Apróbase a constitución da Rede Sindical Europea 'Xustiza para Palestina'

Na última xuntanza da ETUN, da que a CIG fai parte, tamén se planificou o traballo para 2019
Bruxelas - 21 Dec 2018

A pasada semana tivo lugar en Bruxelas unha nova reunión do  Comité Directivo da Rede Sindical Europea Xustiza para Palestina, ETUN (Antes chamada Iniciativa Sindical Europea, ETUI), do que a CIG forma parte. Na Rede participan neste intre 37 organizacións e no Comité Directivo veñen participando habitualmente 12 persoas. Nesta reunión, ademais de facer balance das actividades desenvolvidas até o momento, tamén se deron pasos para constituír formalmente a Rede, aprobar un Regulamento Interno, repartir responsabilidades e estudar a posibilidade de crear unha Fundación, para darlle entidade xurídica á organización. Na xuntanza abordáronse os seguintes puntos:

1.- Seguimento logo da Conferencia de Barcelona

Xa está completo o informe-documento que xurdiu da Conferencia e será traducido aos diferentes idiomas, para darlle difusión, non só na páxina web da Rede, senón nos nosos respectivos países. O informe será enviado a todas as persoas que participaron na Conferencia, así como a outras organizacións sindicais ás que se fará un chamamento para que se integren na Rede ou, cando menos, que apoien e se fagan eco das propostas.

Desde a CIG lanzouse a proposta de que se integrase no Comité Directivo a persoas de organizacións palestinas, "pois entendemos que non se pode formular ningún tipo de colaboración e solidariedade sen contar cos colectivos afectados, senón estariamos caendo tamén nós nunha actitude 'colonial' coa propia poboación palestina", subliña o responsábel de relacións internacionais da CIG, Xosé Lois Rivera.

A decisión final foi que, dado que é unha Rede Europea, que o tema prioritario neste intre é loitar contra a complicidade da Unión Europea con Israel, a través do Tratado Comercial que teñen subscrito, e debido tamén aos problemas económicos e loxísticos que pode supoñer o desprazamento de representantes de sindicatos palestinos (que son moi diversos) para asistir ás reunións, optarase entón por manter un contacto constante con eles, solicitarlles propostas e coordinar todas as accións que se poidan levar a cabo, pero sen formar parte do Comité Directivo.

2.- Constitución

Sobre unha proposta de texto inicial, e logo de debate e as modificacións oportunas, aprobouse un Regulamento de Constitución e funcionamento da Rede Sindical, que servirá para a organización actual e futura, pensando tamén en posíbeis novas incorporacións doutras organizacións.

3.- Reparto de responsabilidades

Considerouse necesario designar a persoas concretas para asumir distintas tarefas, responsabilidades e representación pública da Rede. Así nomeáronse as novas responsabilidades da Coordinadora, Portavocía, Secretaría e Tesourería.

4.- Delegacións a Palestina

Valorouse a posibilidade de organizar unha delegación a Palestina pero, nesta ocasión, máis enfocada cara ao tema educativo, e promover actividades en colaboración cos distintos colectivos de profesores e profesoras palestinos e as federacións de ensino dos sindicatos representativos.

Dado que a CIG tivo contactos con estes colectivos, a central galega será a encargada achegarlle esta proposta e organizar conxuntamente esa delegación para ir a territorio palestino no mes de outubro ou novembro do 2019. Traeranse á seguinte reunión o resultado dos contactos e unha proposta máis elaborada.

5.- Accións e actividades para o 2019

Presentáronse propostas de actividades a desenvolver durante o vindeiro ano:
•    Incidir na campaña das Eleccións Europeas: Entrevistas cos/coas representantes das institucións europeas, cos grupos parlamentares, breve enquisa a deputados/as, etc.
•    Proposta de Resolución para o Congreso da Confederación Europea de Sindicatos (CES), que se celebrará o mes de maio en Viena, e contacto previo coas organizacións sindicais para buscar apoios.
•    Contactos con outras organizacións sindicais europeas e chamamento a que se sumen á Rede. Fíxose reparto dos contactos a facer por zonas xeográficas e boas relacións.
•    Elaboración de moción para trasladar a distintas institucións, e que poida ser subscrita por máis organizacións.
•    Boicot ao comercio armamentístico.
•    Mobilizacións a desenvolver.

Outros puntos tratados

Na reunión tamén se abordaron outras cuestións, como a posibilidade de sumarse ao boicot á celebración do Festival de Eurovisión en Israel; a preocupación polo rexeitamento da proposta de resolución que fixo un representante do sindicato LO no recente Congreso da CSI, logo de contraproposta do sindicato israelí Histadrut; ou a posibilidade de promover unha campaña de condena á actitude de Israel e o apoio que lle dan certas organizacións sindicais israelís de docentes, con respecto á poboación palestina, dentro da Internacional da Educación (EI).