Un 80% do persoal do comercio do metal da provincia de Pontevedra secunda a folga por un convenio digno

O paro de 24 horas convocado pola CIG, CCOO e UGT afectou ás principais empresas de distribución, recambios e concesionarios
Vigo/Pontevedra - 22 Nov 2022

As centrais sindicais convocantes da xornada de folga que ten lugar hoxe no comercio do metal da provincia de Pontevedra para reclamar un convenio colectivo digno cuantificaron nun 80% o seguimento por parte do persoal do sector, o que provocou o peche das principais empresas de distribución, recambios e concesionarios de automóbiles. Coincidindo co paro, grupos de traballadores/as mobilizáronse en Vigo e Pontevedra e percorreron as rúas e as instalacións de numerosas compañías organizados/as en piquetes informativos.

No caso de Vigo, ademais, desenvolveron unha concentración pola mañá diante da sede da patronal ATRA, na rúa do Príncipe, para a continuación marchar en manifestación cara ao farol de Urzaiz e regresar posteriormente até a Praza do Rei. Despois trasladáronse á Avenida de Madrid, onde se atopan boa parte dos concesionarios e das empresas máis importantes do sector. Algunhas delas traballaban, pero pararon ao paso dos piquetes, como Recambios Ochoa ou Torres y Sáez. Outras como Digamel e Comercial Bastos estiveron sen apenas actividade en toda a provincia, ao igual que Recalvi, que pechou en Pontevedra, mentres que en Vigo o 60% do cadro de persoal secundou a folga.

Xa pola tarde tiveron lugar novas mobilizacións nas dúas cidades, unha manifestación en Vigo dende Vía Norte até Urzaiz ás 19:30 horas, e outra en Pontevedra que arrincou da praza da Peregrina á mesma hora e rematou no mesmo lugar tras percorrer as principais rúas do centro da cidade.

A CIG, CCOO e UGT pretenden forzar a patronal a retomar as conversas para renovar o convenio, caducado dende 2020, unha vez que ATRA rompeu as negociacións ao retirar da mesa as últimas propostas que presentara. As centrais remitíronlles escritos a todas as empresas nas que teñen representación explicándolles o que está a acontecer como consecuencia da actitude desta asociación empresarial. “Estas compañías deberan estar representadas na mesa, porque ATRA lles está a ocultar información sobre a realidade da negociación”, sinala a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández.

Diante disto, as centrais remitíronlles escritos a todas as empresas nas que teñen representación explicándolles o que está a acontecer como consecuencia da actitude desta asociación empresarial. “Estas compañías deberan estar representadas na mesa, porque ATRA lles está a ocultar información sobre a realidade da negociación”, sinala a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández.

Suba salarial e redución de xornada

Ademais, os sindicatos reiteran a súa intención de intensificar as protestas se a patronal continúa coa súa actitude inmobilista e insiste en achegar propostas que a CIG cualifica de “miserentas”. De feito, na última o empresariado ofertaba un 0% de aumento de soldo para os anos 2020 e 2021, mentres que para 2022 ofrecía un 6,5% (dende xaneiro e sen revisión salarial) e un 4% para 2023 a 4%, sen revisión salarial.

En canto á redución de xornada demandada pola parte social, a patronal contemplaba unicamente 8 horas anuais ou cambialas por un día de libre disposición. “O que nós pedimos é que a revisión salarial con carácter retroactivo e que a redución de xornada sexa de canto menos 8 horas en cada un dos dous últimos anos de vixencia do convenio”, explica Fernández.

O convenio colectivo do sector do comercio metal de Pontevedra abrangue actividades tan diversas como comercio de electrodomésticos, ferretería e material de oficina; recambios e accesorios de vehículos; almacenistas-maioristas de material eléctrico; maquinaria en xeral; xoiaría, prataría, reloxaría, así como concesionarios de vehículos e establecementos de venda de neumáticos.