Área Pública reclama eliminar a taxa de reposición para frear o deterioro dos servizos públicos

Demandou tamén que todas as negociacións se desenvolvan na Mesa Xeral

Nacional -

Representantes da Área Pública da CIG mantiveron este xoves unha xuntanza co Ministro de Política Territorial e Función Pública, Miquel Iceta, xunto co secretario xeral de Función Pública e o secretario de Estado, na que reclamaron a eliminación da taxa de reposición de efectivos e demandaron fórmulas para a recuperación do emprego público perdido nos últimos 12 anos; parar a privatización dos servizos públicos e frear mesmo a súa desaparición.

Ademais, fronte as demandas de CCOO e UGT de que se abran as mesas de diálogo social, nas que a CIG non participa, os representantes da Área Pública da CIG, Xavier Picón e Maricarmen López Santamariña demandaron que todas as cuestións referidas, tanto ao persoal como aos servizos públicos, se aborde na Mesa Xeral, que “é onde se ten que negociar”.

Alta temporalidade

Por parte do Ministerio trasladaron a súa preocupación polas bolsas de persoal temporal que  hai nas administracións públicas. Nese sentido indicouse que están traballando nunha modificación do EBEP, nomeadamente no artigo 10, que iría no sentido de rematar con ela e penalizar a quen a promova.

Respecto da taxa de reposición, desde Función Pública aclararon que xa se trasladou ao Ministerio de Facenda o sentimento xeneralizado da necesidade de eliminala. Porén, segundo explican os representantes da Área Pública da CIG, “xa adiantaron que será imposible eliminala totalmente e que están buscando unha fórmula intermedia para que en aqueles sectores onde a temporalidade sexa máis alta se poida aplicar unha taxa de reposición distinta á dos sectores nos que non teñan tanta temporalidade”. Unha proposta que desde o Ministerio se comprometeron a remitir por escrito para facilitar o seu estudo e presentar alegacións.

Desde o Ministerio tamén se solicitaron propostas para pór en marcha procesos de estabilización das "bolsas" de persoal temporal. Respecto desta cuestión comprometéronse a entregar, en 8 semanas, propostas concretas tanto para a estabilización de emprego como para ampliación taxas de reposición.

Volver