entenden que sobran motivos, “e estaremos dispostos/as a discutilo cando os concursos sexan convocados como mínimo anualmente e cando as comisións estean sometidas a criterios obxectivos”.

Explican que unha vez comezada a última xuntanza da Comisión de Persoal, o director xeral de Función Pública anunciou que o tempo traballado en comisións de servizo vai ser valorado como tempo traballado no posto de orixe. “Así que desapareceu o elemento fundamental de discrepancia”.

Cambios no borrador inicial

Sinalan que houbo cambios respecto do borrador inicial (27/03/2019), algúns deles comunicados o último día na Comisión de Persoal (e por tanto non aparecen no borrador enviado para a Comisión de Persoal do 2/8/2019):

-Persoas obrigadas a concursar e que cumprindo coa obriga (solicitan todos os postos nun radio de 30 quilómetros) non obteñen praza: Función Pública asignaralles de oficio un dos que queden vacantes, pero será “de entre aqueles vacantes en 30 quilómetros”.

-Antigüidade: valoran 0,02 puntos por cada mes de servizos como funcionario/a de carreira. Non aceptan a solicitude da CIG de incrementar a puntuación máxima para permitir incrementar o máximo de anos de 31 a 36 anos de servizos.

-Méritos específicos: a CIG defende a súa eliminación, e alternativamente a súa minoración. Respecto dos servizos prestados a puntuación será de 0,02 puntos por cada mes de servizos en posto da mesma área funcional que o posto solicitado, pero o límite pasa de 3,2 a 1 punto.

-Grao persoal: cada incremento de nivel será de 0,15 puntos.

-Traballo desenvolvido: van valoralo como tempo traballado no posto de orixe. Non aceptan reducir o excesivo desequilibrio deste mérito.

-Tempo de permanencia: por primeira vez vai poder concursar quen obtivese posto no concurso anterior; isto condiciona o concurso, e a CIG solicitou aumentar a puntuación da permanencia. Función Pública acepta e a puntuación pasa de 0,012 a 0,015 puntos por mes de permanencia. Mantense o máximo conxunto con traballo desenvolvido e medidas de conciliación.

-Medidas de conciliación: para o reagrupamento familiar, incrementan a idade dos menores de 12 a 16 anos. Non aceptan incluír a maiores dependentes (din que o estudarán para o próximo). En canto á proposta de considerar o achegamento a concellos limítrofes (o que ten efectos sobre o rural galego), tampouco vai desta.

-Formación: retiran referencias a caducidade dos cursos (ollo, que o manteñen para futuros concursos); baixan o mínimo de horas de cada curso de 12 a 8; incrementan o máximo de cada curso de 1 punto (100 horas) a 2 puntos (200 horas). Non aceptan incluír máis entidades formadoras (universidades, Servizo Público Estatal de Emprego, Dirección Xeral de Formación, FEGAS, escolas de idiomas ...).

-Titulación académica: non aceptan incluír titulacións a maiores da requirida para o posto (vai ser a primeira vez).

-Grupo de pertenza: reducen a puntuación de 1 a 0,75 puntos/nivel.

-Desempate: durante a negociación modificaran o desempate, que pasaba de ser seguindo a orde dos méritos das bases (1º antigüidade, 2º méritos específicos...) a seguir a orde do decreto de provisión (1º méritos específicos, e último antigüidade). Función Pública aceptou volver ao modelo inicial.

Finalmente, dende o sector de Autonómica da CIG-Administración recoñecen que ao introducir estes cambios “Función Pública aceptou moitas das nosas propostas, pero continúan existindo discrepancias que nos impiden apoiar o concurso”.

Volver