Aprobado o Informe da Executiva saínte con 465 votos a favor, 1 en contra e 7 abstencións

Salienta o “protagonismo indiscutible” acadado pola CIG tanto na mobilización como no lanzamento de propostas

Nacional -

O Informe da Executiva saínte, que foi presentado polo secretario xeral, Paulo Carril, foi aprobado por 465 votos a favor, 1 en contra e 7 abstencións. O documento dá conta do traballo desenvolvido pola central sindical desde a celebración do anterior Congreso Confederal. Un período no que a CIG acadou un “protagonismo indiscutible na organización da conflitividade laboral e mobilización social, así como no lanzamento de alternativas e propostas para armar a defensa da clase traballadora galega”.

No Informe a Executiva confederal saínte salienta a posición de primeira forza en número de delegados e delegadas do sindicato, ao que está afiliada xa o 10% da poboación asalariada galega, o que garante, segundo explicou Carril, “unha situación económica e financeira solidamente saneada e vigorosa e sen máis dependencias económicas que a da nosa afiliación”.

O secretario xeral resaltou ademais a implantación territorial e federativa da CIG por toda a nosa nación e por todos os sectores, desde os máis tradicionais, aos máis actuais e subliñou o importante salto adiante da formación interna, freado pola pandemia neste último período.

Difícil contexto

O Informe analiza o contexto político, económico, laboral e sindical que se viviu neste período, marcado por unha nova recesión económica cando aínda non estaba superada a crise financeira de 2008, e que empeorou a partir de 2020, coa covid-19. Unha pandemia que evidenciou, como dixo Carril, “as eivas e inxustizas do capitalismo” e na que primaron “os intereses económicos privados, mentres cada vez máis sectores das clases populares están na máis absoluta desprotección social e sanitaria”.

Así se analiza no Informe no que se denuncia a expulsión do persoal eventual do mundo do traballo xa nun primeiro. Traballadores e traballadoras que quedaron sen ningún tipo de protección ás que se sumaron as que sufriron as consecuencias dos ERTE, co caos no cobro das prestacións, a falta de control ou a imposibilidade de dar resposta aos requirimentos e trámites das persoas traballadoras.

Isto xunto á intensificación da dixitalización dos procesos produtivos e da descarbonización da economía, coas ameazas económicas, sociais e laborais que supón para a maioría social e o futuro do noso pobo e a aparición de novas formas de precariedade e explotación da clase traballadora vinculadas ao teletraballo ou a subcontratación en cadea, entre outras.

Paulo Carril cargou tamén contra o chamado diálogo social practicado polo goberno español, CCOO, UGT e a patronal aos que acusou de facilitar a implantación de medidas que “non restitúen dereitos, nin son a solución para unha recuperación económica e social xusta e que, por riba, fomentan a desmobilización da clase traballadora e do conxunto dos sectores populares”.

Emerxencia nacional e social en Galiza

O secretario xeral da CIG cualificou a actual situación de Galiza de “auténtica emerxencia nacional e social” e responsabilizou os sucesivos gobernos de Feijoo do deterioro “da calidade de vida, benestar, emprego, industria, servizos públicos, evolución demográfica, normalización lingüística e desenvolvemento cultural”, ademais do importante déficit democrático de todas as institucións públicas e dos medios de comunicación, nomeadamente os públicos.

Afirmou que “estamos a vivir un elevado nivel de secuestro e sometemento da maioría dos medios de comunicación, que ademais de contribuír a distorcer a realidade, manipulan a crítica situación que vivimos en Galiza, mesmo presentando o Goberno galego como eficaz, competente e reivindicativo ante Madrid”.

Denunciou a ofensiva na promoción da eucaliptización, o noso papel de subministradores de recursos minerais e enerxía eléctrica para o resto do Estado español e, no sector servizos, especialmente no turismo e no Camiño de Santiago, que se veu castigado na pandemia demostrando que “é unha falsa alternativa de futuro para ter un crecemento económico forte e ser fonte creadora de emprego digno”.

Xunto a isto alertou da grave situación do emprego en Galiza: pouco, temporal, precario e onde a rotación contractual “acada niveis traumáticos”, medrando de forma desmesurada a figura da persoa traballadora pobre porque “cada vez máis o feito de ter un posto de traballo non garante en absoluto ter cubertas as necesidades vitais básicas”.

Acción sindical

Diante desta situación lembrou que o conxunto da central sindical despregou unha acción sindical diaria e intensa, con mobilizacións tanto nos distintos centros de traballo, como nos distintos sectores. Así fixo un percorrido polo sen fin de folgas e accións de protesta, campañas nacionais, mobilizacións en materia de negociación colectiva e denunciou, fronte a isto, o papel desmobilizador de CCOO e UGT e a súa aposta pola resignación, insistindo na súa práctica sindical de colaboración e de diálogo social tanto cos gobernos español como galego.

Fixo espacial fincapé nas folgas de mulleres convocadas nestes últimos anos e a convocada pola central sindical, como moción de censura ao goberno de Raxoi. Folga que foi desconvocada “con todas as reservas que tiñamos” ao materializarse unha moción de censura do PSOE.

Negociación colectiva

A Executiva Confederal tamén analiza no Informe a situación da negociación colectiva neste período no que se consolidaron as modificacións introducidas polas reformas e afirma que “o actual goberno de PSOE-Unidas Podemos xunto con CCOO, UGT e a CEOE, baixo o engano do diálogo social, afianzaron as materias máis lesivas para a clase traballadora como son a aplicación e interpretación do convenio, a flexibilidade interna, a estrutura da negociación colectiva, a prevalencia, a lexitimación para negociar ou a concorrencia”.

A consecuencia foi, segundo explicou Carril, a paralización e desaparición dos convenios menos sindicalizados, o aumento da xornada laboral e das horas extraordinarias non pagadas, a extensión dos convenios de empresa, a perda de poder adquisitivo dos nosos salarios, a desigualdade salarial entre persoas traballadoras segundo a súa antigüidade dentro da empresa, o ataque da negociación colectiva estatal aos convenios galegos e provinciais e o aumento da precariedade.

“Un marco de negociación colectiva claramente desequilibrado a favor dos intereses da patronal que foi ideado polo Goberno español coa finalidade de provocar unha caída xeneralizada dos salarios, dividindo a clase traballadora pola atomización dos convenios e individualizando a negociación das condicións laborais”, concluíu.

Fronte a isto, o secretario xeral salientou o papel da CIG, que deu prioridade á loita contra as novas formas de explotación e desenvolveu campañas contra os Centros Especiais de Emprego, as empresas multiservizos, as ETT ou a parcialidade na contratación, coas que se conseguiu a súa prohibición en diferentes convenios sectoriais e de empresa.

Lembrou a campaña coa CGTP no sector da construción; a loita contra o rexistro de xornada ou pola aplicación dun salario mínimo galego na negociación dos convenios. Mais tamén lembrou a desenvolvida contra os acordos estatais de negociación colectiva ou pola apertura de marcos propios de negociación colectiva en Galiza.

Isto xunto coa loita contra a aplicación indiscriminada do teletraballo derivada da covid-19 ou o combate, nos ERTE, contra os descolgues salariais, inaplicacións, modificacións substanciais ou a mobilidade xeográfica e funcional.

Feminismo de clase

O informe salienta o incremento nestes catro anos, da formación de cadros en materia de igualdade; a consolidación dun espazo organizativo propio; a intensa actividade da Comisión Nacional de Mulleres da CIG e o papel da central sindical nos paros de mulleres que estiveron acompañados das mobilizacións máis numerosas da historia recente.

Mobilizacións malia as que o informe lamenta que “non houbo mudanzas salientables nin a nivel legal, nin a nivel real”, que levaron a central sindical a centrar o ano 2020 na reivindicación da problemática dos coidados e a denunciar, en 2021, a “hipocrisía e a falsidade coa que se trata a problemática específica das mulleres, tanto por parte da patronal, como por parte do poder político e do sistema”.

Saúde laboral

O informe recolle ademais o traballo desenvolvido en materia de saúde laboral nun período no que se agudizaron os problemas preventivos estruturais. Razón pola que a CIG promoveu, este mesmo ano, a creación dunha Comisión Técnica sobre accidentabilidade grave e mortal en Galiza, na que participa a consellaría de Emprego e Igualdade, o ISSGA e os axentes sociais.

Dá conta ademais das circunstancias derivadas da pandemia, que puxo a proba a capacidade da central sindical para dar unha resposta rápida e axeitada á morea de circunstancias, problemas preventivos e cuestións que se produciron como consecuencia.

Unha problemática para a que se puxo en marcha, desde o primeiro momento, unha web dedicada exclusivamente a cuestións relacionadas coa covid-19.

Isto xunto con outras cuestións como o impulso de formación especializada en materia de prevención fronte a exposición ao gas radon ou a denuncia da redución, inxustificada, das subvencións en materia de actividades de seguridade e prevención de riscos laborais por parte da Fundación Estatal de Prevención de Riscos Laborais. Unha situación a pesar da que a CIG mantivo os servizos técnicos de prevención a pleno rendemento.

Acción institucional

Canto a acción institucional, o informe subliña que estes catro anos caracterizáronse pola grave crise sanitaria, económica e social, a renovación da presidencia no Consello Económico e Social de Galicia, a non elección da presidencia no Consello Galego de Relacións Laborais e polo bloqueo imposto polos Gobernos, patronal, UGT e CCOO no funcionamento normal das institucións.

Nese sentido denuncia que o chamado “diálogo social” fixo imposíbel un funcionamento mínimo en todos os ámbitos da representación institucional, “xa que a posta en marcha de mesas de diálogo, comités de expertos, etc., foron solapando e usurpando a participación de axentes socioeconómicos, universidades, organizacións sindicais e entidades da sociedade civil, o que amosa un absoluto desprezo polas institucións públicas galegas por parte de goberno da Xunta”.

O informe fai, en todo caso, un percorrido polo papel xogado pola CIG nos distintos organismos nos que participa. Denuncia o uso autoritario e antidemocrático das institucións, por parte do Goberno galego, “anulando o seu papel e impedindo que a institución cumprise o papel para o que foi creada”.

Aínda que salienta o intenso traballo desenvolvido no Consello Galego de Relacións Laborais, denuncia tamén que, a día de hoxe, despois de case dous anos, “seguimos sen ter quen ostente a Presidencia do CGRL despois de que tivésemos que trasladar ao Pleno a conculcación dos seus estatutos ao pretender impoñer a Xunta un candidato sen o consenso das organizacións, demostrando unha falla de consideración e coñecemento do funcionamento do organismo”.

Como non podía ser menos, recolle o compromiso coa normalización lingüística do galego, a súa defensa constante, en todos os ámbitos, e a denuncia dos frecuentes incumprimentos da lexislación vixente por parte das administracións en institucións como o CGRL.
Ademais analiza os avances en formación sindical; a formación para o emprego; o intenso traballo en materia de comunicación; os avances nas relacións internacionais e os importantes avances en expansión, asentamento organizativo e de formación.

A CIG, primeira forza sindical

Poder sindical para irmos construíndo poder popular, para a transformación revolucionaria da sociedade galega, para a conquista dunha Galiza ceibe e socialista"

O informe subliña que tras das últimas eleccións sindicais a CIG situouse como primeira forza sindical en Galiza, con 4.548 delegados e delegadas, o que representa o 29,46%. Mais tamén como primeira forza nas comarcas da Coruña, Santiago, Ferrol, Pontevedra e Vigo e nas federacións de Administración, Construción, Saúde, Servizos, Industria e no Ensino Público. Conta a esta altura con 76.000 persoas afiliadas, cun incremento continuado nos últimos catro anos en todas as comarcas.

O conxunto das asesorías xurídicas da CIG tramitaron neste período máis de 60.000 expedientes, o que supón aproximadamente o 20% dos expedientes da xurisdición social de Galiza.

Porén, aínda con estes datos, Carril concluíu a presentación do informe advertindo que “cómpre termos presente que a maioría sindical non se gaña dunha vez para sempre. A nosa maioría é fráxil en relación ao poder do capital, polo que non podemos perder tempo para consolidar no organizativo e ideolóxico o noso avance na representación sindical”.

Un poder sindical que ha servir, dixo, “para irmos construíndo poder popular, para a transformación revolucionaria da sociedade galega, no obxectivo estratéxico que temos na CIG da conquista dunha Galiza ceibe e sen explotación, dunha Galiza ceibe e socialista”.

Saúda a cargo do secretario da CIG-Compostela

Tras das acreditacións dos e das congresistas, o VIII Congreso Confederal arrancaba coa benvida a cargo do secretario comarcal da CIG de Compostela, Pepe Maio. A continuación proxectouse un vídeo resumo da acción sindical desenvolvida pola CIG nos últimos catro anos.

Tamén se votou o Regulamento das sesións e a Orde do Día e procedeuse, como marca a tradición, ao canto do noso himno nacional.

Volver