Paros de dúas horas en Autoneum pola negativa da empresa a negociar melloras salariais

As medidas de presión convocadas polo comité da compañía da automoción con sede na Rúa terán lugar este xoves 4 e o venres 5 e incluirán tamén concentracións
A Rúa - 03 Dec 2025

O comité de empresa de Autoneum, presidido pola CIG, vén de anunciar a convocatoria de paros de dúas horas por quenda este xoves 4 e o venres 5 de decembro ante a negativa da dirección da compañía de automoción con sede no concello ourensán da Rúa a negociar a plataforma de mellora económica, tal e como vén sendo habitual dende hai anos.

Os paros parciais desenvolveranse de 12:00 a 14:00 horas na quenda de mañá, de 20:00 a 22:00 horas na de tarde e de 4:00 a 6:00 horas na de noite. Mentres que o persoal de oficina está convocado a parar de 15:00 a 17:00 horas. Ao mesmo tempo, desenvolveranse concentracións diante das instalacións da empresa nestes horarios. 

O noso obxectivo é claro: defender os dereitos laborais, recuperar a negociación perdida e garantir un salario e unhas condicións de traballo dignas

Dende a representación sindical, composta pola CIG, CCOO e UGT, explican que até o de agora Autoneum e o comité chegaron sempre a acordos que superaban o convenio colectivo da industria téxtil, un dos máis precarios que existen, “recoñecendo o traballo e o compromiso do cadro de persoal”.

Porén, este ano a dirección rompeu unilateralmente esa dinámica, e fíxoo ademais nun momento especialmente sensíbel. Xa que tras o incendio que arrasou parte das instalacións, o cadro de persoal dou mostra dunha “responsabilidade extraordinaria” participando mesmo na extinción do lume e asinando un ERTE “en tempo récord”.

A pesar disto, a empresa négase agora a negociar melloras salariais agás as que veñen recollidas no convenio, “medidas imprescindibles para asegurar unhas condicións xustas, acordes co volume de traballo e co sacrificio demostrado e así poder paliar o agravio comparativo con outras fábricas do grupo menos produtivas e con mellores condicións salariais”.

En consecuencia, o comité de empresa insta a todo o persoal a secundar os paros convocados os días 4 e 5 de decembro e fai un chamamento á veciñanza da Rúa e da comarca para apoiar este proceso de reivindicación. “O noso obxectivo é claro: defender os dereitos laborais, recuperar a negociación perdida e garantir un salario e unhas condicións de traballo dignas”.