Arrinca a folga indefinida en Urxencias do Hospital Clínico cunha protesta maioritaria dos traballadores/as

O SERGAS impuxo uns servizos mínimo do 100%, o que demostra a falta de persoal que hai

Compostela -

Traballadoras e traballadores de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago mobilizáronse esta mañá para reclamar maior dotación de persoal, un plan funcional e protocolos para garantir a mellor atención ás/aos doentes e evitar que se repitan, como adoita acontecer, os colapsos no servizo.

A concentración iniciouse ás 12:00 horas na porta de Urxencias e desde alí o persoal rodeou en manifestación o hospital, para rematar concentrándose no vestíbulo da entrada principal do centro sanitario. A mobilización coincidiu coa primeira xornada de folga indefinida convocada desde as 8:00 da mañá deste luns, até as 8:00 horas do vindeiro xoves, para a que o SERGAS decretou un 100% de servizos mínimos.

“O 100% dos servizos mínimos é a demostración de que o cadro de persoal é deficitario xa que na realidade ninguén puido facer efectivo o seu dereito a ir á folga”, explica Camilo Agulleiro, presidente da comisión de centro e representante da CIG.

A este respecto lembra que iso é o que demandan precisamente, máis dotación de persoal “para prestar mellor asistencia sanitaria e que isto redunde en beneficio das/os doentes”. Xunto a isto, reclaman a elaboración dun plan funcional para que se elaboren protocolos de actuación que “eviten a saturación do servizo e que as persoas de Urxencias que ingresan suban á planta o máis rápido posíbel ou que os manden para casa se non é preciso ingreso”.

Nese sentido o presidente da comisión de centro advirte que aínda non se chegou ao pico de gripe. Lembra que isto provoca, ano tras ano, o colapso do servizo. Por iso reclama que se adopten as medidas necesarias para evitar que, de novo, os corredores de Urxencias estean ateigados de doentes agardando a ser atendidos/as.

Xuntanza coa Xerencia

Agulleiro lamenta que non se chegara a un acordo, na xuntanza celebrada o pasado xoves entre a Xerencia de Xestión Integrada de Compostela e a Comisión de Centro, no relativo á negociación do plan funcional, para dotar de persoal suficiente todos os colectivos ( médicos, enfermeiros, TCAEs e celadores), porque iso permitiría “desconxestionar o servizo e prestar unha asistencia de calidade”. Malia iso salienta que, cando menos, a Xerencia si recoñeceu que é necesario reforzar con máis medios humanos as Urxencias do Clínico.

Para o persoal de Urxencias o plan funcional ten que ter unha estabilidade no tempo e debe ser negociado coa representación dos traballadores e traballadoras a quen Agulleiro xa adianta que manterán puntualmente informados/as de calquera avance que se produza para decidir conxuntamente calquera posíbel acordo.

Volver