Arredor dun milleiro de persoas convocadas pola CIG lanzan un novo SOS polo naval de Vigo

O secretario comarcal advirte que cada vez queda menos tempo para certificar a morte do sector
Vigo - 19 Mai 2021

A CIG non está disposta a deixar morrer o naval vigués e reaxe de novo fronte a desidia das Administración e das organizacións sindicais estatais, que se poñen de perfil mentres o sector atravesa as súas horas máis críticas. Até o punto de que corre grave risco de desaparecer. Conscientes diso, arredor dun milleiro de traballadores/as acudiron esta tarde á chamada da central sindical e participaron na manifestación convocada na cidade baixo o lema 'Salvemos o naval. Polo futuro industrial da comarca de Vigo.

A marcha arrincou pasadas as 18:15 horas do cruce da Dobrada e rematou máis dunha hora despois no farol de Urzaiz, onde tomou primeiro a palabra o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, e a continuación o máximo responsábel da central sindical, Paulo Carril.

Durante o traxecto, no que se puideron ver faixas alusivas ás problemáticas de Barreras e Vulcano, berráronse consignas como “Queiran ou non o naval ten solución”, “Postos de traballo na nosa terra”, “Con estes gobernos imos de cu”, “Sector naval solución” ou “Xunta escoita o naval está en loita”.

Gonçalves fixo fincapé no feito de que tanto coa manifestación de hoxe como coa campaña que está a desenvolver a central sindical dende hai meses “queremos lanzar un novo SOS diante da situación crítica que atravesa o sector naval, porque non podemos permitir que sexa a crónica dunha morte anunciada, polo que instamos aos Gobernos español e galego a actuar dunha vez por todas despregando medidas para blindar a continuidade dun sector absolutamente vital e estratéxico para a industria viguesa”.

Incidiu na importancia de non ficar impasíbeis mentres o antigo estaleiro Vulcano camiña cara a súa desaparición definitiva e cando Barreras está nun punto crítico, sen carga de traballo á vista. “E cando no conxunto da industria auxiliar xa se destruíron, só no que vai de ano, catro de cada dez empregos”.

Ademais, lembrou que resta apenas medio mes para que expire o prazo no que a SEPI ten que responder a millonaria solicitude de axuda financeira que formulou a dirección de Barreras. “Pero estes días volvemos asistir a un novo episodio no que a Xunta volve botar balóns fóra, sinalando a Madrid como culpábel de todo, mentres o Goberno español segue sumido no silencio a pesar da desesperada situación do estaleiro”.

Neste punto cargou directamente contra o presidente da Xunta, ao que acusou de desentenderse dun sector que chegou a representar 10.000 empregos e que utilizou para gañar as eleccións con actos de propaganda no que se daba conta de “operacións fracasadas como a de Pemex en Barreras”. E incidiu en que a desaparición de Barreras podería ser un golpe “definitivo e letal” para o conxunto do sector naval.

Intervención pública directa

Con todo, reiterou para a CIG a solución non pasa por seguir apuntalando con diñeiro público a “nefasta xestión” dos propietarios privados do estaleiro. “Hoxe é xa incontestábel a incapacidade do capital privado para desenvolver as grandes potencialidades que ten Barreras, por certo, principal estaleiro privado do Estado español”.

Por iso apostou por unha intervención pública que condicione calquera inxección de recursos públicos á entrada directa no accionariado e na toma de decisións, “facendo que Vigo volva ter un estaleiro público, como o tivo até a privatización de Barreras”.

Gonçalves tampouco perdeu a ocasión de repetir a frase que resume o que a bisbarra se está a xogar neste proceso: “o futuro desta comarca será industrial ou non será”. Porque, tal e como denunciou, “o monocultivo do Camiño de Santiago poderá encher páxinas de propaganda, pero non garantirá a continuidade da actividade produtiva e do emprego, nin tampouco porá fin á crecente precariedade e á masiva emigración de xente moza por falta de oportunidades”.

Finalmente, adiantou que coa mobilización de hoxe “non remata nada”, xa que a CIG, como primeira forza sindical da comarca de Vigo e do conxunto do país, “seguirá a dar a batalla até lograr que as centenarias gradas dos nosos estaleiros volvan producir riqueza e oportunidades, pero sobre todo esperanza”.

Carril chama á loita para reverter a situación

Pola súa banda, o secretario xeral da CIG encetou o seu discurso reforzando a idea de que a protesta desta tarde é o principio dunha loita que a central sindical vai intensificar para reclamar unha “solución industrial” para o sector naval en Vigo, “pero tamén para trasladar as reivindicacións que estamos a facer ante a crise industrial que xa viñamos padecendo antes da pandemia”.

Lembrou que precisamente esta mesma mañá na comarca de Ferrol levouse a cabo unha marcha a pé de 16 quilómetros en protesta polos 16 meses de parón que se vai producir nos estaleiros “ante a pasividade dos Gobernos español e galego”. Por iso chamou a seguir mobilizándose para “deixar moi claro que estamos dispostos/as a loitar para reverter esta situación”.

Quixo deixar moi claro que a CIG non vai permitir que a crise siga a avanzar mentres se suceden as declaracións “non se sabe dirixidas a quen, pero dende logo non destinadas nin a salvar os postos de traballo nin o sector industrial; semella que queren que o regueiro de destrución de emprego e a crise industrial que golpea especialmente o norte do país se estenda ao conxunto da nosa nación”.

Lembrou que o pasado 10 de Marzo convocábase unha folga en Ferrol, “a zona xero desta crise industrial”, para dar unha resposta a esta situación e preguntouse se alguén se cre que imos vivir do que din esas declaracións, “deses millóns de euros de fondos europeos que non están pensados para que veñan gratis, senón que imos ter que pagar grande hipoteca en dereitos sociais, e están orientados a salvar as grandes empresas”.

En consecuencia, apelou a non resignarse a que nos obriguen unha vez máis a ter que emigrar para vivir, “como se fose un destino fatal do pobo galego”. Nin tampouco a que se nos diga que o noso futuro depende do Xacobeo e do Camiño de Santiago.

A gran fraude da eólica mariña

Carril non quixo pasar por alto tampouco o papel que están a xogar os sindicatos estatais, e puxo como exemplo o que vén de acontecer coa recente sinatura do convenio do metal pontevedrés por parte de CCOO e UGT. Acusou a patronal Asime de forzar a sinatura de convenios “que nos rouban dereitos”, pero tamén de “abrazar a eólica mariña” co obxectivo de “disfrazar” o proceso de desmantelamento do sector naval.

Neste senso, denunciou que a eólica mariña non é a solución do naval, “senón unha gran fraude e unha gran mentira”. “Non lles abondou con encher de encoros o país, con espoliar os nosos recursos e que a enerxía galega sirva para xerar emprego e industria noutros territorios mentres aquí pagamos a luz máis cara, asumimos os custes sociais e medioambientais e as nosas empresas pechan polos altos prezos da enerxía, que agora queren encher os montes e a costa de eólicos”.

Diante diso, ligou a credibilidade dos Gobernos a que atopen unha solución para o sector naval de Vigo e de Ferrol e criticou o “futuro de emprego” que se vincula ao proceso de dixitalización e descarbonización. “Non sabemos en que país será, porque no noso nin está a xerar emprego, nin industria, nin un futuro no que poidamos vivir e traballar dignamente na nosa terra”. Para rematar, reclamou que todos os recursos públicos e toda a capacidade dos poderes públicos se concentren na reactivación económica, “porque sen industria non hai futuro nin emprego”.