Apuntamentos sobre xeoeconomía desde o Sur (2015-2016)

Alfredo Serrano -

A moeda única, o euro, é a moeda do pensamento único no económico. Fronte á crise europea do modelo errado neoliberal, a saída é máis neoliberalismo baixo unha reconfiguración cara a dentro para se inserir doutra forma portas fóra

I. A resistencia hexemónica dos Estados Unidos

 O país hegemon resístese e fai o imposíbel para recuperar o terreo perdido no século XXI. Estados Unidos necesita do monopolio do dólar para soster o seu endebedamento billonario no comercial (505.000 millóns de dólares) e no fiscal (59,4 billóns de dólares). A economía made in USA depende interna e externamente do poderío da súa moeda a escala global. Así o recoñece por exemplo o mesmo Jared Bernstein (economista xefe entre 2009-2011 do vicepresidente de Estados Unidos, Joe Biden, e membro actual do equipo económico de Barack Obama) no mesmo New York Times: “o papel do dólar como moeda de reserva mundial pasou a ser un principio fundamental da política económica de Estados Unidos”. Con todo, na última década, o proceso progresivo de desdolarización na acumulación mundial de reservas fai perigar precisamente a posición exclusiva dominante dos Estados Unidos en materia xeoeconómica. Dúas variábeis son chave para comprender a dimensión deste fenómeno: 1) A participación do dólar nas tenzas de reservas mundiais pasou de representar o 71,1% en 2000 até o 60,7% en 2011; esta evolución explícase polo crecente rol do yuan chinés que xa é usado como moeda de reserva nun total 40 bancos centrais, e 2) A Estados Unidos tampouco lle convén economicamente que o intercambio comercial entre grandes países se realice cada vez máis en moedas propias sen necesidade de transitar polo dólar (Rusia con China, Xapón con China, tamén previsto para os BRICS).

 No que levamos de século XXI, Estados Unidos tampouco conta co monopolio en relación ás grandes transnacionais, pero si vai dando signos de recuperación neste pasado 2015. Na última década, foron aparecido grandes corporacións mundiais con casa matriz en China, América Latina, Rusia, India; ademais das que xa existían en Xapón e en Europa. Antes do estourido da crise, Estados Unidos só tiña 34 compañías entre o centenar de empresas máis valiosas do mundo. No entanto, durante este período de gran recesión, as empresas estadounidenses souberon recuperar posicións. Na actualidade, xa dispoñen do 54% dese top 100 mundial. O dato demostra recuperación do capital estadounidense no taboleiro global pero aínda insuficiente para aseverar que a súa hexemonía é a mesma que a que ostentou no século pasado. Os países emerxentes convertéronse a día de hoxe en países suficientemente emerxidos e protagónicos. O exemplo de China é o máis destacado neste sentido que na actualidade conta cun significativo 11% no devandito top 100 mundial (a fins de s.XX só tiña o 2%). Outro exemplo é que na clasificación Fortune 500 -que reúne ás maiores empresas do mundo por facturación-, o número de compañías cuxa sé está nalgún país emerxente pasou de 21 no ano 2000 a 132 en 2014 (95 delas son chinesas).

 Estados Unidos non perdeu a hexemonía pero si a debe compartir con outros bloques económicos consolidados a nivel mundial. Fronte a iso, a estratexia económica estadounidense centrouse fundamentalmente en vencer na guerra das expectativas económicas. Durante todo o ano 2015, a Reserva Federal (FED) anunciou unha subida da taxa de xuros que finalmente se produciu a final de ano e en escala menor. O obxectivo era (e aínda é) realizar un efecto chamada aos capitais financeiros que se tiñan que ir da casa en busca doutros destinos máis rendíbeis. Pero ademais con esta subida e coa apreciación do dólar no último ano, pretende dicirlle ao mundo que a economía estadounidense está en plena forma.

 Despois duns anos dunha excesiva expansión monetaria, usada para sanear a grandes bancos e fondos de investimento recomprando boa parte da súa débeda intoxicada, Estados Unidos anuncia ao mundo que está preparado para crecer e volver ser o único epicentro da economía mundial. O seu desexo é claro: facer resucitar o Consenso de Washington como único centro de gravidade da nova orde xeoeconómica mundial. Non o terá fácil, pero tampouco hai que infravalorar a súa capacidade para logralo. Non se debe esquecer que ten novos aliados grazas ás súas invasións e a novos movementos de xadrez (Irán). Ademais, o seu imperio na economía do coñecemento en pleno auxe do mundo tecnolóxico permitiralle seguir gañando terreo nesta guerra de posicións económicas a nivel global. Tamén conta con outra arma de destrución masiva: o monopolio das axencias de cualificación de risco (Moody’s, Standard & Poor’s, Fitch). O mundo financeirizado aínda se sostén fortemente sobre chan norteamericano. A súa arquitectura económica-financeira internacional aínda continúa sendo soporte das relacións xeoeconómicas (FMI, OMC, BM, CIADI, etc.).

 Malia este gran hard power, Estados Unidos non está só na escena mundo; sábeo e buscará como sexa poder resarcirse para gobernar economicamente o planeta tal como fixo nas últimas décadas do século pasado. O taboleiro e as súas pezas están servidos. A partida para o 2016 xa comeza; veremos como acaba.

II. Sobre o prezo do petróleo

 Malia a consolidación das novas fontes enerxéticas, o petróleo segue sendo o rei. Este recurso fósil representa un terzo da matriz enerxética mundial. O seu papel xeoeconómico é indiscutíbel. O século XXI caracterizouse por un Gran Cambio neste asunto debido fundamentalmente á recuperación do rol da OPEP (Organización de Países Exportadores de Petróleo) fronte á AIE (Axencia Internacional da Enerxía). Os países OPEP foron paulatinamente recobrando o seu protagonismo e soberanía en relación á determinación do prezo a nivel internacional. A xuño do 2014, o prezo por barril alcanzou ata 115 dólares. Porén, desde ese momento, produciuse unha caída continuada. O ano 2015 acabou cun prezo por baixo de 40. O seu valor alcanza o mínimo dos últimos 11 anos.

 Son moitos os factores en xogo para explicar esta caída tan abrupta. Moito se di acerca de que todo se debe a un incremento da oferta petroleira neste último tempo. Sucedéronse varios feitos chave neste sentido: 1) aumento da produción da produción de xisto en Estados Unidos que se foi aproveitando da suba pasada dos prezos (pasou desde os 5,1 millóns de barrís diarios en 2009 até os 9,32 millóns nos que terminou o ano 2014), 2) Arabia Saudita excedeu a produción de 9 millóns de barrís ao día, 3) Irak xa está por riba dos 4 millóns de barrís ao día, e 4) e ademais, en clave de expectativas, Irán prevé un aumento da súa produción petroleira en 500.000 barrís por día a partir deste ano grazas ao levantamento das sancións (debido ao pacto con Estados Unidos). É, xa que logo, certo que este incremento de oferta petroleira ten moito que ver no descenso do prezo. Con todo, non é a única razón desta situación. O mesmo Congreso de Estados Unidos considera que: “o 30% do prezo do petróleo débese á especulación dos Fondos de Investimento e grandes bancos”; e a consultora Goldman Sachs considera que o impacto deste fenómeno é do 40% no prezo. Isto quere dicir que non todo se debe a un frío calculo de oferta e demanda, senón que a esta explicación hai que sumar o interese especulativo dos grandes capitais mundiais en base a claves xeopolíticas/xeoeconómicas.

 Prevese un leve incremento da demanda do cru a nivel internacional. Pero a oferta seguirá crecendo polo menos no curto prazo. Non parece doado imaxinar un acordo pleno entre os países OPEP para reducir a cota ofertada. Arabia Saudita non parece querer facer nada para incrementar os prezos a pesar do seu record en déficit fiscal (é actualmente do 15% do seu PIB). Irán anunciou que aumentará as súas exportacións petroleiras. Doutra banda, Estados Unidos, con estes prezos tan baixos, non poderá manter a cota de produción do petróleo de xisto tal como veu xa sucedendo no ano pasado. Un prezo tan baixo do petróleo ten un efecto inmediato na rendibilidade económica deste tipo de investimentos. Se o prezo continúa á baixa, haberá moita produción que cesará porque non poderán soportar os actuais custos de produción. Novamente, o factor tecnolóxico convértese en determinante neste asunto para quen queira sobrevivir a prezos tan reducidos.

 A guerra do prezo do petróleo está servida sobre a mesa. Existen multiplicidade de predicións. Algúns analistas consideran que o obxectivo a longo prazo do reino saudita é manter baixos os prezos para, desa forma, deixar fóra de mercado os produtores de petróleo non convencional ou de xisto. Se isto fose así, entón si, o prezo podería volver remontar até valores impredicíbeis. A maioría de estudos internacionais (Westpac, Barclays, Wells Fargo, Unicredit e Société Générale) estiman o valor nun intervalo entre 41-60. Segundo Goldman Sachs, o ano que vén a sobreoferta mundial será de 580.000 barrís diarios; así que os inventarios seguirían enchéndose. Moody’s cre no seu informe petroleiro anual que o desequilibrio do mercado petroleio prolongarase até máis aló de 2016. O mesmo considera a Axencia Internacional da Enerxía.

 A ecuación sobre os prezos do petróleo non se resolve en base á matemática. A (xeo)economía política ten moito que dicir neste asunto. Arabia Saudita e Irán compiten pola súa posición hexemónica en Oriente Medio. O conflito en Siria tampouco pode pasar desapercibido nesta discusión. O intento de castigar a Rusia, que elevou nun 7,5% as súas exportacións de petróleo en 2015, é outro elemento chave para entender o que pasará na evolución dos prezos do petróleo. A fin da prohibición ás vendas do cru de Estados Unidos fóra do país é outro ingrediente neste gran maremágnum petroleiro.

 É complexo facer predicións sobre o prezo a partir de cotas de oferta e demanda petroleira tendo en conta que o que está en xogo son as cotas de poder xeopolítico. Detrás de todo iso, o pulso entre a OPEP e a AEI está no centro da actual batalla xeoeconómica en materia petroleira.

III. Os ataques contra os BRICS, contra China

 O comercio Sur-Sur cada vez é máis importante a nivel mundial. Pasou de supoñer un 6% en 1985 a un 24% en 2010; mentres que o comercio Norte-Norte retrocedeu ao 38% nese mesmo periodo); en materia de investimentos estranxeiros directos, os de fluxo Sur-Sur xa son case 50%. Pola súa banda, os BRICS representan o 45% da poboación mundial, o 25% do PIB mundial, o 41% das reservas de divisas e 45% da produción agrícola do mundo. O seu comercio intra bloque supón o 17% do comercio mundial. Este grupo de países ademais vén construíndo unha arquitectura financeira paralela á hexemónica, co seu propio Banco de Desenvolvemento e o seu Fondo de Reservas; e como se dixo anteriormente, realizan unha gran parte da súa transaccións comerciais sen necesidade de pasar polo dólar.

 China é indubidabelmente o vértice principal deste novo pentágono xeopolítico. Aos poucos, Pequín vai configurándose como a única potencia capaz de establecer, a medio prazo, unha verdadeira “rivalidad estratéxica” con Washington. Tan é así que o mesmo FMI recoñeceu recentemente que a economía chinesa é a maior do mundo. China representa o 16,479% do PIB mundial medido en Paridade de Poder Adquisitivo, fronte ao 16,277% de Estados Unidos. A recente creación do Banco Asiático de Investimento en Infraestructura (BAII) pretende reforzar esta posición no terreo do financeiro. O BAII pretende rivalizar co FMI e BM, e tamén co Banco Asiático de Desenvolvemento (creado en 1966, e moi controlado por Xapón). Nin Toquio, nin Washington se adheriron ao BAII; pero xa se adheriron uns 57 países, entre eles os BRICS (Brasil, Rusia, a India e Sudáfrica), así como Alemaña, Reino Unido, Francia, Italia, Países Baixos, Australia, Corea do Sur, Israel, etc. Isto constitúe unha enorme vitoria diplomática de China en materia financeira internacional.

 A pesar de que o FMI aínda non lle concede maior cota de participación a China na súa actual estrutura[1], si se aprobou a inclusión do iuan chinés na súa cesta de moedas de reserva, integrada até o de agora só polo dólar estadounidense, o euro, a libra esterlina e o ien. Isto ten un importante valor simbólico e real no camiño da internacionalización do iuan como moeda referencia a nivel global.

 Desde o inicio do século XXI, China vén aumentando os seus investimentos directos no exterior, alcanzando unha media de 200.000 millóns de dólares ao ano; neste sentido, os investimentos chineses comprometidas para América Latina son de 250.000 millóns de dólares para os próximos dez anos. Con América Latina tamén se incrementaron de xeito espectacular os intercambios comerciais (entre 2000 e 2013, multiplicáronse por 22).

 Estes datos reflicten que a transición xoeconómica é un feito en gran medida debido ao papel de China. O Consenso de Beijing, como moitos o denominan, actúa como contrapeso ao Consenso de Washington. Estados Unidos non está só neste mundo. Sábeno e por iso reaccionan contra os BRICS e contra todo aquel país que non se ateña ao seu mandato. Así veñen procurando nos últimos meses construír un sentido común global, no económico, de que todo é culpa dos BRICS, todo é culpa dos países emerxentes, todo é culpa de China. Fixérono e seguirano facendo. Choven os estudos que afirman que os BRICS, e moi particularmente China, non poderán continuar sendo países de destino de investimentos a escala global. Percíbese este intento de restauración conservadora neoliberal a nivel mundial no económico para que todo volva á hexemonía de antes, á do século XX.

 A campaña contra China ten visos que continuarán no ano 2016. Que o modelo económico chinés ten graves fallas estruturais non o discute ninguén, pero tampouco é rigoroso dicir que se acabou o milagre chinés, que xa non crece como antes, que está no pleno colapso financeiro. Todo soa a un excesivo ataque coral contra as expectativas económicas chinesas. Resulta preciso ser coidadoso á hora de aseverar certas visións catastrofistas que máis se parecen a desexos de profecías auto cumpridas. É fundamental ter en conta que non houbo milagre chinés algún; máis ben todo foi froito dunha estratexia económica de inserción mundial moi acertada para recuperar unha posición dominante, moi en correspondencia co tamaño de país que representa. China usou o seu potencial exportador nun mundo económico neoliberal e posfordista no que a fragmentación xeográfica da produción mundial lles permitiu inserirse vantaxosamente a escala global. Así iniciou unha senda de crecemento de dobre díxito que nunca é fácil de soster no tempo. Con todo, non debería minusvalorarse que todas as predicións coinciden en afirmar que a economía seguirá crecendo por encima do 6% malia decidir cambiar o seu modelo económico portas dentro. China aposta por un proceso de substitución de importacións para satisfacer a demanda interna. Desexa reducir a súa dependencia exportadora aínda que esta siga sendo chave nos próximos anos. Este feito económico será determinante a escala global porque seguramente poida incidir no comercio mundial, e no prezo dos commodities a escala internacional como xa veu sucedendo no último tempo.

 Ademais, hai que destacar que China cambiou o seu patrón de relacionamento exterior: se hai poucos anos, o comercio ocupou a principal actividade económica exterior, hoxe en día, creceron as relacións financeiras e os investimentos. Isto significa que China se converte así nun socioeconómico estratéxico crecente máis aló das relacións comerciais. Isto non cambiará no ano 2016, nin nos vindeiros. Isto xustifica que os ataques contra China continuarán. Seguramente haberá novos intentos para afirmar un gran crash financeiro no país asiático. Xa sucedeu este 2015. Aínda que foi certo que se produciron en dous momentos consecutivos caídas abruptas do valor das bolsas de China, tamén é certo que no primeiro semestre do ano 2015, houbo unha xigantesca capitalización bursátil no xigante asiático. É dicir, en suma, no ano 2015 non lle foi mal á capitalización bursátil chinesa.

 En definitiva, é importante non caer en “lecturas” económicas fixadas desde o capitalismo neoliberal que procuran ir contra China para facernos crer que se desincha a súa economía e será a culpábel do freo na economía global. Nin isto nin tampouco dicir que o xigante asiático terá a súa mesma política económica que hai uns poucos anos.

IV. Europa e o seu Sur

 Europa continúa entrampada na súa encrucillada económica. Apenas crece. A Comisión Europea estima un crecemento para a eurozona en 2016 de ata o 1,9%, pero en base a valores do comercio mundial moi por riba do que prognostican o resto de organizacións internacionais. A produción industrial tampouco presenta síntomas de recuperación. A produtividade por hora traballada tampouco creceu significativamente nos principais países da UE. O desemprego segue sendo elevadísimo, moi particularmente o xuvenil; a pobreza e exclusión social constitúese como un gran déficit estrutural de todas as economías europeas. O endebedamento social é un principio reitor conexo coas novas fórmulas de políticas económicas aplicadas na Unión Europea (UE). O Estado do Benestar europeo está máis preto destas alturas de constituírse como o Estado de malestar que esixe o capital para que a súa taxa de ganancia recupere os niveis exaltados doutros tempos. Incuestionabelmente, a integración por arriba desintegrou os de abaixo.

 A moeda única, o euro, é a moeda do pensamento único no económico. Fronte á crise europea do modelo errado neoliberal, a saída é máis neoliberalismo baixo unha reconfiguración cara a dentro para se inserir doutra forma portas fóra. Diferenciar moito máis o que é centro do que supón a periferia convértese nun obxectivo básico para estes tempos na Europa das dúas velocidades. O patrón de desenvolvemento desigual europeo esíxese cada vez máis pronunciado no novo reordenamento interno para que a inserción exportadora das grandes transnacionais sexa a resposta efectiva fronte á actual crise económica. A depreciación do euro parece ser un dos camiños elixidos para seguir vendendo fóra o que dentro non se compra. E ademais, o BCE, logo de o ter iniciado moi tardiamente, seguirá seguramente co seu programa de compras de débeda ata 2017 para seguir “saneando” a gran banca privada europea. As respostas económicas na zona euro continúan dando as costas a todo o que teña que ver coa economía real.

 Así é como o estado-nación chamado Alemaña impón o seu modelo: un esquema supranacional europeo á súa mercé que lle permita competir fóra. Neste marco imposto polo centro, a única alianza sen nacionalidade permitida casa dentro é aquela que existe no plano das transnacionais con casa matriz na UE. Ese pacto está ben selado por todas as grandes empresas privadas europeas, e nel, non ten cabida o pobo grego nin os seus dereitos sociais. O gran capital europeo quere esta UE e non outra. Non acepta nin tolera que a ningún pobo do Sur se lle ocorra dicir o contrario.

 O ano pasado 2015 iniciouse coa vitoria do pobo grego, e acabou cun novo goberno portugués de coalición de esquerdas, e cunha realidade política española máis multipartidista, coa inclusión dunha forza política, Podemos, que demanda outra economía ao servizo dos cidadáns. No medio, o pobo grego sufriu un importante revés porque o goberno non puido levar a cabo o que a democracia e as urnas así demandaron. Alemaña impúxose en Grecia e avisou a navegantes europeos de que as consultas para decidir algo diferente ao que ditamine a troika non son benvidas. As chamadas “decisións técnicas” son para os capitais europeos máis importantes que aquilo que emane dunha elección democrática.

 De todos os xeitos, Grecia non se queda soa neste novo escenario europeo. O Sur europeo comeza a dicir “Xa abonda” a seguir sendo denominados pexorativamente os porquiños, isto é, os PIGS (Portugal, Italia, Grecia e o Estado español). Isto non gustar a Alemaña nin aos grandes capitais. Grecia illada representa pouco cuantitativamente na economía europea. Pero en cambio o seu poder simbólico, unido á potencial chegada doutros países do Sur que se sumen a esta interpelación do modelo europeo, ocasionaría un grave risco para a sustentabilidade do proxecto made in Germany. Isto non significa que estean dadas as condicións obxectivas e subxectivas para un cambio inmediato no curto prazo. Pero se se observa como o Sur comeza a constituírse como un novo todo que aparece a través dos elos máis débiles do modelo europeo reclamando outras políticas económicas máis xustas, máis a favor da garantía dos dereitos sociais.

 A tensión está servida entre un Sur que empurra cara a outro rumbo e unha superestrutura económica europea que resiste os embates. Velaquí a cuestión: restauración conservadora ou ruptura democrática. O euro, a arquitectura institucional política e económica europea, a presión da gran banca privada e dos grandes capitais farán o imposible para que nada emerxa para nin sequera propoñer alternativas. A idea de Thatcher está máis vixente que nunca: “non hai alternativas”. Niso susténtase a solidez do neoliberalismo. En non permitir que apareza outra opción posíbel. Con todo, poida que isto estea cambiando. En Grecia, malia todos os avatares, o pobo grego non elixeaos representantes que a UE desexa. En Portugal, a presenza da esquerda no novo goberno acabou coa esperanzas de proseguir silenciosamente coa xestión efectiva das políticas de austericidio. O último sucedeu no Estado español onde o Partido Popular ten a dous terzos dos votos na súa contra (...) Os que sempre presumen de democracia, agora son os mesmos que falan de incerteza institucional ou falta de estabilidade política cando a maioría no Estado español decidiu outro parlamento máis plural, cunha reveladora presenza doutras voces que critiquen fortemente as políticas de déficit social que afecta á cotidianidade da cidadanía.

 Aquilo que dixera Angela Merkel nun mitin do seu partido en maio de 2011 sinala perfectamente que a súa preocupación de outrora está cada vez máis xustificada no tempo presente: “Non podemos ter unha moeda común mentres uns teñan tantas vacacións e outros tan poucas, ou mentres en Grecia, o Estado español e Portugal a xente xubílese moito antes que en Alemaña”. O Norte querendo conducir o Sur. O rumbo xeopolítico en disputa. E todo dependerá, en gran medida, de como as forzas do Sur sigan crecendo, consolidándose e coordinando a súa acción fronte ao norte europeo. Niso, moito terá que ver tamén como se confronte contra o modelo hexemónico dominante. Ou acomódanse a el, e xa que logo, é moi difícil que haxa unha mellora sostíbel para as maiorías. Ou, pola contra, desenvólvese outra política económica alternativa dentro dos límites e marxes estreitas que concede o sistema europeo, e mentres tanto, avánzase estratexicamente en acumular forzas para interpelar os aspectos determinantes estruturalies, e poder realizar unha transformación máis radical para democratizar a economía.

V. América Latina en disputa

 América Latina está máis en disputa que nunca. No tramo final do ano, ocorreu un suceso moi novo para o que viña sendo o século XXI. É a primeira que vez que un goberno progresista na rexión perde unhas eleccións presidenciais. A restauración conservadora impúxose en Arxentina cunha gran alianza encabezada por Mauricio Macri. En Venezuela, aínda que non se perdeu o executivo, o pasado 6 de decembro do 2015 a Revolución Bolivariana tamén sufriu un importante revés electoral na Asemblea Nacional. Despois dunha década gañada en moitos países da rexión grazas a gobernos que antepuxeron políticas soberanas a favor da recuperación de sectores estratéxicos e políticas económicas redistributivas garantidoras de dereitos sociais, mellorando os niveis de vida en moitas dimensións (incluída o consumo), despois destes anos, ábrese unha nova fase de cambios ao interior deste cambio de época. Xa non se pode afirmar que a dereita rexional opositora non sabe gañar eleccións no que vai de século XXI naqueles países que optaron por unha vía contra hexemónica (Venezuela, Ecuador, Bolivia, Brasil, Arxentina). A política efectiva de cambios materiais nas condicións de vida a favor da maioría foi insuficiente nalgúns países para ter o apoio maioritario nas urnas (elección presidencial en Arxentina e parlamentarias en Venezuela).

 O abano das razóns desta viraxe electoral é moi amplo. No caso arxentino, un asunto fundamental é a elección do candidato. Agora si se pode afirmar que non serve calquera para continuar cun proxecto de cambio por moi ben engraxado que este estea. Scioli non é o mesmo que Cristina Fernández de Kirchner. Isto obriga a pensar con maior responsabilidade o tema da sucesión, quen, cando, como, que identidade política representa. Outro tema substancioso é a dificultade dos procesos de cambio para disputar o futuro, sen caer nun excesivo relato retrospectivo. A campaña do medo, da volta a un pasado peor, non parece suficiente para gañar. A nova maioría, propia do cambio de época, non cre a estas alturas que se poida volver atrás. O novo ciclo histórico de transformacións logrou instalar un novo sentido común de irreversibilidade. E a partir de aí, toca pensar no futuro; disputalo e gañar a batalla das expectativas para volver engaiolar as maiorías. A fidelidade sostense con desafíos cara a diante e sería un craso erro teimar en  querer construír a historia botando demasiado a mirada cara a atrás. Este aspecto é válido para Arxentina, pero tamén para outros países. Necesítase reinventar unha narrativa esperanzadora, de oportunidades futuras, que non rompa co pasado, que sirva como detonante de motivación e entusiasmo. Precísase identificar cales son as novas demandas da cidadanía para seguir avanzando. Non serve de nada vellas respostas se existen novas preguntas.

 Outro trazo característico desta nova disputa que se abre en diante é que o cambio de época provocou un cambio na dereita rexional. Macri non é Menem; Capriles tampouco é Caldera; nin Mauricio Rodas se parece a Nebot. A dereita do século XXI xa non é a do século XX aínda que arrastre certos lugares comúns do pasado. Preséntase como a política da boa onda, máis amigábel, revestida excesivamente de marketing, evitando exceso de confrontación. Esta nova dereita veu ampliando a súa base de apoio a custo de aglutinar novas demandas e valores máis individuais (ecoloxismos, oeneguismos, etc.) Foron agregando siglas, creando coalicións, alianzas territoriais. Véxase Cambiemos en Arxentina, e a Mesa de Unidade en Venezuela. Foron creando unha aparente unidade no medio dun mar de múltiples intereses non idénticos. É unha estratexia cada vez máis poliédrica que comeza a darlles algúns resultados positivos.

 A estas claves, hai que sumar seguramente os erros propios da xestión gobernamental, o desgaste propio de máis dunha década e a imaxe de deterioración encirrada sempre polos medios de comunicación hexemónicos. Con todo, nestes últimos anos existe unha razón de peso que sobresae por riba das demais: a vertente económica. A caída de prezos do petróleo, a contracción do comercio mundial e o esganamento financeiro internacional constitúen unha fronte externa adversa que engade obstáculos a este momento histórico. Ademais, cada vez son máis notorias as tensións e contradicións económicas internas propias de calquera proceso de cambio a tan alta velocidade. O rendismo importador do século XXI fai tanto efecto como o rendismo exportador do século XX; o cambio de modelo produtivo é imperioso comezando por aqueles sectores máis prioritarios para soster o alto consumo en bens básicos para a poboación.

 Ábrese xa que logo un ano 2016 de alta intensidade de disputa entre diferentes modelos económicos. O debate está moi aberto. Cada proxecto político poñerá enriba da mesa aquilo que considera máis oportuno para afrontar os desafíos inminentes. Esta vez si hai unha singularidade: os proxectos que eran opositores en Arxentina e en Venezuela, agora terán que ser protagonistas e propositivos. En Arxentina, o electroschock económico de Macri xa se iniciou. Apenas un par de semanas de goberno abondaron para non deixar ningunha dúbida acerca do modelo económico que pretende a dereita arxentina para os próximos anos. A aposta é evidente: poñerse acarón do agro arxentino, das poucas grandes empresas agroexportadoras, permitíndolles que sexan eles unha sorte de “para Banco Central”, con capacidade suficiente para elixir que facer cos dólares do país. Non só iso, senón a cambio de dar “liberdade” en comprar dólares, o país endebedarase de xeito externo-eterno para as próximas décadas. Acabouse a soberanía e calquera ilusión de seguir camiñando cara á independencia económica do país.

 En Venezuela, a oposición terá que decidir, si ou si, no seo da Asemblea Nacional se a súa proposta é pedir prestado ao FMI, volver a liberalizar o tipo de cambio, levar a cabo políticas de axuste en detrimento do investimento social, ou descapitalizar o país poñendo á venda os activos máis importantes dos sectores estratéxicos. É momento de non poder agocharse. Terán que deixar de criticar para pasar a propoñer. Non están afeitos a iso pero terán que facelo dada a súa nova forza parlamentaria.

 A partir de aí, iníciase un pulso entre diferentes proxectos económicos. Cada un poñerá enriba da mesa as súas cartas. Os procesos de cambio aínda en marcha, moi especialmente o venezolano, deberán procurar buscar solucións internas fronte á restrición externa que non impliquen un axuste neoliberal. Non se pode superar este momento negociando os dereitos sociais. Por exemplo, en Venezuela, o Estado das Misións ten que ser precisamente o músculo económico a utilizar para a nova etapa. O investimento social logrou realmente crear un novo universo económico sempre minusvalorado polo neoliberalismo. A cara económica do social é preciso valorala na súa xusta medida. Non é marxinal nin desbotábel que o Estado poña en funcionamento unha maquinaria de políticas públicas inclusivas a favor da área social para unha maioría cidadá. Hai que aproveitalas, hai que utilizalas eficazmente como efecto multiplicador no económico. A nova matriz de políticas públicas ten un gran potencial económico para afrontar este escenario externo adverso. Esta nova economía que pivota en torno ao social ten que ser aproveitada como detonador para un salto adiante no produtivo. Por iso, é imprescindíbel unha nova política de compras públicas a favor dun novo tecido produtivo, democratizado, máis eficiente. Por exemplo, en Venezuela, requírese internalizar a actividade económica derivada da Misión Vivenda, doutras misións relacionadas co sistema de alimentación, coa sanidade, coa educación.

 O interno recobrou ademais máis importancia agora que “o país económico” é máis amplo, máis incluente. Grazas á mellora nas condicións sociais, económicas e laborais, a democratización do consumo nestes procesos foi significativa garantindo así unha sólida demanda interna. Centrar a política económica en cambiar a matriz produtiva a favor dunha nova oferta interna é cuestión imprescindíbel. Neste sentido, tamén cómpre planificar unha oferta supranacional, a nivel rexional, poñéndose de acordo entre os países amigos para conxuntamente repensar como realizar a gran transformación produtiva latinoamericana, considerando ademais un mundo con cadeas globais de valor moi fragmentadas xeograficamente. Ás veces, pode ser máis rendíbel producir calquera insumo con alto valor engadido inseríndose intelixentemente no mundo no canto de querer producir cada ben pero tendo que importar gran parte do valor engadido.

 A esta vía interna hai que engadir tamén o tributario porque é posibelmente o camiño máis fiábel para compensar a caída dos ingresos públicos polos baixos prezos do petróleo. A soberanía tributaria eríxese nestes tempos na senda máis sostíbel para facer irreversíbel todo o logrado no social. Hai marxe de manobra suficiente para recadar máis fondos públicos baixo principios de xustiza social. En Venezuela, por exemplo, deuse un paso acertado neste sentido coa última decisión acerca de eliminar os axustes por inflación que utilizan os grandes capitais para deixar de pagar impostos; a implementación do imposto sobre transaccións financeiras tamén constitúe un mecanismo atinado para evitar que o capital financeiro evada impostos. Unha política de tolerancia cero contra a evasión e elusión fiscal faise cada vez máis indispensábel. Os impostos directos aínda teñen gran capacidade para recadar.

 Precísase tamén unha revisión da regulación do investimento estranxeiro directa para que os dividendos non sexan repatriados na súa totalidade cara ás casas matrices. Máis ben, hai que buscar as fórmulas para que a ganancia xerada dentro de casa se volva reintegrar na orde económica interna, e multiplicalas productivamente. Esta tarefa non é unicamente obrigatoria para Venezuela; tamén para Ecuador e Bolivia. Hai que atopar alternativas aos Tratados Bilaterais de Investimento de neoliberalismo pero con efectividade. Fronte á limitación financeira internacional, precísase explorar mellor os mecanismos de atracción de investimentos produtivos a favor do modelo de desenvolvemento que se pretende construír en diante.

 Faise necesario ademais un uso máis eficaz das divisas: unha sorte de acupuntura na colocación das escasas divisas para que o modelo económico interno floreza. É por iso que o cambio de paradigma recentemente aprobado en Venezuela, vai no bo camiño. Substitúese o vello mecanismo de entrega de divisas a cambio de demostrar que non se pode producir por outro que permite acceder ás divisas (para as necesidades de importación dos insumos produtivos) baixo o requisito de cumprir cunha determinada cota obrigatoria de produción. Esta é a verdadeira discusión da política cambiaria: como, canto, cando, e a quen outorgarlles divisas para darlles o uso máis produtivo posíbel evitando a utilización ociosa e especulativa destas. Logo diso, si que será necesario revisar a política de tipo de cambio fronte unha economía mundial na que o dólar se aprecia, pero tamén na que existen outras moedas cada vez máis relevantes no ámbito do comercio internacional.

 Nesta gran batalla xeoeconómica tampouco se pode descoidar o papel das translatinas, que son as novas multinacionais de orixe latinoamericana e con casa matriz en América Latina, nadas do boom económico na rexión e que aproveitaron o mundo neoliberalmente globalizado. Este novo tecido empresarial (un gran capital privado latinoamericano) ten gran capacidade económica para facer e desfacer ao seu xeito en cada un dos países do continente. Son actores decisivos neste novo tempo económico: teñen forza suficiente para provocar guerras económicas efectivas si queren, pero tamén poden ser aliados sostedores de procesos de o desexaren. Non é un tema baladí nin para que sexa pasado por alto. Empresas como Vale, Cemex, Latam, Mexichem, Odebrechet, Embraer, Falabella, Femsa, Avianca, América Movil, Copa Airlines, son entre outras, claves no panorama xeoeconómico rexional e mundial. Conforman en realidade un novo modelo de integración económica para a rexión: pensan noutra folla de ruta económica máis a favor da súa taxa de ganancia. O rumbo dos próximos meses e anos dependerá en gran medida de que tipo de políticas económicas afronten esta nova realidade xeoeconómica. Non facer nada fronte a iso é permitir que se afiance unha alianza do gran capital latinoamericano, ao europeo, que só necesite os Estados-nación para que lle acomoden as institucións ao seu antollo.

 Son estes algúns elementos económicos fundamentais nesta nova década en disputa. A presión desde fóra, así como as tensións dentro, forza a elixir un camiño ou outro. O punto de bifurcación está aí diante. Hai que decidir se a restrición externa se converte en restrición interna, ou se pola contra se aproveita estas circunstancias adversas para dar un paso adiante avanzando na verdadeira independencia económica. Porque de non ser así, a rexión tamén ten outro bloque neoliberal que avanza aínda que non sexa sen problemas sociais casa a dentro. A Alianza do Pacífico continúa coa súa política económica de parvo aperturismo ao mundo, cedendo soberanía nos sectores estratéxicos, e políticas públicas cada vez máis antisociais. Este revival do ALCA para o século XXI avanza cos seus tratados de libre comercio desmantelando o pequeno tecido produtivo nacional que existía nestes países, destruíndo o campesiñado, xerando unha maior dependencia importadora en bens básicos, e o que é máis grave, promovendo un patrón de acumulación cada vez máis concentrado en poucas mans a custo do mal vivir das maiorías. A esta opción do Pacífico, hai que sumarlle a interna en Mercosur, cunha Arxentina representada agora por Macri, cun empresariado brasileiro que empurra e empurra para que se asine un acordo de libre comercio coa Unión Europea.

 A xeoeconomía latinoamericana está en pleno movemento, e este ano 2016 será decisivo. A Unasur e a Celac optaron pola vía política deixando de lado case todo o que ten que ver estritamente co económico (coma se isto non fose tamén político). Aínda ten moito por diante para poder avanzar (por exemplo, por que non unha axencia latinoamericana de cualificación de risco). A Alianza do Pacífico non quere deixar esta oportunidade de intento restauración neoliberal a escala global. Mercosur é a día de hoxe un gran interrogante cunha correlación de forzas cambiante. A Alianza Bolivariana para os Pobos da Nosa América (ALBA) ten que emerxer e reapropiarse dunha axenda económica rexional que perdeu relativamente nos últimos anos. O que suceda en Venezuela será determinante para a rexión, pero tamén o será como Bolivia continúe saltando escollos, entre eles o máis inminente, o referendo que posibilitaría unha nova reelección do Presidente Evo Morales. Non hai que esquecer a Ecuador que, despois de aprobar unha emenda constitucional que permite a reelección presidencial indefinida pero non aplicábel para o caso de Rafael Correa, vén dun ano de alta voltaxe política. Neste caso, o país dolarizado debe superar a restrición externa coma se fose interna. En suma, este eixe de cambio, de ruptura co vello modelo neoliberal que partiu de diferentes procesos constituíntes, afronta a súa etapa máis complicada neste cambio de época, no que o económico ten un papel privilexiado.

__________________________________________________________________

[1] Para adoptar unha decisión importante no seo do FMI é necesario o 85% dos dereitos de voto; Estados Unidos dispón do 16,74% dos votos; a UE unida tamén posúe máis do 30% dos votos para vetar; China só ten o 3,81% dos votos.

__________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Celag’, do 3 de xaneiro de 2016]

Volver