Arredor de medio milleiro de persoas participan na manifestación de apoio á loita do persoal de IKF

Veciñanza da Guarda e do Rosal e delegados/as da CIG arrouparon os traballadores, tras 24 días de folga

A Guarda -

A veciñanza da Guarda e do Rosal respondeu ao chamamento e amosou a súa solidariedade coa loita do persoal de IKF en defensa das súas condicións laborais. Arredor de medio milleiro de persoas, entre veciños/as e delegados/as sindicais da CIG, percorreron en manifestación o traxecto dende a sede da empresa nas Cachadas até a praza Avelino Vicente para deixarlle moi claro á dirección de IKF que van aguantar o pulso que a compañía lles está a botar.

A marcha arrincou pasadas as 11:00 horas ocupando un carril da estrada e cunha faixa á cabeza na que se podía ler “Pola defensa dos nosos dereitos. Non máis retrocesos sociais. IKF en folga”. Neste mesmo sentido afondaron as consignas máis escoitadas durante o percorrido: “Dereitos conquistados non poden ser roubados”, “Somos traballadoras, non somos escravas”, “A igual traballo, igual salario” ou “Non á dobre escala salarial”.

Esta última é precisamente a principal reivindicación do cadro de persoal, xa a empresa pretende prolongar no tempo unha medida inxusta que o anterior comité, integrado por CCOO e UGT pactou coa dirección. Tal e como explicou o responsábel da CIG do Baixo Baixo Miño, Fin Fernández, ao remate da mobilización este acordo coñeceuse porque a central sindical reclamou toda a documentación dos pactos laborais unha vez logrou 4 dos 5 delegados/as do comité en 2020.

“Así soubemos que as persoas que entraran na empresa a partir de 2018 pasaban a ter outra escala salarial, polo que cobraban arredor de 5200 euros menos ao ano ca os seus compañeiros/as”. Fernández lembrou que se trata dunha escala salarial revisábel, polo que cando en marzo comezaron a negociar o novo pacto laboral propuxeron sen éxito a súa eliminación.

24 xornadas de folga

Ante a falta de acordo, e tendo en conta que a dirección pretende tamén impor a liberalización horaria, unha maior flexibilización da xornada e o cambio no goce das vacacións, a asemblea de traballadores/as decidiu convocar folga indefinida o pasado 14 de xullo.

O paro continuou a pesar dos contactos entre as partes xa que a compañía se negou a aceptar ningunha das propostas, pero suspendeuse durante o período vacacional de agosto. En setembro retomouse, aínda que nesta ocasión están a desenvolver paros todos os martes, mércores e xoves, polo que levan xa 24 xornadas de folga en total.

Fernández lamentou que a empresa lle estea a botar un pulso aos traballadores/as, polo que quixo recoñecer a súa capacidade de resistencia e de loita. “Isto non é máis que a punta de lanza do que pretende a empresa, xa que se cedemos o seguinte será o goce das vacacións en período non estival, traballar os sábados pola tarde, perda de licenza de horas para ir ao médico, baixas por IT, incremento salarial, etc”.

De feito, indicou que o grupo francés do que fai parte IKF ten unha facturación anual de 3800 millóns de euros, mentres que a de IKF non chega aos cinco millóns. “Semella que non lles preocupan as perdas que poidan ter coa folga, por iso non queren sentarse a pesar dos intentos da Inspección de Traballo para que negocien”.

Igual traballo, igual salario

Pola súa banda, o presidente do comité de empresa, José Luis Rodríguez, da CIG, lembrou que na actualidade a dobre escala salarial aféctalle unicamente a tres das 75 persoas que integran o cadro de persoal de IKF, polo que entende que non debera ser ningún obstáculo para chegar a un acordo. “O que queremos é que todos/as os traballadores/as de IKF teñan as mesmas condicións salariais e os mesmos dereitos”.

Tamén explicou que a empresa pretende que o persoal teña unha flexibilidade de até dúas horas diarias, ademais de traballar os sábados pola por 20 euros e os sábados pola tarde por 40 euros, “incidindo na precarización e vulnerando o dereito de conciliación da vida familiar e laboral”.

Finalmente, agradeceu a mostra de solidariedade da veciñanza da Guarda e do Rosal e o apoio amosado polos delegados/as sindicais da CIG que participaron na mobilización. No mesmo sentido expresouse o secretario nacional da CIG-Construción, Plácido Valencia, que incidiu na importancia desta loita solidaria "coa que os traballadores/as queren pararlles os pés a empresarios sen escrúpulos que non teñen límites nas súas ansias de acumular".

Ao final da manifestación tamén tomou a palabra o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, que fixo fincapé na valentía e na determinación dos empregados/as de IKF e salientou o feito de que se trata dunha folga solidaria, xa que a principal reivindicación non lle afecta a todo o cadro de persoal. “Tedes que ter moi claro que viremos até A Guarda todas as veces que sexan necesarias até conseguir que se garantan os vosos dereitos”, rematou.

Volver