Arde París

Iosu Perales - 13 Dec 2018

O movemento de protesta pode cambiar Francia, emerxendo outra fase política. É a gran Francia a que está contra as cordas dun xeito inédito. Moitos daqueles mozos do 68 son hoxe avoas e avós vestidos con chalecos amarelos. Eles encarnan moi ben a Francia que se sente atropelada pola globalización e esquecida pola capital París. Para eles a loita continúa

 En maio de 2017, o novo líder liberal, antes socialista, Emmanuel Macron, gañou as eleccións presidenciais cun 66% dos votos, a cifra máis alta nunca alcanzada por un presidente en Francia. Hoxe, este presidente que creou un partido persoal, á súa medida, “A República en Marcha” bate todas as marcas de rexeitamento social, máis do 75%, e ve como a revolta dos “chalecos amarelos” pide a súa dimisión. Macron gañou cunha mensaxe de “nin de esquerdas nin de dereitas”, pero na realidade foi a súa política ao servizo dos ricos -eliminou os impostos de transferencia de patrimonios- e de castigo ás clases medias e populares mediante novos impostos, a que está cavando a súa cova política. Nin sequera os anteriores ex presidentes, o socialista Françoise Hollande e o conservador Nicolas Sarkozy, que gobernaron un quinquenio cada un, tiveron tanto rexeitamento.

 A revolta dos “chalecos amarelos” deu comezo pola suba de impostos aos combustíbeis. Podía comezar por outro motivo, o que indica que, en realidade, foi a acumulación dunha canseira producida en pouco máis de ano e medio o que rebordou o vaso da paciencia das maiorías en Francia. Abonda con dicir que un 80% da poboación, segundo enquisas, simpatizan coa protesta. E é que, se cadra as sinxelas palabras dun manifestante en París, resumen o sentimento maioritario: “Estamos a vivir unha globalización infeliz”. Frase curta mais longa en significados. O certo é que unha e outra vez hai voces que expresan o abandono en que se senten millóns de franceses que observan que Macron goberna para os seus, para unha minoría podente que son ademais da capital. A Francia rural séntese humillada e mal tratada.

 Durante as últimas semanas, “os chalecos amarelos”, moitos dos cales son pensionistas que dispoñen de todo o tempo, paralizan autoestradas e autovías, así como as entradas e saídas das cidades. As súas protestas foron fortemente reprimidas por unha policía que na súa dureza obrigou o aínda presidente Macron a pedir perdón pola televisión pública. É verdade que, na parte manifestante, a violencia tamén se sucede, producida por grupos extremistas e de infiltrados que só logran enturbar as protestas pacíficas das maiorías, formadas por obreiros, traballadores por conta propia, profesionais, clases medias, estudantes, funcionarios e lexións de desempregados. Fronte a este movemento o Goberno mobilizou a pasada fin de semana (9/10 de decembro) 89.000 policías, deles, 8.000 en París. Xa hai 1.300 persoas detidas en toda Francia.

 Macron e o seu goberno están desconcertados. Asisten á intemperie, sen apoios sociais, a como o movemento vai sumando efectivos e reivindicacións. A crise empezou polos combustíbeis, seguiu co salario mínimo, a suba das pensións, a fiscalidade que castiga os de abaixo, e a iso sumáronse as universidades e institutos e axiña os traballadores da saúde. Como se di nas rúas francesas, se os temíbeis sindicatos ferroviarios terminan apoiando activamente a revolta, Macron terao definitivamente moi difícil.

 Todo comezou coa caída en desgraza dos partidos políticos de máis percorrido histórico. Macron xurdiu entón como un mozo con ambición e armado do discurso do novo, da innovación, como a única posibilidade de vencer a dereita da Fronte Nacional que lidera Marine Le Pen. As súas promesas soaban ben, e gañou con diferenza. Pero xa na presidencia volveuse fachendoso e desafiante. Anunciou cambios na Constitución e o recorte das pensións, e desde ese momento moitos apoios electorais volvéronse na súa contra. A tal punto que o que hoxe une os manifestantes que desexan a súa dimisión, non é un programa, senón que o aglutinador é simplemente o odio a quen consideran que os enganou.

 Macron acreditaba en que a súa elegante figura, a súa xuventude e bo falar ían íano converter xa nun encantador de serpes e que calquera das súas propostas sairía adiante. Craso erro. A crise en que vive Francia cunha porcentaxe altísima de persoas que non chegan a fin de mes, puxo de manifesto que a súa popularidade caía en picado ao non aplicar as políticas prometidas en campaña electoral. Francia, a súa poboación, non está para experimentos e menos aínda dun personaxe que inventou un partido para gañar, pero que en realidade veu gobernando con puro marketing. Como será a cousa que outro nacional populista, o ministro do Interior italiano Matteo Salvini, enfrontado co presidente francés por mor de Europa, vén repetindo “Macron xa non é o meu problema, é un problema para os franceses”.

 Na devandita comparecencia televisiva Macron anunciou a suspensión temporal das subas de impostos, un aumento do salario mínimo e a mellora das pensións. Foi un intento de reverter a crise. En balde. Os “chalecos amarelos” volvéronlle dicir que dimita, “a nosa resposta teraa nas mobilizacións vindeiras do sábado día 15”.

 É posíbel que o que sucede en Francia sexa a confrontación entre unha utopía tecnocrática e a emocionalidade de todo un pobo que o está pasando mal. E é que o liberal Macron, mellor dito o neoliberal, se cadra ignora o que custa encher o depósito de carburante, ou o que custa unha visita médica ou a matrícula universitaria, ou encher a cesta de alimentos. É o presidente de reiterados erros e frases ofensivas como aquela que dedicou os gregos ao dicir “son uns lacazáns”.

 O movemento de protesta pode cambiar Francia, emerxendo outra fase política. É a gran Francia a que está contra as cordas dun xeito inédito. Moitos daqueles mozos do 68 son hoxe avoas e avós vestidos con chalecos amarelos. Eles encarnan moi ben a Francia que se sente atropelada pola globalización e esquecida pola capital París. Para eles a loita continúa.

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 11 de decembro de 2018]