A CIG ten en marcha unha campaña para esixir unha saída galega xusta á crise con políticas que non supoñan, unha vez máis, saquear a clase traballadora. Con este obxectivo, a central nacionalista elaborou unha batería de propostas para a recuperación económica, a industrialización e a creación de emprego digno na nosa terra, con medidas de carácter transversal e sectorial nas que os poderes públicos teñen que xogar un papel fundamental e a través das que se insta a facer unha forte aposta en favor das forzas sociais galegas para o desenvolvemento deste proceso. Medidas que serán levadas ás asembleas convocadas por todo o país, de forma descentralizada, para facilitar a participación e dar cumprimento a todas as medidas de prevención fronte á covid.