Área Pública da CIG reclama recuperar salarios e reforzar servizos públicos para facer fronte a carestía da vida

Tilda as declaracións de Sánchez de “desconsideración” ao persoal das administracións públicas
Nacional - 19 Abr 2022

O Goberno español acaba de anunciar que non lle subirá o IPC ao persoal das Administracións públicas. Ademais, anunciou que aplicará a mesma subida que para o sector privado, unha negociación que está novamente nas mans desa farsa denominada “diálogo social” entre as cúpulas patronais e sindicais de CEOE, UGT e CCOO.

De se confirmar esta intención, a CIG, sindicato maioritario no sector público galego, conclúe que a resultante das negociacións que se están producindo entre os sindicatos estatais e as empresas concluirán co temido “pacto de rendas”: que a clase traballadora e, por conseguinte, o persoal do sector público, volva cargar nas súas costas cos efectos dunha nova crise.

Por iso denuncia que as condicións laborais do persoal das Administracións Públicas non pode estar ligadas aos beneficios empresariais tal como se pretende, condicionado unha posíbel subida ao acordo do pacto de rendas.

O Goberno español impuxo un incremento do 2% dos salarios para o persoal das administracións para o 2022, cando a taxa interanual do IPC acadou en decembro o 6,5%. O Goberno estimaba un IPC para este 2022 do 1´5%, pero as condicións sociais amosan unha taxa de variación do IPC en marzo do 9,8%, unha cifra que afonda no empobrecemento dos salarios e un incremento desmesurado da carestía de vida.

A CIG propuxo para os orzamentos do 2022 que a suba fora do 5% anual no período 2022-2024, estabelecendo unha cláusula de garantía salarial para este período (asegurando ao final de cada ano que se subiría o equivalente ao IPC se este estivo por riba da suba), así como regular a recuperación das retribucións básicas íntegras na contía das pagas extraordinarias de todos os grupos, que foron recortadas xa no ano 2010 polo Goberno de Zapatero e que aínda non se recuperaron, sendo a Xunta dirixida por Feijóo, precisamente, a administración que máis duramente aplicou os recortes, negándose reiteradamente a negociar a súa devolución.

Cláusula de garantía salarial

Co escenario actual, a Área Pública da CITG considera fundamental establecer unha cláusula de garantía salarial que permita manter o poder adquisitivo e esiximos que se regule xa a subida real do IPC.

Xunto a isto denuncia que, malia autoproclamarse o máis progresista da historia, o Goberno español de coalición négase a suprimir as taxas e reposición que dende hai unha década veñen estrangulando o funcionamento das distintas administracións públicas, ao impedir a reposición dos efectivos necesarios, afondando así no desmantelamento dos servizos públicos e nas escandalosas taxas de temporalidade no sector público. Adverte que o mantemento da taxa de reposición é unha garantía do fracaso dos procesos de estabilización en marcha.